Mostrando las entradas con la etiqueta Emigración. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Emigración. Mostrar todas las entradas

24 ene 2009


Fotos antigas.
PAN POR PAN sábado 24 xaneiro
Imaxe: o meu avó materno, Benxamín López Fernández, camareiro en Cuba.

Pasáronme unha pequena colección de fotos antigas da miña familia. Entre elas hai xoias como retratos dos meus avós maternos, Benxamín en Cuba e Carme en Buenos Aires, posando estilo Hollywood, e moitas da miña infancia. Vexo a foto dun curso de Bacharelato en Maristas e o cerebro ponse en marcha: non recordo todos os nomes, pero si moitos acenos, anécdotas, impresións. Outras fotos son dunha excursión colexial a Madrid, con Cesta y Puntos. Retratámonos no Zoo e no Santiago Bernabeu: os das imaxes, algúns hoxe profesionais coñecidos, son neniños ben peiteados, coas súas chaquetiñas de punto ben colocadas, cunha expresión tan cándida como a dos anxiños barrocos das nosas igrexas. Noutras estamos na praia, eu posando cos brazos en xarras. Que queda daquel cativo despois de catro décadas? Quizais unha mirada, quizais unha ilusión, quizais só unha luz no recordo.

26 dic 2008

Terra errante
Bieito Iglesias, ECG. 26-12-08

O Manifesto Verde Amarelo define a identidade brasileira nos seguintes termos: "A nação é uma resultante de agentes históricos. O índio, o negro, o espadachim, o jesuíta, o tropeiro, o poeta, o fazendeiro, o político, o holandês, o português, o francês, os rios, as montanhas, a mineração, a pecuária..." E o Manifesto antropófago engade: "Só a antropofagia nos une, tupy or not tupy, that is the question", en alusión humorística aos tupís caníbales e á inmensa nación fagocitadora de linguas e culturas de diversa orixe. Non hai moito que lle escoitei dicir a un historiador da emigración arxentino que os países latinoamericanos son verdadeiras trituradoras de diferenzas, de maneira que un galego, un xenovés ou un xudeu ruso apenas se distinguen por algún hábito alimentar unha vez abducidos pola megápole bonaerense. O profesor riopratense contrastaba este dato coas singularidades idiomáticas observadas na península ibérica, para concluír que unha identidade cultural precisa un territorio. Así o proba tamén o feito, notado por este que subscribe, de que dous nenos nepalís adoptados xa grandiños, cando os xuntan os novos pais aquí na Galiza, non dan unha fala na lingua natal e relaciónanse en castelán ou galego.
Todo o anterior vén a conto do voto emigrante nos vindeiros comicios autonómicos. Vaia por diante que son fillo, neto e bisneto de emigrantes a Suíza, Cuba e Montevideo, pouco sospeitoso por tanto de terlle inquina aos transterrados. Pero o voto emigrante ía ao PP cando gobernaba e vai ao PSOE agora que é dono da vara e da besta (das subvencións). O sentido dos sufraxios de alén-mar non coincide exactamente co de aquén e mesmo pode alterar a composición do parlamento. Se a iso lle agregamos a ausencia de urnas e garantías, recuamos aos tempos dos pucheirazos da Restauración Canovista, actualizados por caciques transoceánicos. Hai un galego na lúa, pero pode aceptarse o voto dun lunático?

18 jul 2008

Historia, de Bieito Iglesias (ECG 17-7-08)

Por unha cuestión de sexenio (non precisamente do sexenio revolucionario que vai da Revolución de setembro de 1868 ao golpe do xeneral Pavía que acabou coa 1ª República en 1874) e porque os funcionarios temos que acreditar horas de formación cada seis anos se queremos percibir o aguinaldo correspondente, matriculeime nun curso de prosopografías. Igual me tería matriculado nun simposio de física cuántica, pero cadrou que falaron ilustres profesores (Núñez Seixas, Fernando Devoto ou Marcela García Sebastiani) das elites ibéricas no Río da Prata. Un tema ben interesante para os galegos, que tivemos na capital arxentina a nosa primeira metrópole, por cima da Coruña e Vigo, nun período aínda recente da nosa novela colectiva. Trazáronse no curso os retratos de personaxes españolas con certo protagonismo na colectividade emigrante riopratense (López de Gomara, Carlos Casado, etc).
Saíron a relucir algunhas biografías galegas -de Paredes Rey, Fortunato Cruces ou José R. Lence-, e as brillantes palestras dos relatores permitíronme tirar varias conclusións: 1) Somos un pobo sen historia, a maioría dos galegos, tanto emigrados como ancorados na Terra, foron historicamente escura caterva pondaliana, masa anónima que non figura nos diarios nin nos libros, polo que constitúen máis materia literaria que pasto de historiadores 2) A pesar de logros societarios como o Centro Galego, os nosos paisanos non formaron parte da elite local porteña agrupada no Club de Armas ou no Jockey Club 3) Os conterráneos nin sequera alcanzaron un estatuto de mediadores coa oligarquía local, cousa que si conseguiron outros emigrantes peninsulares como o asturiano Rafael Calzada 4) Os países de acollida actúan como verdadeiras trituradoras de perfís étnicos, de maneira que os galegos de alén mar veñen sendo arxentinos con trazos deferenciais case imperceptibles.
Corolario final: o galego mantense na Galiza, a identidade cultural precisa unha reserva xeográfica.

