29 dic. 2008



O XENIO DA RÚA LAMAS CARBAJAL
Marcos Valcárcel


Un ano despois do seu falecemento, lembraremos na súa cidade natal a Xaime Quessada, en actos a celebrar no Centro Simeón e no Liceo. Cando morreu, o seu amigo Acisclo Manzano dicía entristecido que se sentía enganado porque pensaba que Xaime era inmortal. E non o foi na súa persoa física, só o son os deuses que nós mesmos inventamos, pero si na vixencia da súa obra, tan xigantesca como poliédrica, tan monumental como renovadora e imaxinativa.
Vangarda. Foi un home de vangarda o Xaime, case dende os seus inicios, cando chega con 19 anos a Madrid a estudar Belas Artes. Pero a mirada de vangarda xorde na súa obra despois dunha acaída asunción dunha longa tradición que invoca nomes como Leonardo, Velázquez, Goya, Picasso e Francis Bacon. Non se trata pois dunha falsa vangarda ou pose coxuntural, senón do diálogo estético entre o Novo e o Vello, que xa preocupara ós homes de Nós e ó movemento dos Renovadores na arte galega dende os anos 30. Con ese espírito se fundaría o Volter, nos anos 60, e creo que Xaime Quessada tivo sempre moi claro que Tradición e Vangarda eran universos paralelos, que se retroalimentan na nosa mirada. Sempre escoitei a Xaime falar ben de mestres como Vicente Risco e Manuel Prego: diso é do que falo.
Raíces. Sen ningún xeito de contradición, Quessada foi un artista tan cosmopolita como asentado nas máis fondas raíces. Aberto ó mundo e á contemporaneidade, utilizou múltiples linguaxes e estilos: expresionismo, abstracción, expresionismo cubista, realismo, surrealismo, pop art e transvangarda. Fusionándoos, mesturándoos, contaminándoos se fose preciso: tivo un bo mestre en Picasso que, por nacer antes, inventouno case todo. Pero hai na súa obra tamén, por exemplo no cálido lirismo dos seus interiores, o alento dos mestres do Renacemento e do Barroco. E todo o dinamismo, pura tensión dramática, da lectura da modernidade que fixeron as vangardas de comezos do século XX: velaí “O dictador”, entre outras moitas mostras posibles. Pero, home culto e ben intelixente, sabía da falacia do concepto de Progreso nas artes: por iso el mesmo declaraba que era un simple aprendiz das covas de Altamira. E non era unha arroutada.
Liberdade. Os ourensáns da miña quinta vivimos enchoupados nunha néboa artística que tiña na obra quessadiana un dos maiores pulos. Os seus deseños estaban nos libros, nas revistas, nos carteis máis variados, nos murais políticos, no teatro, na moda, nas estatuas e monumentos das rúas, etc. A súa obra, tan comprometida coa xustiza e coa liberdade, acabou por converterse, como os versos de Celso Emilio, nunha metáfora da rebeldía necesaria para sobrevivir contra a ignominia. O artista nunca pechou ningunha porta: quixo abrilas todas e con todas as técnicas posibles (óleo, guache, pastel, acuarela, gravado, etc.). Temos a sorte de ser fillos desa herdanza, que tanto enriqueceu o noso mundo, e tamén a obriga inesquecible de custodiar dignamente o xigantesco legado que nos deixou. (Na imaxe, “Nai”, 1979).

NOTA. Neste mesmo blog, abril 2008, hai varios artigos sobre a historia do Volter, publicados en ANT. 3-4-08 e La Región 16-4-08. E no blog OURENSANÍA, unha escolma da obra dos artistiñas.
Imaxe do acto no Simeón: máis fotografías no blog de rebolle.

8 comentarios:

Clara Flor dijo...

Cosmopolistas e adaptados nas raices, cantos deses farian falla...Nesta páxina moito se aprende. Se Blanco Amor vivira, diria que é un lugar de boas maneiras e talento. Moita forza e un bon ano. Clara Flor, que de lonxe veu estes dias para Vigo

marcos valcarcel dijo...

Moitas grazas, Clara Flor e bo 2009.

apicultor dijo...

Feliciano 2009!

XDC dijo...

Polo que vexo nas fotos, os asistentes non foron precisamente o tipo de xente que non poden permitirse comprar o libro.

Fontaneiros, asistentas do fogar, albanéis, etc. estarían sin duda traballando a esa hora, pra pagar os cartos dos impostos cós que logo se lle agasalla un libro ós que teñen tempo pra esa clase de "eventos sociáis", vou "pasar" de chamarlle "culturáis".

Eu non entendo por qué ten que regalarse. Quen o valora, está disposto a pagalo. Quen non o valora, non merece que llo agasallen con cargo a cartos públicos.

Os cartos do Estado deben de gastarse noutra clase de cousas. E non me veñan có rollo da "cultura". O gusto pola cultura non é obligatorio nin xeral. Os cartos públicos deben de cubrir outro tipo de necesidades xeráis.

Xa, xa sei que é o "chocolate do loro".

Anónimo dijo...

Estou con Dacovich.

E para os que foron:

Cal é a anécdota do acto, que tamén disque a houbo ?.

Unha, que O Caño que se púxo un nadiña nervioso contra o final, e a outra ?.

Selina dijo...

Asisto a estes actos envolta na invisibilidade compartida con tantas outras mulleres ourensanas. É que esto é cousa de homes, díceme a miña amiga mentras me fala das amantes de Quessada. Si, seguése a construir a cultura da exclusión. Foi todo un detalle o de Santalices, no Liceo, pedir un aplauso para Chus.
Feliz entrada de ano!!!

XDC dijo...

Fell is unknown does meal now be.
Disease show key yes try an cows us farm ours as us raise is Mac owls.

Para os que non entendan o inglés:

(Feliz ano dous mil nove. Desexo que lles traian cousas fermosas os reises magos).

Anónimo dijo...

Que non falten os típicos tópicos !!!