3 dic. 2008

O DISCURSO DO 29 (e 2)

E quero rematar estas palabras de agradecemento cunha lembranza dos meus anos de infancia e formación. Quizais os meus intereses intelectuais se definiron xa de moi novo: lector entusiasta de canto caía nas miñas mans –tebeos, revistas, libros, etc.-, da miña infancia lembro en casa varias coleccións sobre fauna e natureza e moitos libros de mitoloxía, cos que me agasallaban os meus pais. Entre eles estaba un amplo volume de “Mitología clásica ilustrada”, de Otto Seeman, que publicara Vergara en Barcelona: teño a quinta edición, de 1968, e debín lela ós 14 ou 15 anos. Aquilo me abriu outra dimensión da realidade e me descubriu o enorme potencial da fantasía e a riqueza humana para contar historias e comprender o mundo a través delas. Logo viñeron a Ilíada, a Odisea, moitos clásicos gregos, e tamén a Divina Comedia, de Dante: cando se len tales libros a esas idades queda un marcado para sempre, a miña vida, inevitablemente, estaría rodeada de libros, xornais e revistas.
Houbo, entre elas, nos anos do franquismo final algunhas que deixaron unha pegada especial. Falo de “Triunfo” e da revista mensual “Tiempo de Historia”, dúas aventuras nacidas da man de Eduardo Haro Tecglen que foron, cando menos para a miña xeración (tamén para outras), unha auténtica escola cívica, de formación dun espírito ético de liberdades, moi arredado da Formación del Espíritu Nacional que estudiabamos nos manuais escolares.
Aproveito a ocasión para render contas dunha débeda persoal que teño, hai moitos anos, con Haro Tecglen, a quen logo tiven a honra de presentar no Liceo ourensán: eu era aínda moi novo cando chegaron á miña man os primeiros exemplares que vín de “Tiempo de Historia”, trouxéraos o meu irmán Fiz cando estudaba en Madrid. Lembro aínda os seus contidos e argumentos, as súas fotos de portada: un grupo de republicanos a fuxir de Xixón nunha barcaza cando a cidade era tomada polas “tropas nacionales”; un cartel coa cruz, o globo terráqueo e a bandeira rojigualda baixo o lema “Catecismo Patriótico Español”; un retrato en escorzo de Lenin convocando ao soño revolucionario. Nas súas páxinas aprendimos moitos mozos a deletrear con paixón nomes ata entón ignorados e prohibidos: Trotsky e Bertolt Brecht, Ricardo Mella e Besteiro, Machado e Araquistáin, entre tantos outros. Descubrimos alí a existencia dunha outra historia, reveladora e transformadora: a antítese do que nos ofrecía, co mesmo nome, a escola nacional-católica que padecíamos. Alí escribían tamén, de cando en vez, autores galegos como Blanco Amor, Xesús Alonso Montero, Ramón Chao, Javier Alfaya ou Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros. De xeito consciente aquela revista abría os seus brazos para contarnos a historia dunha Galiza cultural negada e exiliada: Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Celso Emilio Ferreiro..., eran cita habitual nas súas páxinas. E tamén o eran os novos artistas galegos, desde a mirada crítica de Moreno Galván, e o noso nacente teatro galego arredor de Abrente e Ribadavia, ben atendido nas crónicas de José Monleón, ou a música de Voces Ceibes e a Nova Canción Galega.
“Eu penso sempre en alguén vivo cando escribo. Esa vida trasmítese ao fluído diálogo, cheo de creatividade, que establezo co seu pensamento, sen autocensuras”: velaí o segredo de Haro Tecglen, a quen evoco agora con agarimo.
Contei isto como unha páxina posible do meu Arredor de si, porque penso que é unha experiencia semellante á de moitos mozos e mozas da mesma xeración. E hai outras moitas páxinas por escribir. Por exemplo, a pegada que me deixou o crego Digno González na necesidade de ter unha visión aberta, solidaria e crítica do mundo. Ou a redescuberta de noso que significaron para min as clases da Auriense, onde tivemos o privilexio de contar con profesores como Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Carlos Casares ou Francisco Rodríguez, entre moitos outros. Habería páxinas nesa miña glosa oteriana que falarían da misa en galego na Capela do Santo Cristo e da Coral de Ruada de Manuel de Dios e do mestre Vide (eu neno escoitei a misa máis dunha vez ó seu carón, no órgano do Santo Cristo, entre xigantescos anxos e columnas salomónicas). E debería falar do Cine Clube Padre Feijoo, con Pepe Paz, Bobillo, Álvarez Pousa, que nos ensinou a ver bo cine italiano e a Bergman e Dersu Uzala, e tantas xoias; e dos debates no Ateneo, de Histrión 70 e os versos de Celso Emilio (Tempo de chorar) e da última páxina de La Región, con artigos a diario de Otero, Ben-Cho-Shey, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Luís Trabazo, Carlos Casares, etc. Todo un luxo na formación dunha persoa amiga das letras! Cando os estudantes do Instituto saímos á rúa contra as pestilentes celulosas que querían instalar no val ourensán, don Ramón escribía coa súa lírica melancólica contra ese pesadelo e en defensa do Pai Miño.
Todo isto sucedía entre 1972 e 1974, anos da miña adolescencia e de reencontro co meu país e a cultura de noso. Foi decisivo o meu salto ó Instituto Masculino e o encontro con xentes coimo Bieito Iglesias, Benito Alonso “Roi”, Manuel Guede, Paco García, Carballude, etc., todos nun mesmo COU de letras. Íamos para filólogos porque tal nos aconsellaba Paco Rodríguez na Auriense. Pero encontrámonos cun ser encantador, unha profesora leonesa, recén saída da Universidade, que nos daba clases de Historia, unas clases didácticas e rigorosas. E que, sobre todo, nos deixaba debater nas clases sobre os Irmandiños ou sobre o Sempre en Galiza, de Castelao. Moitos dos seus alumnos acabamos na Facultade de Historia; tamén é certo que nunca deixamos o mundo das letras e varios rematarían por facer carreira literaria.
Eran tempos difíciles e para montar un simple posto de libros no Día das Letras Galegas tiñamos que pelexar co xefe de estudos e co director do Instituto. Pero as cousas ían avanzando, de vagariño, co esforzo e sacrificio de moitos. Penso agora que naqueles días empecei un camiño do que nunca me arredei nos últimos 35 anos. Tiven ó meu favor moitas plataformas para expresarme: nos libros, na prensa, no labor cultural. Sempre en plena liberdade: podo ler os meus artigos de hai anos sen avergoñarme de nada. Ese camiño fíxeno con todos vós, os amigos que hoxe me acompañades, e de novo reitero as miñas grazas a todos e todas: por estar aí, por darme folgos, por quererme, en suma, querenza que procurarei devolvervos sempre na medida das miñas posibilidades.

