Mostrando entradas con la etiqueta politica cultural. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta politica cultural. Mostrar todas las entradas

10 nov 2009

LINGUA DE LIBERDADE
ACTO CÍVICO ORGANIZADO POLO COLECTIVO
‘GALEGO PATRIMONIO DA HUMANIDADE’
Teatro Principal
Santiago de Compostela
14 de novembro, 2009,
ás 12 da mañá
Presentación e condución: Cándido Pazó
(autor e director de teatro)
Intervirán:
Sindicatos:
José Antonio Gómez, Secretario Xeral de UXT
Xosé Manuel Sánchez Aguión, Secretario Xeral de CCOO

Dez persoas de diversos sectores sociais:
Mari Luz Canal (avogada, A Coruña)
Marisol López Facal (neuróloga, A Coruña)
Antón Reixa (escritor e cineasta)
Marilar Aleixandre (profesora e escritora)
Maria Victoria Otero (Decana Facultade de Matemáticas)
Anik Nandi (estudante índio de de doutoramento)
Afonso Álvarez Gándara
Xurxo Martínez (estudante de Vigo)
Manuel Portas ( Prof. Xelmirez I)
Soledad (contacontos uruguaia)
Tamara Canosa (actriz)
Catro oradores:
1. Laura Sánchez Piñón
2. Pablo González Mariñas
3. Henrique Monteagudo
4. Fermín Bouza
Final:
Actuación musical de Roi Casal

21 feb 2009

A proposta do ministro de Cultura
Isaac Díaz Pardo e Juan Antonio Porto, galegos galardonados
coa Medalla de Ouro ó Mérito nas Belas Artes 2008
(nota do Ministerio de Cultura, en Comentarios)

26 dic 2008




Tres liderados.
Marcos Valcárcel.

Galicia Hoxe 26-12-2008.


Seica nas próximas eleccións autonómicas, fixadas xa para o 1 de marzo, terá menor relevancia o papel de apoio dos líderes estatais. Dato que parece positivo, pois permitirá centrar na realidade galega as marxes do debate e referendar ou non o liderado dos partidos maioritarios. Son unhas eleccións decisivas para avaliar a estratexia de Núñez Feijóo no PPG. A nivel de Estado, o PP segue dividido e Rajoy comete erros de imaxe moi graves, como non asistir ó pleno de votación dos presupostos para ir xantar con Mayor Oreja. Será mellor que nesta ocasión Feijóo conte coas súas propias forzas.
Pérez Touriño aspira a revalidar o seu liderado como presidente da Xunta, semella que indiscutido dentro do seu partido. O apoio de Zapatero (ou de Felipe González antes) sempre foi decisivo para os socialistas galegos. Pero o novo panorama da crise económica cambia as cousas: é moi probable que moitos electores poidan facer responsable a Zapatero da situación e iso non lle axudaría a Touriño.
Anxo Quintana non ten reforzos españois, só o seu discurso pragmático e intuitivo. E creo que agora non lle é moi útil rodearse dos nacionalistas vascos nin tampouco dos cataláns. O debate debe centrarse en Galicia.

7 nov 2008


Un presente cheo de futuros
andoliña 7-11-08
(Ilustración: Man e serpe, de Menchu Lamas)

Como di o amigo Apicultor, ante calquera análise da realidade un pode ver a botella medio baleira ou medio chea: cuestión de perspectiva, de carácter, de individualidade. Pero no noso presente cultural galego hai moitos sinais que xustifican ser optimista. Velaí, só nos últimos días: os Premios Nacionais a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz, ambos os dous tan merecidos; o éxito en Francia de Manuel Rivas con L´éclat dans l´abîme, a versión gala de Os libros arden mal; o encontro en Compostela de escritores de todas as áreas do planeta convidados polo Pen Club galego. Ou a celebración dos primeiros 25 anos do Consello da Cultura Galega.
Son todas realidades das que calquera cultura se sentiría orgullosa. Por puro sentido común, a nosa lingua e cultura son a nosa mellor tarxeta de presentación no mundo e o substrato que lle dá sentido á nosa identidade, un valor nada gratuíto na globalización de hoxe.
Algúns non o ven así. Mesmo rexeitan con hostilidade calquera pulo de galeguización. Tiña razón Anxo Tarrío cando dicía, neste mesmo xornal, que hai xente que prefire ser madrileña de terceira que galega de primeira. É un andazo que temos que aturar.

