23 ene. 2009

Amigo morto, de X.L.Méndez Ferrín, Faro Vigo 23-1-09

Deixounos para sempre o escritor e amigo Manuel Riveiro Loureiro e ficamos tristes e menos. Foi a súa unha vida ateigada de angueiras, dificultades, ledicia, esperanza múltiple; tamén de soedade e dúbidas. Foi un excelente narrador de historias e a historia da literatura galega acolleráo sen dúbida na súa redacción definitiva, que non é aínda para mañá. En cando ao relato meu persoal da literatura e da arte da Galicia en que vivín, nel ocupa un posto de honra a figura deste amigo morto. Riveiro Loureiro abre o capítulo titulado Lealtade no meu particular Libro dos Amigos, ou sexa no meu Cemiterio Privado, dito o cal tamén se me aparecen na memoria Otero Pedrayo e Celso Emilio por non variar.Riveiro Loureiro era fillo nobre da clase obreira desa cidade que non é Marineda na obra de M. Rivas. El foi broche e renovo daquela xente supervivinte que por non chorar ou enmudecer se puxo a cantar polas tabernas en 1936. Pola miña memoria pasan algunhas das mellores mentes da miña xeración, coruñesas. Pasa a sombra de Xohán Casal, precursor e facho da nova narrativa. Martínez Barbeito dixérame que era da familia de Ánxel Casal e na casa deste morto amigo había unha bandeira republicana onda o burros dos abrigos. Pasa, moi desdibuxado, Xosé Antón Arxona de Santiago, que soubo apoiar, o primeiro, a idea de Lois Soto e a insercción do marxismo no atraso político de Galicia -recentemente morto. Pasa Reimundo Patiño Mancebo, en cuxo sangue latexaba a totalidade das porencias cósmicas e das potencias revolucionarias do proletariado da Coruña. Patiño, en quen termina unha forma falsa de facer pintura galega e se abre outra vía que rematará na independencia. Pasa Avilés de Taramancos pegando chimpos e facendo pinchos carneiros polo Cantón vestido do uniforme da Mariña de Guerra Española, non lonxe de Lugrís, Urbano. Pasa o máis secreto dos escritores da Curuña, que non sei se é vivo ou se é morto: José Luis Aranguren, neto do coronel Aranguren que salvou Barcelona dos militares franquistas.Tamén non sei se é morto ou vivo, e ogallá sexa o segundo, Afonso Gallego Vila, mestre da pintura avanzada e do poema radical. E ignoro o paradeiro de María Cremaes, aquel espíro ceibe e boca carnal moi fumadora que sempre se abraza na miña memoria, artistas xémeos eles, con Jean Dubuffet. Esta é a miña Coruña de lembranzas, de sombras, de Saudade non piñeirista. Estes son os grandes coruñeses da miña xeración antifascista e nacionalista que me acompañarán mentres viva eiquí en Vigo e en Vilanova dos Infantes. "Ando en conversación con los difuntos", que escrira o Outro mais soberbio verso castelán.Manuel Riveiro Loureiro era da idade e do xorne destes mencionados e, seguramente, doutros que non se cruzaron comigo nin erraron o discurso dos seus anos polos mesmos carreiros que eu errei. Siescaso, únese aos citados un Xosé Alexandre Cribeiro que baixa agora do Castromil porque tiña que se examinar na Coruña para o título de procurador dos tribunais. Dedicatoria: a Ximeno Amil Edreira, que está vivo e lúcido en Bos Aires.

3 comentarios:

o mesmo, pero disimulando dijo...

Manuel Riveiro Loureiro. Só estiven con el unha vez. Intercambiamos algunhas verbas que xa non son nin sequera ecos. É que eu amo á miña muller en castelán. ¿Comprendes? ¿De que vale escribir galego se logo na intimidade...? Yo soy yo y mi circunstancia. Será verdade.

Alfonso Gallego Vila. Teño na casa un cadro seu pendurado dunha parede. Unha cera fermosísima: Torre de Hércules. E un libro de poemas en castelán. Ayer está a volver, seique se chama. Púxome unha dedicatoria con letra de pintor. E tiña -pero o perdín- un longo poema copiado por min mentras el o dictaba. Supoño que repentizando.
Non sei nada del. Desde hai... ¡Trinta anos!

O meu cemiterio privado tamén ten moitas campas. Demasiadas. E sen flores.

Creo quen non soportaremos ser xulgados.

O camiño de abaixo dijo...

Unha bonita evocación daquela Coruña que puido retornar á galeguidade despois da guerra pero que, por morte, emigración ou ensimismamento das persoas que menciona Ferrín, deu (e dá) nesa cousa noxenta e antigalega que algúns coñecemos.

Yudá Peres dijo...

"...deu nesa cousa noxenta e antigalega que algúns coñecemos".

Un pouco de sentidiño, por favor. Non me estraña logo o de "camiño para abaixo". Así non me estraña.