29 nov 2008

A TECELÁ EN OUTONO

Marcos de Auria.

Marica Campo
El progreso
28/11/2008

OURENSE é pedra, ladrillo, formigón, río, pontes, outeiros e auga calda no meridiano 7° 52’ 12’’W. Auria é pensamento, memoria e literatura no meridiano dos soños. Como nas cidades invisíbeis de Italo Calvino, Auria acontece sobre o mesmo chan que Ourense malia pertencer aquela a un outro mundo ben diferente. Moitos dos habitantes de Ourense morrerán sen saber que existe Auria, mais todos os habitantes de Auria coñecen Ourense.

Auria ten alcalde de seu. As súas ocupacións non teñen nada que ver coas do alcalde da cidade visíbel. Este debe mirar polo estado das rúas, a situación do emprego, a calidade da auga ou os impostos. Aquel anda sempre na teima de comunicar ambas cidades, de facer visíbel a invisíbel, de descifrar o palimpsesto da cidade para que Ourense, ademais de corpo, teña tamén alma. Alma, esa conciencia de si propio, coñecemento e memoria, urdido de historia e fábula alén do tempo dos que o habitan. Auria.

O alcalde de Auria chámase Marcos Valcárcel. Mañá, 29 de novembro, presenta no Liceo da Cidade das Burgas unha súa Historia de Ourense. Con ese pretexto renderémoslle testemuño de admiración e amizade nunha cea homenaxe que ha xuntar multitude de persoas de todo o país. Agasallaremos en un a moitos homes: o erudito, o historiador, o activista cultural, o escritor, o profesor, o amigo e, sobre todas as cousas, o home de ben.

Conta Castelao no seu Sempre en Galiza a anécdota, por el vivida en Badajoz, daquel crego da catedral que, dispondo dun magnífico órgano alemán, pasaba as horas a lle estudar as tripas e a limpar os excrementos que os morcegos deixaban nos tubos, mais sen tocalo e sen llo deixar tocar a ninguén. "¡Que lástima de órgao e que pena de organista!" di, para engadir logo que no censo de intelectuais que moran na nosa terra hai unha chea deles que se asemellan ao organista de Badajoz: sabios, mestres, técnicos; mais improdutivos.

Non é este o caso de Marcos Valcárcel, como xa queda sucintamente descrito, senón todo o contrario. Sen estridencias e desde a primeira mocidade, a vida deste home é a dun servidor, sempre de garda, da causa de Galiza. Ourense é a metonimia ou, se o prefiren, a parcela privilexiada do seu labrar. Da súa produtividade fala ben ás claras a morea de libros que ten publicados até o de agora, con cincuenta anos e máis quefaceres que o da escrita. Non é posíbel citalos aquí, mais si resumir que por el sabemos moito máis da Xeración Nós, do lexicógrafo Eladio Rodríguez, da literatura, historia e xornalismo de Ourense. De Blanco Amor, o que lle dera nome á Auria que Marcos poboa. ¡Poboar!: Ocupar un lugar con xente. Sinónimo: ¡habitar!. A iso nos chama o amigo, a vivir con el no meridiano do coñecemento, a memoria, a literatura e os soños. En Auria. En Galiza.


2 comentarios:

Anónimo dijo...

Fermoso texto, abofé.

Anónimo dijo...

Concordo, moi bo.