5 jul 2008


Medalla de Ouro
Andoliña 5 xullo 2008. Imaxe: don Paco Fdez del Riego, por X. Vizoso.

18 de maio de 1948. Dende Madrid Ramón Piñeiro escríbelle ó seu amigo Fernández del Riego e pídelle información sobre a nova editorial que se está a xestar, ofrecendo toda a súa colaboración "para que esta empresa acade a envergadura e a consistencia necesaria para que se asegure un influxo cultural permanente e eficaz". Dende o comezo está moi claro que o que recibirá o nome de Editorial Galaxia, fundada o Día de Galicia de 1950, é moito máis que unha empresa cultural: en realidade, é un gran proxecto político de resistencia dende o galeguismo e de imaxinación dun futuro diferente para a nosa terra.
Contaban para iso cos mellores vimes: don Paco del Riego e Piñeiro, Otero e Carballo Calero, Xaime Isla e Gómez Román, toda a Xeración Galaxia de ensaístas e poetas. Cando naceu, os galeguistas do exilio interior recibían por subscrición todos os libros da casa: un par de centos de militantes da galeguidade. Logo virían as novas xeracións de estudantes de Compostela, que publicaron aló os seus libros, nas coleccións para noveis: entre eles, Carlos Casares, futuro director.
Unha Medalla de Ouro ben merecida: o premio a todo un país simbolizado no mellor ADN do seu pensamento e da súa creación.
A conquista de Galaxia é que Galicia non sexa monopolio de ninguén»

15 jun 2008

Premios Nacionais da Cultura Galega 2008

Estabamos convidados e fun a Compostela, con Afonso Monxardín, á gala da entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Do acto falarán hoxe os xornais, así que só deixo unhas pequenas notas complementarias.
Dos premiados, os máis aplaudidos foron, xa antes de falar, Isaac Díaz Pardo, Manuel Lourenzo e Ferrín. O discurso máis simpático e breve foi o de Isaac, que só lembrou a famosa anécdota de cando Unamuno recibiu un premio de mans do rei Alfonso XIII:
- Sorprendeume vostede, díxolle El Rei, por non usar a fórmula retórica de que non o merecía.
- É que eu si o merecía, dixo Unamuno.
- Pero os outros premiados declararon que non o merecían.
- E iso tamén é certo, rematou Unamuno.
Os xornais recollerán, supoño, outros datos do acto. Ben elaborados os discursos de Díaz-Fierros, reivindicando a ciencia como cultura, e de Margarita Ledo, lembrando a Carlos Velo e reclamando un cine en galego. O discurso de Ferrín, como sempre, rotundo e contundente, agradecendo á consellería a feliz idea de lanzar os premios. Antes del Manuel Lourenzo fixera un pequeno chiste-aceno ó pronunciar “Galiza” (como escapando, por se lle pegaban) e Ferrín na súa intervención debeu sentirse provocado e deletreou “Galicia”: foi unha das anécdotas da xornada.
O espectáculo paralelo gustou bastante, polo que oín: Mercedes Peón e o Centro Coreográfico Galego, algunhas pezas de jazz e música clásica e un “Lingua proletaria do meu pobo” a ritmo de rap (confeso que isto non me entusiasmou): dende logo unha estética moderna, moi arredada da tradicional nos encontros culturais da etapa fraguista.

