Desastres
BIEITO IGLESIAS, El Correo Gallego-09
Diante dos desastres da guerra transmitidos por tv, a opinión pública fica consternada, quizais porque leva medio século longo vivindo unha pax americana, con algunha que outra sedela asañada nos Balcáns. O cidadán que mora intramuros da citania occidental quer vivir sempre e non entende esa urxencia de ir ao Ceo manifestada por combatentes rabudos e suicidas entusiastas. Nestas partes do mundo, incluso os espíritos saturnais recitan o verso da melancólica Emily Dickinson: "Oh, Paraíso, ven de vagar!" Desde o confort de turróns e mazapáns, a boa xente fai preguntas de ardida resposta tales como quen empezou ese horror? Foron os sionistas que induciron o éxodo de medio millón de palestinos, que invadiron Cisxordania, Gaza e o Golán e cometeron xenocidio en varios campos de refuxiados? Foron os turcos que expulsaron hebreus durante a Grande Guerra? Hai que botarlle a culpa a Adriano, que os dispersou no ano 135, a Nabucodonosor, á España cristiá de 1492, ao réxime nazista? Cómpre remontarse á invasión por exipcios, sirios, libaneses, iraquianos e xordanos do novo estado israelita en 1948, a un novo ataque dos veciños árabes en 1967? Pouco importa quen empezou, o caso é saber se podemos esperar o convivio de ambas comunidades en dous estados separados e viables. Leva trazas de que o colleitizo de odio que infecta a zona vai ser difícil de premer. A maioría dos árabes desexaría botar os xudeus ao mar e os máis dos israelitas parecen resolvidos a atrincherarse nun estado belicoso. Os palestinos contestan con pedras, foguetes e suicidas que rebentan pasaxeiros nos autobuses. Pero a pulsión de suicidio é compartillada polos seus inimigos, pois os tanques atúan o futuro dos hebreus na súa terra santa, remexen un avespeiro que acabará por provocar outra diáspora. A consigna dos dirixentes xudeus parece ser: morra Sansón e todos en el!
Desde aquí apenas resta poñer a bufanda palestina, máis que nada por correr o frío.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días
No hay comentarios:
Publicar un comentario