14 ene 2009


Fraseoloxía.
PAN POR PAN mércores 14-1-09
Imaxe de Ghirlandaio

Moito é o que se ten feito nos últimos anos, no plano científico, no estudo do noso idioma. Un exemplo concreto: a fraseoloxía e os ditos populares. O Centro Ramón Piñeiro publicou 15 volumes especializados nese tema, todos de alto nivel. Entre eles, vén de publicarse o número 10 dos “Cadernos de Fraseoloxía Galega”, que dirixe con xeito Xesús Ferro Ruibal. Contén uns 24 artigos de interese. Mona Noueshi, profesora da Universidade do Cairo, fai un estudo comparativo dos grandes pícaros nas anécdotas e modismos alemáns e árabes. A profesora Angelika Menaker esculca nas funcións da cor verde nas unidades fraseolóxicas españolas, húngaras e alemás, outro traballo que abre fiestras a outras culturas. E o amigo Ferro, pola súa banda, recupera o Refraneiro de Grou (Lobios), que no seu día axuntara o benquerido Bieito Fernandes do Palheiro, aquel gran galeguista de cabeza e corazón.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Os libriños sobre refráns galegos publicados por Ferro Ruibal, tipo "O refraneiro galego da vaca" (http://www.cirp.es/pub/docs/ref_vaca.pdf), son intentos de rescatar do esquecemento a base popular de lingua, o "galego ambiental" conservado durante décadas por labregos e mariñeiros.
Aínda que é certo que moitos refráns remiten a realidades non urbanas ("Gando na corte, pouco leite e queixo forte") e son pouco susceptibles de uso, un dos signos da degradación (castelanización) do galego urbano (o de "entón" e "nembargantes") é o escaso uso que se fai na lingua coloquial de frases feitas e refráns, ao contrario do que pasa noutras linguas normalizadas pola burguesía coma o castelán ou o catalán.
E así aquí moitos dicimos "chover a cántaros" (en vez de chover a arroiar / chover a cachón / chover a ballón / chover a caldeiradas / chover a caldeiros / chover a canados / chover a ceo aberto, etc) porque é a solución fácil.