3 dic 2008


O tesouro da amizade, de Miguel Anxo Fernán Vello (GALICIA HOXE, 3-12-08)
Imaxe: Alice, de Modigliani, 1915-

O tesouro da amizade brillou como nunca estoutro día en Ourense na homenaxe que os amigos lle realizaron ao escritor e historiador Marcos Valcárcel. E tal realidade mostrada fainos, sen dúbida, reflexionar, pois a min resúltame de suma importancia o que aconteceu na cidade das Burgas. Vaiamos ás palabras e ao sentido. Amicitas e amicus son entrañábeis voces latinas que proceden á súa vez de amare; velaí o sentido profundo da amizade: a máis nobre modalidade do amor. A amizade, pois, como "centro da vida" -que así era para o gran filósofo-, como valor ético; e, por outra banda, a amizade que duplica a ledicia e divide a angustia pola metade (Francis Bacon). Non hai dúbida de que a amizade era para Aristóteles un tema fulcral, e non en van dedícalle o filósofo os libros oitavo e noveno da Ética para Nicómaco, asegurando, entre outras cousas, que non se pode vivir sen amigos. No caso de Marcos Valcárcel, e despois da multitudinaria homenaxe nacional recibida, un ten que ir forzosamente -para mellor entender o fenómeno amical do ourensán- ao Libro Oitavo, capítulo VI, da Ética para Nicómaco, onde se pode ler que "a verdadeira amizade é unha especie de exceso no seu xénero; é unha afección que supera a todas as demais, e diríxese pola súa mesma natureza a un só individuo; porque non é moi doado que moitas persoas agraden á vez tan vivamente". Palabras certeiras. Está ben claro que, no caso de Marcos Valcárcel, existe un gran poder de atracción e ao mesmo tempo de proxección da amizade, como se a súa figura fose un centro que todos celebramos. E é este tipo de amizade unha forma de admiración e unha forma de identificación, non contaminada en ningún momento por calquera caste diso que se entende por "política da amizade", que diría Jacques Derrida. A amizade que se mostra como unha forma de enerxía arredor de Marcos Valcárcel é, en definitiva, a vella e nova materia galeguista da fraternidade, e o noso amigo está no centro desa materia: un tesouro que debemos gardar no centro de todos.