10 abr 2008

Hunos e outros, de Bieito Iglesias (ECG 10 abril, Pan e coitelo)

O sábado pasado apañei un comboio regional (mágoa non poder montar no expreso de Santa Fe, que decora a estación de Santiago nunha réplica miniaturizada) para achegarme á costa onda o meu camarada Xulio Gaioso. Amais de desfrutar a compaña da súa familia e amigos e de admirar a súa arte de narrador en imaxes (mostroume en primicia a aventura de certo pirata que axiña arribará a Pontevedra no galeón Blue Maiden), falamos do divino e do humano. Contoume que por un instituto daquelas redondezas do Salnés pululan bípedes noviños de aparencia antropomórfica que dedican os recreos a meterse cunha alumna inmigrada: "Puta china!" É moi posible que os avós deses xenófobos padecesen en Suíza ou Alemaña un discurso racista que asociaba o éxodo galaico cun fato de crebafolgas a traballar longas xornadas a troco de modestos salarios, en prexuízo da clase operaria autóctona. Se cadra son descendentes dunha muller coraxosa que marchou gañar a vida a Venezuela a finais dos cincuenta ou primeiros sesenta, cando nas telenovelas daquel país non faltaba a personaxe da galeguiña analfabeta que exercía de mucama ou nurse e zarapallaba un castelán de chiste.
Se os chineses, traballadores sufridos e discretos -unha especie de galegos- que non piden nos semáforos nin asaltan chalés, reciben semellante trato, que lles espera a outros inmigrantes de hábitos menos laboriosos e máis barulleiros! O que en USA chaman "lixo branco", querse dicir a xente cuxo único mérito é a pel caucásica, necesita identificar alguén inferior para non amoucharse coa súa propia inepcia. Consólase pensando -consolo de burros- que existen castes máis ruíns, sexan amarelas, acobreadas, pretas ou un chisco trigueiras (calés).
Eses días de atrás vimos no televisor unha horda leucoderma que quería bater no alcalde de Poio, acusándoo de aloxar ciganos no seu arrabalde. Á vista dos moradores adoecidos, parece que o tal barrio é máis perigoso que a pior favela.

9 feb 2008

en poleiro alleo
A Galicia borrosa volve no artigo "Identidade borrosa", de Miguel Suárez Abel (ECG 8 febr.)
artigo completo

A conciencia pode ser étnica ou nacional , a última de carácter político, a exclusiva da idade moderna. Pero en Galicia en vez dun convencemento nacionalista o que se nos dá ben é potenciar o nacionalismo dos outros. Axudamos en serio na construcción do nacionalismo arxentino, no mítico, racial e idolátrico vasco e no laico catalán, pero para o noso servímonos máis dos que veñen de fóra ca dos que viven aquí. A perda, a distancia, o saír fóra introdúcenos nos sentimentos de identidade. Ausentes fisicamente, amarrámonos psicoloxicamente á terra. ¿É o noso un nacionalismo máis borroso ca acolledor ? ¿É o quebracabezas da identidade unha paixón inútil ou en nós só unha amalgama borrosa? Sexa inútil ou non, dentro da borrosa identidade que nos envolve, parece que o máis preto da nosa auténtica maneira de ser como somos é a emigración. Este parece ser, segundo o doutor Lamas, o símbolo masa do galego: a emigración. Emigrantes abertos e non xenófobos. O demais, borroso. ¿Triste? Cada un é como é.


E Mabel Rivera reflexiona dende as imaxes sobre a destrucción do noso patrimonio (Unha lousa no Caurel)

7 feb 2008




Espantallos, de Bieito Iglesias (ECG xoves 7 febr.)