7 comentarios:

xdc dijo...

En realidade está enteiro?

Fállame a memoria. Créia lembrar que remataba coa expresión "arredor de sí"

marcos valcarcel dijo...

Como sempre, ten vostede razón, XDC. Rematei coas últimas liñas da novela Arredor de si: mañá engadireinas, agora estou un pouco canso.

xdd dijo...

Non nos racanée o mellor teto que escoitéi nos últimos tempos, Marcos. E non llo digo por darlle xabón, xa debe de saber que non é o meu estilo.

Queñes estaban conmigo na mesa puderon ver que lle faléi á miña dona ao oido un par de veces durante o seu discurso. O que lle decía era (en castelán, que é o que fala ela): "Joder, qué cabronazo, qué bueno es esto". Ela asentia, non sei si por darme a razóno como aos tolos, ou porque o pensaba realmente.

xdc dijo...

Joer.

Onde puxen xdd, é xdc

Onde puxen teto, é texto.

apicultor dijo...

Foi, sen dúbida, un gran discurso, tanto na forma como no fondo.

XDC dijo...

Dígame unha cousa, Marcos, e perdoe que use este medio para facerlle a pregunta.

Estaría disposto a volver a leer ese discurso diante dunha cámara, pra dalo a coñecer a toda a cidade de Ourense, via TV local?. Meréceo todo Ourense, e non sólo os que asistimos, na miña humilde opinión.

Sólo digame sí ou non. A cámara moveríase a onde diga vostede.

Anónimo dijo...

Esa programación do Cine-Clube é anterior a época de Pepe Paz e compañía.
Cáseque ninguén lembra esa primeira etapa que habería que calificar de "itinerante":barrio da Ponte, as Carmelítas, a casa da Xuventude,etc..