16 sept 2008


Tertulias televisivas.
Pan por pan 16-9-08, La Región.

As miserias do xornalismo foi o tema central do meu artigo longo do luns. Pero non collen todas as miserias en corenta e pico liñas e por iso insisto. Que me din dos faladoiros das TV? Lembran vostedes os programas de “La Clave” de Balbín, con debates educados, interesantes e ben argumentados? Xa non hai nada semellante. Hoxe o formato televisivo esixe personaxes mediáticos, canto máis frikis mellor, que berren moito e non deixen falar ós outros. E que insulten a cotío. E que sexan agresivos nas súas formas. Se son políticos, hai ou había un programa que lles decapitaban o micrófono, como a María Antonieta, para que non se “enrollasen” demasiado. En “La Clave” hai anos podíase organizar un debate sobre o marxismo ou calquera tema serio de actualidade. A maioría dos conterulios de hoxe precisarían do Google para esculcar primeiro quen foi ese tal Karl H. Marx.

1 comentario:

Anónimo dijo...

HENRIQUE ALVARELLOS
galñicia hoxe 20-9-08
caderno de brumas Hai unha cousa que se chama pudor...
Hai unha cousa que se chama pudor e que poucas veces se menta. É o recato, o saber calar a tempo e escoitar moito. A definición vén clariña nos dicionarios. Esa cousa rara que se chama pudor hai que retornala á sociedade. Que rixa algo isto, pois anda a xente ás ceibas polas teles masivas, dicindo, cada vez máis alto e disonante, máis vulgar e desvergonzado, todas as baldeiras reflexións que, sobre a nada e os seus camiños mortos, se lles veñen ás serraduras. Nun dos pseudodebates televisivos destes días atrás o coro ri cando un dos entrevistados afirma non ter a máis mínima idea sobre o tema que está sobre a mesa (falaban, se mal non lembro, de Rusia e Xeorxia). Mesmo fachendea da súa ignorancia. E todos a aplaudir. Noutro programa de sobremesa os seus presentadores botan unha boa presada de xuramentos por minuto, como se o idioma non tivese os caneos suficientes, abonda riqueza expresiva, para mostrar a indignación sen escorar cara ao barato do idioma. A xente que os escoita acaba crendo que, dicindo tacos, e ceibándoos ben alto, un ten máis razón. Ai!

O pudor é o grande mecanismo de regulación humana ante as linguas de lava catódicas. Se houbese algo de pudor, cada un respectaría o silencio do que está fronte a el (mais con silencio xa non hai programas, claro). O pudor é o freo a tempo. Por que a sociedade sempre lles ri os chistes aos impudorosos? A falta de pudor é encaixable na esfera da cantina, no eido do íntimo. Mais botada ás masas por teles e demais o único que provoca é desconcerto no pobo e, deseguido, contaxio en toda a sociedade menos preparada. Así, o que non ten argumentos sobre algo, cre que faltándolle ao pudor, pode saír airoso do envite. E nada máis lonxe ca isto.

Non por falar abertamente e en público, por exemplo, de temas sexuais, de sentimentos, de calquera intimidade, é un máis moderno, máis progresista, máis entendido... Todo o contrario. A menos pudoroso, só cabe un cualificativo: máis vulgar.