Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Mª Álvarez Blázquez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Mª Álvarez Blázquez. Mostrar todas las entradas

14 jun 2008

En transición. (Pan por Pan sábado 14 xuño)

Editados pola Universidade da Coruña e da man de Federico Cocho, xornalista ourensán, chéganme dous libros de interese e fermosa presenza. Un deles, “Poesías. Iris. Número 8”, é a reprodución facsímile dun caderno de poemas manuscrito de Xosé María Álvarez Blázquez, datado entre 1934 e 1938. hai versos en galego e en castelán, escritos cunha letra moi pulcra, dunha claridade case transparente, e contén tamén traducións ó galego de Víctor Hugo e Virxilio.
O outro, titulado “En transición”, é un amplo catálogo dos adhesivos que marcaron as ultimas décadas: as pegatas que difundimos e transmitimos entre todos creando unha orixinal iconografía da Transición democrática. Un paseo en imaxes por unha historia non tan afastada no tempo, pero da que se van perdendo moitos referentes: ben, quizais queden só como argumentos para algunhas series de televisión.

4 jun 2008

As dúas escolmas
Andoliña mércores 4 xuño

Tras o desastre da guerra, os galeguistas do exilio interior fixeron análise da situación. A traxedia afundiu o labor de Nós, de Ánxel Casal e do Seminario de Estudos Galegos, as súas plataformas culturais de preguerra. Non quedaba nada: non se publicaba en galego nos xornais, só algún poemiña medieval nalgunha revista. O máis difícil debeu ser manter a esperanza, non deixar de crer na Terra. Dende 1947 cada novo aceno é un acto de fe patriótica: os versos de Iglesia Alvariño, as revistas de posguerra, a Editorial Galaxia, etc.
Deberon pensar, naquel momento, na necesidade de chantar ben as raíces, de gardar a memoria do noso patrimonio cultural. Por iso erguen o seu esforzo para inventariaren a riqueza literaria do país, para crearen libros que permanezan no tempo. Esa foi a intención da Escolma de Poesía Galega que lanza a editorial Galaxia no 1953. Xosé Mª Álvarez Blázquez prepara os tomos I e II, a poesía dos trobadores e os versos galegos dos séculos XIV a XIX: "unha fervenza de beleza", di con xeito Darío Xohán Cabana. E con acerto tamén, Galaxia e o Consello da Cultura Galega publican agora unha reedición facsímile desas dúas xoias: dous tomos de entusiasta e intelixente amor ó noso país.l

17 may 2008

Álvarez Blázquez – A Academia en Vigo (notas telegráficas)

Bastante ben os actos do 17-M en Vigo. Moi ben os tres discursos sobre o homenaxeado: Vítor Freixanes (centrouse no editor), Darío Xohán Cabana (no poeta e investigador), X.L. Méndez Ferrín (nas súas esculcas sobre Vigo e no seu papel anovador publicando-descubrindo textos de Gonzalo Morullo ou de Anxo Rey Ballesteros). Barreiro, o presidente, rematou cunha contundente intervención sobre a necesidade de salvagardar a memoria histórica e facer xustiza ás vítimas, que rematou cunha cita moi axeitada de Juan Gelman. O local, o Auditorio do Concello, quizais pouco axeitado, pouco cálido. Algúns académicos botaron en falta maior mobilización da xente de Vigo: tamén dicían que o acto estaba mal anunciado polo Concello (mal polo Concello, prefiro non precisar, pero moi mal: só saír na foto e nada máis).
Si estivo case toda a saga-familia: os Álvarez, Álvarez Cáccamo, Álvarez Gándara, Xosé Lois Bóveda, etc. Faltou Xosé, o irmán maior, enfermo estes días e encamado: houbo moitas lembranzas para el, mesmo do presidente da RAG. E foi Afonso Álvarez Cáccamo o protagonista doutra nota de color. Tocouse o himno galego, con Ferreirós á gaita, e dende a mesa pediuse que a xente tamén cantase. Ferreirós rematou na primeira parte. Desconcerto. Alfonso A.C. e a fila da familia seguiu cantando e seguimos todos, e as autoridades sumáronse, qué remedio. Ferreirós incorporouse de novo coa gaita, aínda que todo un pouco mal acompasado.
Un dos momentos máis emocionantes: o aplauso entusiasta de todos/as á viúva de Xosé María, ó remate do xantar no Museo de Castrelos.
Logo, inauguración da placa en Travesas, co alcalde, e intervencións de Afonso A.C. e da poeta Luz Pozo.
A Academia estaba case en pleno, case todos os numerarios e uns cinco correspondentes. Ademais dos académicos, andaban por alí e puidemos falar con todos eles, M.Bragado, X. G. Palmeiro, M. Vidal Villaverde, Anxo Angueira, e outros que esquecerei sen querer.
Do resto tiven ocasión de saudar, despois de case 30 anos, a Xesús López Carrera, que agora é o concelleiro de cultura en Vigo (do BNG) e ó vello amigo o Chicho do Carballiño (sobre todo, amigo do meu irmán maior), que alá está instalado e mandou lembranzas para min (e para todos) de Lula Fortune, que traballa con el.
Tamén moitos comentarios sobre a falta de sintonía BNG-PSdG vigueses mesmo nunha data como esta: se non hai un mínimo de unión sequera no plano cultural... (Do PPG creo que non había ninguén: cando menos que eu recoñecese...).

