Mostrando entradas con la etiqueta banda deseñada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta banda deseñada. Mostrar todas las entradas

20 abr 2008




BD galega en Barcelona
Chegáronme novas do éxito da presenza da BD galega no Saló do Cómic de Barcelona (por alí anda tamén o ourensán Henrique Torreiro). Os galegos contan cun stand propio e máis de 30 creadores de todos os estilos, dende Alberto Gutián a Miguelanxo Prado, pasando por Fausto, David Rubín, Alberto Vázquez, etc.
Escoitei ademais na radio que Galicia será a cultura convidada no próximo anó no importante Saló catalán.

O ourensán David Rubín (esquerda, cun autorretrato) e Alberto Vázquez (dereita) ilustran este post: os dous teñen os seus respectivos blogs, Alberto Vázquez e De tripas corazón.

11 abr 2008

Mandela.
Pan por Pan venres 11 abril
Hoxe ía escribir sobre o goberno Chávez que obriga á TV venezolana a botar fóra do horario infantil os Simpson: seica son subversivos e dan un modelo de familia negativo, así que o cambian por “Los vigilantes de la playa”. Mellor excitar hormonas que discursos quizais críticos. Pero tamén quero contarlles, porque levo días falando aquí da negritude, que Nelson Mandela, o líder contra o apartheid sudafricano, e o seu partido (Congreso Nacional Africano), seguen na lista de terroristas dos Estados Unidos. As cousas da diplomacia van moi de vagar, xa ven, e a propia Condolezza Ricce, tamén de color, define a situación como “embarazosa”. Mandela foi elixido presidente do seu país en 1994 e premio Nobel da Paz: a cousa terá arranxo logo. Na foto poden ver ó líder negro ó carón dun cartel coa súa man e o número do cárcere que levou cando estaba preso: 27 anos, nada menos.

20 feb 2008

Lembranza do ‘Pulgarcito’
Andoliña 20 febreiro


Todos coñecemos a mítica revista Pulgarcito, que acolleu personaxes como Tribulete, Dona Urraca, Zipi e Zape ou Mortadelo e Filemón: forma xa parte da nosa memoria emotiva e das nosas máis fondas paisaxes da infancia. Pero este Pulgarcito que coñecemos naceu en 1947. Antes, nunha etapa anterior e concretamente dende o ano 1921, existiu unha revista infantil ilustrada do mesmo nome, fundada e dirixida por Juan Bruguera en Barcelona. Custaba 5 céntimos e publicaba contos e lendas, textos folletinescos, biografías de grandes homes e historias gráficas de aventuras cheas de piratas, bandoleiros, cortadores de cabezas ou heroes como Gastón de Lis.
O primeiro ‘Pulgarcito’ contaba, naqueles tempos tan bélicos de Marrocos e o apoxeo do colonialismo hispano, cunha sección patriótica e coas notas de guerra Los héroes del Riff, así como con textos católicos piadosos e caritativos como Hermanita de los pobres. Ediciones B publicou no 2000 un tomo cos 40 primeiros números deste Pulgarcito orixinal, que alguén con intelixencia e gusto me agasallou.
Milagres da imprenta: ten a súa graza ler, dende tanta distancia, as historias infantís que alimentaron o tempo dos meus avós.

20 nov 2007



















Última hora: Manuel Vilariño, premio Nacional de fotografía 2207
A nova en Galicia Hoxe.
Ademais, soubemos de fontes ben informadas que no Premio Nacional de Comic, que gañou o catalán Max (Francesc Capdevila), quedou de finalista o debuxante ourensán David Rubín. Noraboa ós dous.

2 oct 2007


Cen+ cen pés.

Pan por pan martes 2 outubro


A principios dos 70 chegou ata min unha revista galega editada en Madrid: a histórica “Chan”. Unha das primeiras cousas que me chamou a atención foi unhas viñetas que alí facía o humorista Xaquín Marín e tamén en “La Codorniz”: xa daquela pintaba pés que esmagaban xentes. Naquela sinxela imaxe había toda unha lectura sobre o poder e a opresión, os vencedores e os perdedores. Dende aquel símbolo Marín deu voz ós esmagados: agora publica un volume con douscentos destes debuxos. E laiase nunha entrevista (Vieiros) porque, na súa opinión, se está a perder o humor galego, sobre todo a retranca. Quizais teña razón. Sorprende porque agora temos medios para afortalar a nosa visión do mundo: a Televisión Galega, entre outros. E, unha curiosidade, entre os debuxantes que lle influíron cita a Boixcar, de “Hazañas Bélicas”, de quen falamos aquí esoutro día.