Con estupor lin un día destes as declaracións de dous "cidadáns" (non de dous tipos calquera, senón dun par de voceiros de certo partido que pretende monopolizar a cidadanía) que sentencian: "Ser nacionalista supón volver á cultura da aldea e iso non se pode consentir". Refírense, home xa, a ser nacionalista galego, pois o nacionalismo español está ben libre de resaibos rústicos polo feito de que os camponios de Soria ou das serras de Salamanca falan castelán. A aldea é menos aldea cando se expresa no idioma do Estado Maior do Exército, da Conferencia Episcopal ou do Boletín Oficial do Estado.
Os nacionalistas portugueses sonche viciosos da independencia, por iso se arredaron primeiro de Castela e despoixa de España, pero non retornaron ao agro e moran contra prognóstico nos formigueiros urbanos de Lisboa ou Porto. O mesmo cabería dicir dos mexicanos, separados de España e no entanto amoreados na megápole de México D.F., nada propensos a dispersarse polas abandas de Sierra Madre ou o deserto de Sonora. Poderiamos acumular exemplos que desmenten a identificación nacionalismo=ruralismo; aínda que de pouco serviría porque os preconceptos son parasitos máis difíciles de evacuar que as lombrigas. Tanto ten que a cultura galega dialogue co xazz (Abe Rábade), con Goethe (Méndez Ferrín) ou Berger (Manuel Rivas), o discurso que necesita desacreditala para xustificar o auto-odio e a sumisión provinciana sempre apelará ao espantallo do labrego "atrasadiño". Outramente, se non tivesen alguén "inferior" para sentírense cosmopolitas, que sería daqueles desleigados cuxo maior mérito se reduce a chapurrear a lingua de Cervantes?
Eu pertenzo a unha familia ecuménica que viviu durante xeracións no Brasil, Cuba, Arxentina, Venezuela, Suíza ou New Jersey, sen arrenegar dos amenos lugares de Figueiredo, Pol ou Vilarchao. Curamos o nacionalismo (español) viaxando.
(Nas imaxes: Goethe, Abe Rábade e John Berger)

26 oct 2007


Psicopatoloxía do retorno
Andoliña venres 26 outubro. Foto de Manuel Ferrol. (Este post vai dedicado a Torre de Babel)

Cando marcharon cara á terras descoñecidas encontráronse cun choque cultural inevitable. Cando volven, os nosos emigrantes, sofren un choque cultural inverso: a terra idealizada nos recordos non é o paraíso prometido. Encontran defectos aquí que antes nin sequera percibían. Disto fálase en Psicopatoloxía do retorno (Galaxia) : eis o título do volume asinado polos novos psiquiatras Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo, presentado o mércores no Liceo ourensán cun rico debate no que tamén participaron Víctor Freixanes e os psiquiatras e amigos Santiago Lamas e David Simón.
O retorno é silandeiro. Cambio de valores. Frustración. Somatización. Depresión e alcoholismo nalgúns casos. Os autores do estudo, que mereceu o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2006, recorren a metáforas literarias para explicar estes fenómenos: narrativa odiseica dos homes, viúvas de vivos das mulleres, etc.
Ela di: "Esperei todo este tempo a que volveses e agora non te recoñezo". E logo el: "Traballei arreo toda a vida para que vivísedes ben, e agora chego á casa e nin mirades para min". Tamén a Galicia de hoxe despreza o saber acumulado polo tempo co esforzo de tanta xente.

7 feb 2007


Luís Seoane.
Dende a morte de Castelao en 1950, Seoane é o centro de toda cultura galega do seu tempo dende Buenos Aires. Alí saca adiante, en 1954, esa gran revista que foi “Galicia Emigrante”: consegue as firmas dos exiliados e tamén dos autores do interior con Otero á cabeza. Pero a revista é tamén moi crítica: lean o editorial do seu número 4, “El dinero de América”, onde conta como se reclaman cartos de América para todo tipo de iniciativas na Galicia da Terra. E non hai ricos na Terra, pregúntase Seoane? Non hai cartos nas cámaras de comercio, grupos patronais, industriais, comerciantes e banqueiros galegos? Por que a magnanimidade dalgúns ricos emigrantes fronte á nada dos do interior? Seoane dá esta explicación: as fortunas de aló saíron de abaixo, traballando de sol a sol. Os outros herdaron os seus comercios e rendas, sen esforzo persoal, pensando só neles mesmos.