10 may 2008


‘Canle segredo’
Andoliña 9 maio

Poeta de múltiples rexistros
e de voces ben plurais, Xosé María Álvarez Blázquez ten en Canle segredo unha das súas obras de maior calidade e pulsión poética. O volume gañou un premio do Centro Galego de Buenos Aires en 1954, pero non viu forma de libro ata 1976: a súa posible pegada en autores dos 50 e 60 quedou así diluída e adiada.O amor é un dos centros da poesía de XMAB, o recollemento interior, o intimismo e o ton confesional. Pero tamén é certo que hai en Canle segredo versos máis obxectivos ou de denuncia social. Son versos que dialogan cos acenos líricos do Celso Emilio de O soño sulagado e Longa noite de pedra, como sostén Darío Xohán Cabana.
Ise neno da rúa’ volve ó mundo dos nenos e á denuncia das inxustizas dun mundo indiferente coa pobreza: podería ser o mesmo neno que trema de fame e frío no pórtico húmido dunha igrexa en versos inmortais de Rosalía. Elexía a unha muller do campo semella unha anticipación do verso épico da Seraogna de Pexegueiro. Os importantes comparte con Celso Emilio o alento de sátira contra os poderosos. E Soedá sorprende como poema escrito nos anos 50: de certo, retrata con detalle o abandono do mundo rural do noso presente.

9 may 2008

en poleiro alleo: Luzes (EP 8 maio)

A. Reixa, Aqueles libros d'O Moucho
Neste ano a invocación a Xosé María Alvarez Blázquez ten moito, amais de ser ben xusta, de pedagoxía histórica. Entendo que Alvarez Blázquez trataba así de emular os tempos en que Aires d'a miña terra de Curros Enríquez e Cantares Gallegos de Rosalía foron verdadeiros supervendas e estaban en moitísimas casas galegas de finais do século XIX e principios do XX. Pasaron os anos de exilio interior e o azar quixo situar o domicilio do meu avó en Vigo moi preto da librería Almoneda que xestionaba ...

M. Rivas, O bipartito e o Contentamento Descontente
Nun dos seus sonetos de amor (Amor é fogo que arde sem se ver), Luis Vaz de Camões define así ese sentimento: "É un contentamento descontente". E non estaría o grandísimo vate de Os lusiadas a facer un prognóstico tamén do porvir das sociedades de farturento desacougo? O caso é que o espírito do soneto intimista coincide co que indican os resultados dos estudos de opinión verbo do ánimo colectivo nesta Europa que din da transmodernidade. E aínda poderíamos ir máis alá, ou aquén, no xogo dunha poética da historia. Cómo é o tempo que vivimos? É a época CD, a dun Contentamento Descontente.

Se o diagnóstico acae ben ao que chamamos Europa, no caso de Galicia semella nin feito de encarga. Que pensan os galegos do actual Goberno bipartito? Unha porcentaxe está contenta, outra descontenta, mais a maioría mantense nun ánimo de "contentamento descontente". Esa é a verdadeira maioría natural de Galicia. Por fin hai unha coincidencia de fondo entre a cultura popular e as elites gobernantes. Galicia non é un Estado de Malestar, nin tampouco o anhelado Estado de Benestar. É un Estado de Contentamento Descontente. (...)

