6 oct 2008


LINGUA, NACIÓN, CRISE
Marcos Valcárcel (La Región, 6-10-08)

Da lingua. Sempre é oportuno debater sobre a situación do galego e a súa historia na evolución social deste país. Por iso estou a ler o traballo de María Pilar Freitas Juvino “A represión lingüística en Galiza no século XX” (Xerais). Nacido nunha tese de doutoramento, de certo o volume é máis unha historia da normalización do galego nese período que o que anuncia na portada. Quizais as páxinas máis valiosas do mesmo sexan as do capítulo III sobre a lexislación represiva e coutadora do idioma, constante dende 1902: hai aí achegas curiosas como a prohibición doutros idiomas fóra do castelán nas caixas de mistos. Escúlcase tamén con detalle no papel represivo da escola, na desgaleguización da Igrexa ou no desprezo da Real Academia Galega (“Academia del estrume” na peculiar definición dun dos seus críticos).
Tamén se revisa, con detalle, a memoria que quedou na nosa literatura desas políticas represivas: velaí o papel dos Seminarios, tan ben retratado en “Amigos sempre” de Alfonso Eiré. Noutros aspectos hai simplificacións que conviña matizar moito máis: un exemplo, non se pode despachar en dúas liñas de descualificación o que supuxo no seu momento o “Informe dramático sobre a lingua galega” (1973) de Xesús Alonso Montero.
Da nación. Xa escribín neste xornal, noutras ocasións, sobre a gran figura de Plácido Castro, galeguista que representou a Galicia na Sociedade de Nacións en 1933. Pois ben, o concello de Vigo decidiu colocar unha placa na rúa Reconquista co texto: “Aquí viviu desterrado Plácido Castro, a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como nación”. Pois xa a temos montada. A placa non se pode colocar pola oposición dun veciño do edificio á palabra “nación”. O que pasa é que iso foi o que fixo Plácido Castro e só consta como feito histórico: os galeguistas históricos chamábanlle “nación” ó noso país, non “rexión” nin outra fórmula calquera. Así son as cousas.

Da crise. Transcribo, do meu blog, a explicación que dá un asiduo, Lobo Neghro, sobre a xénese da crise económica. Cando menos é orixinal e divertida, e quizais non moi disparatada: “Na prensa recollen que a movida toda dos bancos e crise foi debida a persoeiros psicópatas. Xa sabíamos que son o un por cento da humanidade, o cal é unha brutalidade. Eu xa calculara que ese un por cento se concentra como un almíbar na política e alcanza o rango dun cinco á dez por cento, o cal fai que a actividade política de partidos sexa altamente perigosa, enfermiza, e ás veces insufrible. Seica estes persoeiros caracterizados por unha ausencia total de moral e unha incapacidade de distinguir entre o ben e o mal tamén se concentran en lugares de poder económico. Eu víaos en direccións de multinacionais, pero non pensara velos no temón da banca trapalleira. Para chegar aí teñen que ter unha intelixencia moi aguzada e capacidade de traballo, alén da falta de moral. Pola intelixencia, a psicopatía non ten tratamento, só teríamos que detectala. Difícil porque son auténticos encantadores de serpes.”

No hay comentarios: