Sangue Blaugrana
ECG. 30.10.2008
BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR
Había tempo que non sentía falar de Deus, Patria e Rei, así con maiúsculas e con toda a carga ameazante que encerra tal lema.Tiven coñecemento por primeira vez desa tríada na escola nacionalcatólica e grazas ás páxinas esclarecidas da enciclopedia "intuitiva, sintética e práctica" que daquela chapabamos os alumnos. A mesma que me informou do "noso" imperio africano: "Las posesiones de España en África son las ciudades de Ceuta y Melilla, el peñón de Vélez de la Gomera y las islas Alhucemas y Chafarinas, al norte; las provincias de Ifni y Sahara, al oeste, y las de Río Muni y Fernando Poo, en el golfo de Guinea". E de África precisamente chégame agora noticia da temible divisa, pois parece que os rapazolos marroquinos deben escribila non sei moi ben onde (nos cadernos escolares?) sen atrapallarse. Disque un mozote con gana de brincar trocou o emblema e estampou Deus, Patria e Barça. Nunca tal fixera! Os vixías do reino consideran que lle fixo a burla ao maxestoso Mohamed e queren meterlle un bo paquete. Existen monarquías máis ou menos sentidas ou susceptibles. Por exemplo no Reino Unido a familia de Isabel foi motivo de francas risadas cando saía nuns monicreques televisivos cagados e cuspidos aos membros da casa real. En España cómpre andar con pés de la e non facer debuxos escabrosos de persoas de sangue azul. E, no reino alauíta, coidadiño con substituír o sangue azul polo blaugrana! Non me custa nada porme na coira dese raparigo pándigo que coroa a Xavi ou Iniesta e entroniza a Puyol no canto do rei que lle asignou a historia. Porque eu tamén sufrín a un profesor de Formación del Espíritu Nacional que che daba un lapote se non escribías de requitilla na libreta o discurso proferido por José Antonio no Teatro da Comedia. E porque creo que os pupilos de Guardiola practican un fútbol rexio. Quedo coronando ("coronar" significa deleitarse en galego auriense) cando gañan os partidos por cinco a cero.
O jogo bonito -case brasileiro- do equipo culé é un magnífico antídoto contra a estupidez das testas coroadas.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
5 comentarios:
O Messi de Coles.
O que coroa de verdade é comprobar o fracaso daquel sistema educativo que felizmente morreu parindo froitos coma estas uvas, si señor. Nesta facultade veu este ano unha rapaza do Irán para estudar o posgrao de xénero. É alucinante falar con ela, véñenseche os topicazos ao chan ¡co ben que me sentan estas caídas libres!!! Pregúntome se hai que ter aínda máis valor nese pais seu para, non só ser muller, senón tentar e presumir parecelo todo o día. Só vos digo que dá gusto falar con ela ¡que sinxeleza e beleza de rapaza! Ás veces ven preguntarme o significado dalgúns "palabros" e eu alucino cando traduce as miñas explicacións nese preciosismo que é a caligrafía árabe. A cambio deses miñas humildes explicacións ela agasállame cada día cunha palabra no seu idioma. Hoxe aprendín o Aa e o Bb cos que se pode dicir "auga" e "pai".
Marcos, mire ben este post e xa lle contarei.
Unha rapaza de Teherán mesmo que foi vendimar ao día seguinte da súa chegada.
La Formación del Espiritu Nacional es una modalidad del quehacer educativo que tiene dos vertientes:
a) el encauzamiento del sentimiento natural patriótico,
b)...
(levo tempo intentanto lembralo e non dou..)
¿Hai alguén por aí do vello Maculino ou INEMMO, que a lembre?
Como nunca fun da OJE non dei pasado do seis.
Eu fun 'arquero' da OJE...
Teño fotografías, probas materiais contundentes, e daquela non había fotoshop!
jajajajajajajajajajajaja
Publicar un comentario