30 sept 2007


Hazañas Bélicas.
Pan por Pan domingo 30 set.
Lembran vostedes “Hazañas Bélicas”? A historieta saíu á rúa dez anos antes de nacer eu, pero era das de maior éxito nos días da miña infancia. En “Los comics del franquismo” Salvador Vázquez de Parga sinala que era un de tantos tebeos fieis á liña oficial do réxime: racismo, belicismo e anticomunismo radical. Os xaponeses eran presentados como “simios amarillos” e “sabandijas color de plátano”: o guionista debía ser un bo colorista. Os malos eran sempre os comunistas rusos e os bos os heroes os americanos, pero á vez tamén se defendía a Alemaña nazi, que estaba entre os amigos de Franco. A guerra aparece idealizada nunha cita como esta: “La guerra es uno de los azotes de la humanidad, pero en ella cristalizan los mejores valores humanos”: Iso si que era Educación para a Cidadanía! Por certo, sobre a guerra dixo babecadas maiores o poeta Marinetti.

28 sept 2007

O primeiro Pulgarcito.
Pan por Pan 28 set.

Todos coñecemos a mítica revista Pulgarcito, que acolleu a personaxes como Tribulete, Dona Urraca, Zipi e Zape ou Mortadelo e Filemón. Pero isto foi dende 1947. Antes existiu unha revista infantil ilustrada do mesmo nome, fundada e dirixida por Juan Bruguera en Barcelona. Custaba 5 céntimos e publicaba contos e lendas, textos folletinescos, biografías de grandes homes e historias gráficas de aventuras cheas de piratas, bandoleiros, cortadores de cabezas ou heroes como Gastón de Lis. Contaba con sección patriótica coas notas de guerra “Los héroes del Riff” e textos piadosos e caritativos como “Hermanita de los pobres”. Ediciones B publicou no 2000 un tomo cos 40 primeiros números deste Pulgarcito orixinal, que alguén me agasallou. Milagres da imprenta: ten a súa graza ler, dende tanta distancia, as historias infantís dos tempos dos meus avós.

26 sept 2007



Dos tebeos
Pan por Pan xoves 27 set.
Reviso un estudo sobre os tebeos españois da posguerra e encóntrome con personaxes entrañables da miña infancia e adolescencia. Os vellos tebeos dinos moito sobre a microhistoria social (a que non sae nos ensaios históricos). Basta achegarse a Carpanta para imaxinar aqueles tempos de fame e miseria, aquí parodiados con humor e simpatía. Ou lembrar o vandalismo moderado de Zipi e Zape contra unha escola que era aínda máis represiva do que ensinaban estes comics. O mundo rural aparecía asociado á inxenuidade, a ignorancia e a estulticia e del proviñan tipos Petra, “criada para todo” e Agamenón, que sempre facía todo ó revés. E personaxes tan ruíns como Dona Urraca ou xeniais como as irmás Gilda en busca do seu noivo ideal (para iso eran educadas as mulleres no franquismo). Non temos hoxe tebeos que nos retraten nas nosas miserias. Que sen dúbida subsisten.

17 jul 2007


Pobres Tintín e Hergé
Andoliña 17 xullo


Indignados están hoxe moitos amantes da banda deseñada e non só os seguidores da liña branca de Hergé e o inmortal Tintín. Como xa sucedera cos contos tradicionais, dos Grimm e Andersen, os novos inquisidores dedícanse agora a censurar o cómic clásico. As teorías da corrección política, que impulsaron antes carapuchiñas feministas e similares, poden chegar ó esperpento. Unha vez aceptada a premisa inquisitorial, non hai volta atrás: todo é posible no reino do disparate.
Porque censura é o que fai o Observatorio Británico contra a Discriminación cando obriga a varias cadeas de librarías a acantoar o álbum Tintín no Congo por presentar varias viñetas nas que os negros son vistos como "retrasados" e "submisos colonizados". O propio Hergé refugou deste álbum e confesou que era, tamén na súa ideoloxía, froito dos prexuízos do mundo burgués da súa época. E xa está: non entender iso é non comprender que é unha obra de arte como produto histórico, que como tal debe ser lido, pero non corrixido.
O seguinte paso será vetar as películas de Tarzán de Jhonny Weismuller e facer unha versión pacifista e branda da Ilíada. O conto é triste, que dicía o noso Castelao. E non rían. Todo se andará.

7 mar 2007


Políticos e comic.
(Pan por Pan mércores 7 marzo. Na imaxe, a Valentina de Guido Crepax).

Francia é un país onde a banda deseñada é moi popular, cunha longa historia na arte dos tebeos. Por iso non é estraño que, segundo conta a prensa, a campaña electoral francesa estea animada por grandes tebeos dedicados a Sego ou a Sarko que se serven deste rexistro para destripar as vidas e defectos dos candidatos. Nicolás Sarkozy, o candidato da dereita, ten que aturar duras sátiras sobre a súa estatura e sobre certos riscos delicados da súa traxectoria amorosa, como a fuga da súa muller cun publicitario. Os tebeos electorais son os bestseller da temporada francesa. Aquí os políticos peléxanse por estar nos monicreques da TV, pero ninguén probou a fórmula do comic. Como copiamos moitas cousas de Francia, isto tamén chegará. Benvido sexa se funciona como risoterapia: calquera cousa mellor que a crispación absurda e demagóxica que domina o clima político.