Tabú (Bieito Iglesias en ECG 21-8-08)
En recente conversa cun médico teso e estúpido, este acusoume de non aceptar a morte, convertida en tabú pola sociedade contemporánea. Tal xeneralización resulta no meu caso abusiva, porque si asumo a acabación en determinadas circunstancias e dependendo de qué persoa pase a mellor vida. Por exemplo: se finase o mencionado galeno empertigado e idiota, eu afrontaría o seu óbito con encomiable presenza de ánimo, con resignación cristiá e extraordinaria serenidade de espírito. Pero dáse o caso de que a ameaza da Gadaña pende sobre unha persoa por min moi querida e loxicamente desexo esgotar tódalas posibilidades de supervivencia. O menciñeiro en cuestión desempeña o cargo de Xefe de Servizo, sendo o peor dos profesionais que coñecín no hospital dos meus pesares, de onde deduzo que na saúde pública impera a selección natural negativa, aquela que empoleira aos menos aptos. Velaquí un motivo para non votar nas eleccións e para nunca meterme en política (non podo tomar a serio ningunha xestión que non despida a metade das batas brancas e tal providencia está fóra do alcance das autoridades democráticas, incapaces de tusirlles a gremios intocables).
Aceptemos pois a morte, incluso se con ela se atúan as lembranzas da xente que nos importa e que facemos nosas. No sinistro cuarto hospitalario sentín falar estes días dunha egua medio cega que comía rostrollo e que lles propinaba tremendos couces a unhas vacas que se chamaban Cabana ou Vermella; de como se comía a bica de millo con leite mazado polo verán, con chourizos ceboleiros por Semana Santa e con fígado encebolado pola mata; e escoitei partes meteorolóxicos rimados: por Santa Mariña, unha canadiña (de auga), por San Pantaleón, un canadón. Sei que estas acordanzas desaparecerán, pois todo canto existe merece perecer (Hegel). O que me amola é que non vaian dediante os malvados ou simplemente maliciosos para ir deixando sitio. Sentenza dun señor de Sigüeiro, filósofo el: "A metade da xente sobra".
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
1 comentario:
"Viejo refranero, anciano puñetero", pero ás veces, canta razón teñen! A determinadas edades, sempre se fala do mesmo, así sexa no ambulatorio ou no parque dos cativos. Eu escoitei este verán nos columpios o ben que se comía antes (¡¡) cando non había precociñados, o que duraban os zapatos, ou os facían durar, pois non había cartos para outros; o pouquiño que se gastaba en auga, que agora nos duchamos demasiado... calquera tempo pasado foi anterior, que din os Les Luthiers
Publicar un comentario