Ó remate, en forma de cóctel, tivemos tempo para charlar un pouco con Ferrín e felicitalo, claro, e eu quixen tamén felicitar en persoa a Margarita Ledo, máis que nada polos días do pasado, ela xa sabe. Tamén houbo anacos de conversas con amigos como Ramón Villares e Berta, Antón Baamonde, Henrique Monteagudo, Lourenzo Fdez. Prieto, Cristina Berg, etc.
Tamén foi bo momento para saudar, ás presas, a moitos outros amigos/as, como Suso de Toro, Avelino Pousa Antelo, Xelucho Abella, Clodio González, Rosa Aneiros, Felipe Senén, David Otero, Anxo Angueira, Nemesio Barxa, Olivia Rodríguez, Tuco Cerviño, Lois Celeiro, Ramón Caride, Encarna Otero, Xabier Puente Docampo, Xosé Mª Lema, Antía Otero, Iñaqui Basallo, entre moitos, moitísimos máis, outros. A Manuel López Foxo,compañeiro de mili nas Andalucías, creo que non o vía dende os anos 80. En fin, unha xornada agradable e chea de acenos culturais. (Das autoridades, por se a alguén lle interesa, presidía Touriño e asistían o vicepresidente Anxo Quintana e creo que todos os conselleiros do BNG; tamén vin por alí ó Secretario Xeral socialista Fernando Salgado).

Con motivo dos premios a Consellería editou un fermoso catálogo con textos, entre outros, de Anxo Angueira, Olga Novo, X.M. Beiras, Xavier Seoane, Pilar García Negro, H. Rabuñal, Manuel Rivas, I.Díaz Pardo, Carmen Blanco, Alonso Montero, Darío Xohán Cabana, Albino Prada e Iñaqui Basallo, que explica a simboloxía da peza escultórica en castiñeiro que se entregou a todos os premiados.

10 jun 2008


Cultura.
Pan por pan martes 10 xuño. Imaxe de Valerio Pini.

O nacionalismo sempre dedicou unha relevancia especial ó campo cultural: véxase “A Nosa Terra” dos anos 20 e 30 cunha clara denuncia do que se consideraban modelos espurios e importados de acción cultural. Pero os galeguistas daquela época non tiveron que facer xestión: esa era unha materia pendente. E, cando menos a nivel local, estamos a vivir o ronsel desa inmaturidade. Ata hoxe o nacionalismo no bipartito ourensán non puxo en marcha ningún proxecto novidoso no plano cultural, como era de desexar polas súas críticas ós gobernos anteriores. Por outra banda, na xestión acumúlanse os erros: os magos que eran magas, a carta coactiva ós veciños, o conflito cos grupos musicais ourensáns, etc. Os votantes galeguistas agardaban máis. Vexo decepción no ambiente. E algúns ata lembran con morriña o digno papel que fixera no seu día Balbino Álvarez.

25 ene 2008

REPORTAXE en LUCES (EP 25 xaneiro, D. Salgado)
As expectativas incumpridas do cambio
Personaxes da cultura falan de mudanza nas formas pero non no fondo


A reportaxe completa
Para o historiador ourensán Marcos Valcárcel, porén, existiu unha "sobredimensión das expectativas" en relación ao novo goberno. "Os creadores agardaban máis iniciativas novidosas, máis imaxinación nas instancias culturais", considera, aínda que recoñece "inercias herdadas en certos campos". Valcárcel repasa o programa cultural histórico do nacionalismo: "O nacionalismo, que agora leva a política cultural na Xunta, sempre baseou a crítica na falta de democracia, mais a xestión non se diferencia demasiado do anterior, con grandes espectáculos e falta de participación das asociacións de base".
(Fun un dos entrevistados nesta xeira cultural: as miñas argumentacións, como é lóxico, foron moito máis completas e quizais máis matizadas (falei mesmo por sectores culturais): cando poida procurarei traelas aquí de forma mellor estruturada. Xuguen vostedes mesmos as opinións dos diferentes entrevistados).

14 dic 2007

Festival de Cine: debate en Telemiño

P A T É T I C O
Acabo de ver o programa: concelleira e responsable de cultura do BNG fronte ó exconcelleiro de cultura do PP, o actor Abelardo Gabriel e Precedo, do Cine Clube. No medio, a xornalista Sonia Torre.
(Non sei que me pasa, pero cando fala toda esta xente, síntome máis próximo ao Pepe Arauxo que a eles...)
Estareime facendo do PP? Como pode haber tanta incompetencia?


Esta é unha mensaxe dun amigo despois de ver o programa desta noite en Telemiño. Tiven outras dúas mensaxes moi semellantes: non foi ocasional, pois. Eu mesmo, que non o puiden ver todo, sentín máis ou menos o que aquí está expresado. Imos apañados...