5 oct 2008


A MIRADA RETIDA (Marcos Valcárcel, La Región 5-10-08)
O espírito da paz.

Hai uns anos derrubouse aquí unha vella casa, caída ó chan como caen os soños cando esperta o día cheo de incertezas. Seica este lugar foi de antigo a claustra da igrexa de Santa María Madre; logo foi cemiterio medieval e aínda mercado dende mediados do século XIX.
É a praza da Magdalena, para Xesús Ferro Couselo, que traballou ó seu carón, o curruncho máis romántico da cidade: é doado coincidir co egrexio arquiveiro. Tamén Vicente Risco se emocionou coa paz e a beleza do seu fermoso cruceiro, que procede da Alameda do Cruceiro. Segundo conta Afonso V. Monxardín no século XVII querían poñerlle portas en Santa María Madre porque, di unha carta ó Correxedor de 1624, “a las noches se cometen allí feos y graves pecados usando mal del lugar tan pío”. Hoxe é un dos centros simbólicos da nosa cidade histórica, aínda que moitos ourensáns o ignoren. Nin sequera os poetas lle prestaron os seus versos: é ben sorprendente. Pero tamén reclamo que nunca perda o espírito da paz que impregna a súa fisionomía, a lenta vaguidade das súas sombras e o fecundo silencio das súas pedras enchoupadas de eternidade. (Foto de Santiago Barreiros).

5 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Pero segue a haber ou non pecados viles e graves nesa romántica praza?

Anónimo dijo...

De rapaz tiña eu aquela enciclopedia grosa ,de un sólo tomo, chamada "Enciclopedia Bruguera". A carón da entrada "Orense", e como única representación da cidade, había unha foto a cores de esa plaza. O pé rezaba:" Orense.Plazuela del Trigo". O encuadre era prácticamente o mesmo que o da foto do Santi Barreiros. Naquela, o chau era inda de terra.

Anónimo dijo...

Arume dos piñeiros: agora xa non, ou xa non tanto.Pero nos oitenta, era moi habitual nese entorno ver xoves con xeringas penduradas do brazo. Non sei si podería enmarcarse eso como "acto impuro", e por tanto catalogarse como "pecado". Que o aclare algún experto nesas cuestiós, que eu non lle sei. Pacat!.("Lástima",lit."pecado" ,en romanés).

Anónimo dijo...

"Lástima"= "Mágoa". Sorry.

Ana Bande dijo...

O recuncho da Magnalena foi un dos meus lugares naqueles gloriosos anos da mocidade, ¡cantos pecados e canta esmorga!. Polo día a praciña agasallaba con luces e sombras que che levaban a outros tempos. Alí estaba o encadernador ¿non?...eu lembro saír do arquivo a pasear por alí sempre marabillada con esa pedras tan ben dispostas. Eu cada pouco gosto de pasear por estas ruelas. Ata se pode traspasar a rúa do Villar sen moito perigo. Eso si, desapareceron aquelas putas que debuxaban rostros diferentes cada día con afeites que escandalizaban ás rapazas que saiamos do colexio e corríamos por alí para "asustarnos". Agora hai outras mulleres, as novas esclavas deste sistema que seica está a estourar.