18 nov 2008

Obama si pode
ECG. 13-11-08

BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR

Por ter nado eu na Galiza profunda, case me levan lástima os votantes de Kentucky ou Cansas, desa Norteamérica non menos entrañada, que quedaron cun palmo de nefres ao ver na Casa Branca a un tipo bronceado (Berlusconi dixit).
Por parte da cor, aos electores do fosco Sul e do Medio Oeste camponio, non lles chistou un candidato do que temían a suba da contribución e a interdición de gastar armas así sen máis nin mangas. Eses drégolas de barba rubia, camisa a cadros e calzas vaqueiras, que o tópico fílmico pinta enviando cervexa en bares de estrada e que Tom Wolfe describe como langráns dados a tirarse coios na noite do sábado (igual que se acantazaban aquí os rillotes malensinados hai catro días), xa non se consolarán coa idea de que aínda existe unha clase inferior a deles, integrada por pretos marcados co estigma dos devanceiros escravos. Que farán para soerguer a autoestima?
Quizais lle abonde con arrebollar e marcar unha vaca de cornas ganchelas. De resto, en Europa e por estes pagos, a elección de Obama recibiuse con indisimulado contento, pola asa progre e mesmo por varios líderes da asa conservadora. Non era para menos, despois de aturar as meteduras de zoca da Administración Bush, que levantou avespeiros na xeopolítica e deixa a economía aterecida. Outra cousa é o entusiasmo un chisco infantil desatado cada vez que os medios de comunicación publicitan un "feito histórico". Un terzo dos americanos con dereito a voto abstívose, ben polos engarros do sistema electoral, ben porque son personaxes de novela de John Updike e pensan que "a historia sucede, pero non nos sucede a nós agás que nos asoballe".
Un xornalista definiu a Obama como "nacionalista irredento cunha concepción case mítica da patria", apoñéndolle trazas de Ibarretxe. Supoñendo que acertase no retrato, o único seguro é que con el non han poder nin Rosa Díez nin Savater.

12 comentarios:

Anónimo dijo...

Penso que a Hillary Clinton non se lle perdoou o non ter abandonado o marido despois do caso Lewinsky.
E o facto de Obama non ser "branco" foi factor decisivo na súa vitoria, fóra das desfeitas e infamias da era Bush.
Se Sarah Pallin fose "negra", talvez tería gañado.-
Ufffffffffffff, non me gusta a política.

Anónimo dijo...

Todos somos nacionalistas. So cambia o concepto de nación que temos cada un de nós.

Anónimo dijo...

Iso, amigo Xosse, non deixa de ser un reducionismo.

Anónimo dijo...

A propósito de tal, qué lles parece esta frase de Juan Goytisolo que lle acabo de ler nunha revista desas que dan gratis nas librarías:

"Soy antinacionalista por principio, pero también un defensor acérrimo de cualquier cultura, sin distinción".

Anónimo dijo...

Buuf.
A mín, todo o que non sexa suxeto, verbo e complemento directo ,fáiseme moi complicado pra analizar.

Anónimo dijo...

Eu son nazonalista da intersezón entre o fuso horario cero, e a franxa comprendida entre o Ecuador e o paralelo de latitude 62 graus.

É que nacín no 62.

Hasta unha altura de 2000 metros, sobre a lonxitude media do radio terrestre. Máis arriba, paréceme estar no extranxeiro. Non respiro ben.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

acérrimo, ma.
(Del sup. de acre2; lat. acerrĭmus).
1. adj. Muy fuerte, vigoroso o tenaz.
2. adj. Intransigente, fanático, extremado.

acre2.
(Del lat. acer, acris).
1. adj. Áspero y picante al gusto y al olfato, como el sabor y el olor del ajo, del fósforo, etc.
2. adj. Dicho del genio o de las palabras: Áspero y desabrido.
¶ MORF. sup. irreg. acérrimo.
3. adj. Med. Dicho del calor febril: Acompañado de una sensación como de picor.

Anónimo dijo...

O Arume sempre a facer brincadeira...¿Será capaz de falar en serio ou prohibirallo a súa relixión?

Anónimo dijo...

Dedicado a todos os que están de "casual friday":PREMER.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

A min gústame a brincadeira porque o humor é o máis importante da vida, pero precisamente vaimo dicir co comentario máis serio que puxen nos últimos tempos: unha nota filolóxica para un autor que defende que a importancia dun autor calíbrase polo que pode aportar á súa lingua. Goytisolo é home preocupado polas palabras: explicar o que significa acérrimo nunca está de máis. Quizáis noutra ocasión empregue outra ou tal vez enfatice (esto é un anglicismo, pero en fin) esta. Pero non sei se lerá este blog: unha mágoa nese caso.

"Defensor acérrimo" tamén era aquel Magriñán que cubría (con perdón) ao Di Stefano ata os vestiarios.

Anónimo dijo...

Eu son máis nacionalista ca acre. Paréceme. Abúrrenme os reducionismos e lugares comúns; sobre todo o dos que, na gran palabra, cambian por sistema o c por un z. In littera ou in pectore.

Anónimo dijo...

O humor é unha planta lixeira con raíces profundas