"Foi Marcos o das uvas quen me presentou a Marcos de Auria"
Redacción Vieiros - 14:23 29/11/2008
Algúns dos comentaristas habituais do seu blog 'asuvasdasolaina', gaban ao historiador horas antes da súa homenaxe pública.
Arume dos Piñeiros. Nacín na solaina. Xa non recordo o día. Si, non obstante, o recebimento. Cálido, xeneroso. Ignoraba todo do anfitrión, do dono desprendido das uvas. Apenas podía imaxinar (nin quería probablemente) quen eran os/as que escribían naquela páxina con tanta entrega. Foi Marcos o das uvas quen me presentou a Marcos de Auria: nunca lle estarei totalmente agradecido. Mentres tanto, entro e saio a carón dese río dese mundo que se chama Valcárcel.
Xoan da Cova. Eu caín no blog de casualidade. Era eu un internauta consumado, pero non habitual dos blogs. Fixen crítica destructiva de algún texto do autor, e chamáronme "troll". Divertíume o nome e ,asumíndo o rol, empecéi a dar caña a destro e sinistro, sen saber moi ben contra qué ou contra quén. Sorprendéume ver que os contra-argumentos dos comentaristas tiñan un nivel intelectual non habitual, neste mundo internáutico que, daquela, aínda parecía monopolizado por adolescentes e xente moi xove. Non era unha web habitual. Outro contertulio chamóume "ágrafo", e tiña razón. Nunca na miña vida tiña estado especialmente interesado no galego ou na cultura galega,a pesares de ter sido o galego, na aldea, a miña lingua materna. Asumín o nick 'Troll -ágrafo', e seguin desenrolando ambos os dous roles durante unhos debates que se facían máis interesantes cada día. Nunca pensei que me fose divertir e aprender tantas cousas nun blog. As conversas cos contertulios determinaron unha porcentaxe significativa das miñas lecturas desde entón. Cando o Marcos me propuxo o cambio de nick a "Xohan da Coba", posiblemente inspirado nas miñas heterodoxas intervenciós, como heterodoxo era o famoso personaxe ourensán do así chamado, asumino de inmediato. Tamén o pasei ben coas cábalas que se fixeron acerca da miña identidade, en parte alentadas por as pistas falsas que me divertía en deixar. Mesmo apareceron referencias ao meu nick na prensa escrita. Alucinante. Cando o contertulio, que despois se chamou Lobo Neghro, chegou tamén para quedarse, e me descubriu, pasaron todos os habituais do blog a seren amigos do corazón, mesmo antes de coñecelos a moitos de eles persoalmente.
Xa dixen algunha vez que non é nada fácil "facer grupo". Os verdadeiros grupos son heteroxéneos, formados por persoas que asumen roles diferentes. A maioría das persoas queren rodearse de xente igual a eles. Só os líderes naturais congregan ao seu redor, de xeito espontáneo, a persoas moi diferentes entre sí, para formaren unha estrutura supra-individual. O que seguramente Marcos Valcárcel fai en moitos aspectos da súa vida, pero que, cónstame, fixo sen dúbida con este blog das Uvas.
Xosé M. González. Entrei porque había que entrar; vello coñecido, vella música, O Meu País... Dixen algo na columna de Xornal, o dono da Solaina veu saudar e correspondín na súa galería; visita de médico, chámanlle. Iso me parecía.
Si, home, si. Un gancho que te agarra e bum, volves, volves, non deixas. Comparece un tal Arume dos Piñeiros, temos certa diferenza en relación co peiteado. O amo da casa probablemente observa e sorrí por dentro; "estes rapaces...".
Ben sabido é que, por veces, non hai mellores amigos que os que se petaron de nenos. Aínda haberá máis relea, o dono quérese preocupar un algo. Auga de castañas, sorriso de solaina. "Era visto". Segue mandando vida e nós bebemos.
Lourixe. Móvome aventureira por moitos mundos. No meu devalar de estantiga cibernética en todos os cruces camiño do Parnaso faláronme das Uvas e dos seus afanosos vendimadores. Unha boa cuadrilla coñécese polo esplendor do maioral, e bebo agora gozosa do excelente mosto da Solaina.
Júlio Medela de Lobeira. Chega unha altura na vida en que cómpre reflectir, mesmo para os empresarios do tiro, das ‘voladoras' e dos churros bañados en chocolate. E don Marcos tamén é dos nosos, aínda que máis especializado: Un acróbata do espírito. O día en que un servidor entrou no seu blog, na súa espectral caseta de tiro, chimpou unha baralla moi especial, ben asegurada sobre tres palillos, e cun só tiro!!! Grazas, don Marcos.
Xosé Manuel González. E ao da Cova, entre o wolóf e a requinta, condensador e cervexas, faltalle só unha voltiña pola metempsicose.
E a Lourixe, Chairega Jones da net of nets, demora un anaco na raxeira e fai relato da aventura.
O cabaleiro moinante de Lobeira, adoito pirotécnico, resolve aterrando en arabesco e volcánica enxurrada. De onde a forza da vida se chama Nukus.
O Arume dos Piñeiros regala un soneto, inopinada fonte de imprevista sabenza, abraiante louvanza, derivación sicalíptica.
Pousa cadaquén a súa vianda no luxoso mantel. Na cabeceira da mesa, un Ludovico Sforza menos guerreiro quizá, máis ilustrado.Arume dos Piñeiros. Vai vir o Beria e mandarnos a todos todas á Siberia a menos corenta graos. Ou algo así.
4 comentarios:
Parabéns aos contertulios.
Faltou que falara tamén eu. Mais que podo dicir cando todas as palabras xa foron ditas, tan ben ditas, tan sinceramente ditas, tan cariñosamente ditas, tan xustamente ditas para un amante da voz e da palabra como Marcos Valcárcel?
Faltou. Ten razón vostede, pero estabamos agardando que traera aquí este emocionante comentario.
Marcos é unha presencia maina dende aquela atmosfera familiar do Ourense da transición que se foi afirmando até convertirse hoxe en referencia da vida cultural en Ourense, cunha palabra mesurada, e un estilo de facer pais, que sen dúbida é xa edificante para os seus amigos e as novas xeneracións.
Jimy de Rairo
Eu viñen vendimar ás Uvas cando me enterei que o diabólico e "caliginoso" Doutor Medela ou Madialeva de Lobeira Afincado en Allariz pretendía conquistar para el só o tenro corazón da nena Mary do Micalla. De momento, o moi bribón e escorregadizo está a sairse coa sua, pero que non faga moita confianza nas suas posibilidades porque xa dispoño dunha presada de detectives selvaxes camuflados nas montañas nevadas de Penamá que pronto cairán sobre Allariz para apresar ao impostor e restituirlle a nena Mary á maioría do povo allaricense soberano. Que se vaia preparando o diabólico, que desta non se libra.
Publicar un comentario