ROSEIRA DO TEU MENCER.
Andoliña venres 9 maio.
O mundo dos nenos aboiou a cotío nas letras galegas: desde Curros e Rosalía a Pimentel, se pensamos nos poetas clásicos, ou en Castelao e Filgueira Valverde, entre tantos outros narradores posibles. Miguel González Garcés dedicou ó seu fillo o libro “Poemas a Albertiño” (1970). Nesa liña inscríbese tamén “Roseira do teu mencer”, de Xosé María Álvarez Blázquez, escrito dende 1949 e publicado en 1950. O poemario naceu no escritor coa chegada ó mundo da súa primeira filla, María Luísa, á que os pais chamaban Colorín polas súas meixelas coloradas. Ese nacemento, di Darío Xohán Cabana, provocou unha enxurrada gozosa e terrible de poesía galega no escritor de Tui.
No seu estudo, o Darío defende con entusiasmo este libro, xunto con “Canle segredo”. Eu estou con el: hai nesas páxinas calidade e densidade lírica, ledicia e sabor popular, musicalidade e emoción, graza e levidade: “Era un airiño soave/ que se ergueu pola mañán/ e viña de non se sabe. /Era un recendo de rosas/ da roseira de ningures,/ que se meteu pola porta”. Mantense esa tenrura en poemas máis tardíos como “O neno” ou “Meu moneco”. Por si mesmos xustifican estes versos o 17-Maio: “Cada neno é o misterio/ que envolve a nosa vida”.

8 may 2008


O MOUCHO
Andoliña xoves 8 maio
Lembro ben a súa portada e foi dos primeiros libros en galego que puiden ler na miña casa, non dos que collía na biblioteca: o “Barriga Verde”, de Manuel María. Publicouno Xosé María Álvarez Blázquez na colección O Moucho, aquela marabilla de pequenos libros que chegaron a moitos milleiros de casas galegas. O primeiro foi unha edición do “Catecismo do labrego” e del vendeu o editor vigués xa nun ano vinte mil exemplares, setenta mil nun total de catorce edicións.
Son cifras insólitas no mundo do libro galego e iso sucedía xa en 1967. Cal era o segredo? Un formato moi atractivo, con portada a cinco cores, e textos para o gran público, onde collían igual os chistes de Fernando Quesada ou “O Maroutallo” de Otero Pedrayo. Unha idea orixinal na súa filosofía e deseño, como di Darío Xohán Cabana no seu magnífico estudo sobre XMAB. A colección do Moucho serviu para ler a Quevedo en galego e para recuperar coplas populares, epigramas e refráns, en textos preparados polo propio Álvarez Blázquez. Pero tamén textos de Ferrín, Manuel María, Celso Emilio ou Xoán Ignacio Taibo.
Cando saíron custaban 30 pesetas: o mesmo que o xantar dun obreiro nunha taberna, di o Darío. Pan e rosas”: o vello lema.

6 may 2008




Darío Xohán Cabana e Xosé Mª Álvarez Blázquez, editor
Andoliña mércores 7 maio

Comezamos en Auria, no Liceo, o sexto ciclo Visións de Galicia, nesta ocasión dedicado ós poetas galegos de posguerra. Xosé María Álvarez Blázquez, Uxío Novoneyra, Manuel María, Celso Emilio e Antón Tovar son as figuras escollidas: todas de seguro indiscutibles, aínda que haxa outras máis posibles. Abriu o ciclo o poeta Darío Xohán Cabana centrándose na vida e obra de XMAB, o celebrado neste 2008 nas Letras Galegas. Darío, aínda novo, traballou co poeta de Tui no mundo editorial e publicou recentemente unha completa monografía sobre a súa vida e obra en Xerais.
O poeta de Roás subliñou a calidade poética de XMAB e dedicoulle moita atención ó seu labor como editor, dos máis relevantes de Galicia, con Soto y Freire, Martínez Salazar e Ánxel Casal. A aventura editorial do creador de “Canle segredo”, nacida da necesidade económica, foi tan heroica como oportuna. Dende Castrelos e as coleccións Pombal e O Moucho, encheu o país de libros: uns seiscentos mil exemplares editados, isto é, un para cada catro galegos. Percibiu os cambios da sociedade galega nos 60 e atendeu á forte demanda cultural dun país que quería saber máis de si.

23 abr 2008














A colección O Moucho, de Xosé María Álvarez Blázquez

Foi unha das grandes iniciativas de difusión da cultura galega a un nivel popular, a mítica colección O Moucho que lanzou Xosé Mª Álvarez Blázquez e que perviviu entre 1967 e 1983. Eu teño uns cantos en casa, moitos mercados en librarías de vello, pero non a colección completa, quen me dera!

Agora El País tivo a feliz idea (dende o domingo) de recuperar 21 títulos desta colección máis outro dedicado a XMAB. Entre eles, títulos moi populares e destinados ó gran público (Cantigas do viño, Contos do pobo) e pezas grandes das nosas letras como o Catecismo do Labrego ou O Maroutallo, de Otero Pedrayo.

Supoño que por problemas de dereitos non están outros como os dous escaneados enriba, de Ferrín e Pintos. Pero a idea é atractiva e seremos moitos os que merquemos os libriños de O Moucho (cando menos os que non teño xa, no meu caso).