6 jul 2008


Máquinas, de Bieito Iglesias (ECG 4.7.08)
Imaxe de Manet, "A estación do tren", 1872-1873.

No capítulo XV da Historia da beleza, Umberto Eco repasa a sucesión das máquinas belidas, desde os autómatos prodixiosos mencionados por Herón de Alexandría no século I endeica as máquinas célibes inventadas por Raymond Roussel nas súas Impresións de África por volta de 1910. Nun tranquelexante parágrafo, o escritor piamontés comenta o impacto producido polos camiños de ferro no dezanove: "Coa invención da máquina de vapor afírmase o entusiasmo estético polo maquinismo, mesmo por parte dos poetas. Como testemuña é suficiente o Himno a Satán de Giosuè Carducci, no que a locomotiva, monstro fermoso e terrible, se converte no símbolo do triunfo da razón fronte ao escurantismo do pasado". Por certo que o poema citado por Eco, publicado en 1863, empeza así: "Un belo e horrible monstro avanta: como os volcáns, os montes supera, devora as chairas...". Paréceme que Carducci ecoa en Curros Enríquez, nos versos que celebraban a chegada a Ourense da primeira locomotora: "Velaí vén, velaí vén avantando cómaros e corgas e vales e cerros".
Os comboios chegaron tarde á Galiza, por máis que os reclamase o pobo destas partes e aínda que os poetas glosasen o acontecemento. E non foi porque os indios incomodados co Cabalo de Ferro que chamoscaba os prados de Manitú sabotasen as obras arrincando as travesas, nin por causa dos asaltos do bandido Jesse James (...)

3 comentarios:

lourixe dijo...

Teño unha curiosidade histórica que non sei se algún dos eméritos contertulios poderá satisfacer. Mentres Curros estaba marabillado pola chegada do tren a Ourense, pregúntome como vería Rosalía a construcción da vía por diante mesmo da porta da súa casa, non lembro que aluda ao ferrocarril en ningunha das súas obras.

Anónimo dijo...

A vía do tren pasa a un kilómetro escaso da miña aldea. O suficientemente lonxe como pra que non moleste o seu son, e suficientemente cerca como pra oílo con claridade ,entre túneis. O tren era, funcionalmente, un enorme reló na miña aldea, cando case ninguén usaba reló. No canto de preguntar "Qué horas son?" adoitaba a preguntarse,por exemplo, "Pasóu o Terri (TER)?".

Unha vez, o veciño G*** preguntóulle a outro se xa pasara o "Mercancias". Cando lle respónderon que non, G*** respiróu aliviado, i engadíu: "Pois logo, aínda teño tempo", e marchóu correndo. O outro non lle deu maior importanza ó asunto, pero desta vez o tren era maís que un reló: G*** suicidóuse tirándose a ese tren.

(A vida dese G*** daría pra escribir un libro sobor da Galicia profunda, pero deixaréino pra outro día).

lourixe dijo...

A web da fundación non vai e non puiden comprobar cando se instalou Rosalía na Matanza, pero as obras do ferrocarril foron do 1862 ao 1873, polo que as supoño anteriores. De feito agora lembro que a súa última viaxe para ver o mar en Carril fíxoa en tren.