24 ene 2009


Fotos antigas.
PAN POR PAN sábado 24 xaneiro
Imaxe: o meu avó materno, Benxamín López Fernández, camareiro en Cuba.

Pasáronme unha pequena colección de fotos antigas da miña familia. Entre elas hai xoias como retratos dos meus avós maternos, Benxamín en Cuba e Carme en Buenos Aires, posando estilo Hollywood, e moitas da miña infancia. Vexo a foto dun curso de Bacharelato en Maristas e o cerebro ponse en marcha: non recordo todos os nomes, pero si moitos acenos, anécdotas, impresións. Outras fotos son dunha excursión colexial a Madrid, con Cesta y Puntos. Retratámonos no Zoo e no Santiago Bernabeu: os das imaxes, algúns hoxe profesionais coñecidos, son neniños ben peiteados, coas súas chaquetiñas de punto ben colocadas, cunha expresión tan cándida como a dos anxiños barrocos das nosas igrexas. Noutras estamos na praia, eu posando cos brazos en xarras. Que queda daquel cativo despois de catro décadas? Quizais unha mirada, quizais unha ilusión, quizais só unha luz no recordo.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

O meu pai tamén ten a mesma estructura das queixadas e do papo. Fíxese en Rimbaud, tamén a ten.

bouzafria dijo...

Impresionante, Marcos. Busco no fondo da miña memoria de neno e a faciana que lembro do seu avó, xa ancián, non a asocio con ésta, agás nunha cousa: parece un home de gran poder físico. Estarei atento por se saca algunha outra del ou da súa avoa Carme.
Remato: coróname esta sección súa. Son fan.
Saúdos.

Anónimo dijo...

Cantas historias podería contar eu!. De cómo cheguéi a Cuba salvando a nado os últimos centos de metros, por ir, como outros maís, sin papeles. De cómo me retuveron nun calabozo de Triscornia hasta que alguén o reclamóu. De cómo sevín como camareiro en bacanáis dos americanos, onde bañaban con champán o corpo núo de belas mulleres, e bebían do chorro que caía do seu corpo. De cómo levéi en brazos, borrachas, ás suas casas, a moitas de esas mulleres,tras unha dura xornada de traballo. De cómo saía de madrugada ao mar, cunha escopeta, pra matar aves mariñas que logo se servían no restaurante. De cómo coñecín a falsificadores de cartos. De cómo coñecín ao magnate Potes, que aparecéu morto en extranas circunstanzas cando pretendía sacar de Cuba os cartos que previamente fora a buscar ao banco en varios coches de cabalos. De cómo amas de cría me ofreceron cartos para que as empreñase, pra seguir tendo leite pra vender, e non quixen. De cómo vivín bodas falsas, con cura falso, con estranos propósitos...

Anónimo dijo...

Amigo Benxamín: non se corte. Conte, conte.

Marcos Valcárcel López dijo...

Hai unha novela latente no comentario de Benxamín, oxalá saia adiante ...

Anónimo dijo...

Teréi que organizar as miñas lembranzas. Engadir as vicisitudes da miña volta a España, onde fun, entre outras cousas, tratante de xamós.
Mentras tanto, vou escoitar unha das miñas canciós favoritas:Un vello amor.

Anónimo dijo...

Aaay!
Alfonso Esparza.
Anos 20.

bouzafria dijo...

Oxalá, ánimo a Benxamín.