12 feb. 2009

Androlla
BIEITO IGLESIAS, ECG. 12-2-09

Ao acollido das refoladas de vento e dos aires cativos que sopraron o domingo a favor e en contra da manifestación polo apartheid lingüístico, tiven ocasión de mougar unha androlla achegada por Montse Aira, amiga que trouxo o embutido desde as terras do Cebreiro, do lugar de Rabaceira por máis sinal. Por parte dos ósos embuchados no pedro, tamén se comeron chourizos de carne (nada de chourizos de chofre), repolo e cachelos. Unha comerota ideal para combater este inverno caroal que amorica nos altos trousos de neve. Se aquí se implantase o sistema idiomático escolar do País Vasco, tal como defenden "Galicia Bilingüe" e o Partido Popular, cunhas aulas en galego e outras -separadas- en castelán, dacordo coa lingua materna, moitos rapaces non terían onde aprender palabras como "pedro", "chofre", "trouso", "caroal" ou "refolada", esta columna sería ilexible para eles e un servidor daría en comunicarse, vía médium e en sesións espiritistas, cos devanceiros que descansan onda o galo cataventos do campanario.
Non é que rabee por palicar con Gloria Lago, Rosa Díez ou Ana Pastor, preferiría practicar o reintegracionismo no Río de Xaneiro e faltaríame tempo para fuxir cara alá se tivese conta nas illas Caimán, como ese ex candidato do PP por Ourense. Vou facer, así e todo, unha precisión sobre a lingua materna e o fracaso escolar, que Díaz atribúe ao ensino en galego. A miña nai falou galego 63 anos e italiano 17 (os que morou na Suíza); conforme ao modelo dos manifestantes dominicais, debería ser instruído nas linguas de Rosalía e do Dante, pero estudei en instituto franquista monolingüe en castelán. Sendo galegofalante, seica estaba condenado a fracasar no bacharelato, porén obtiven o mellor expediente académico da miña quinta. Non llo apoñan ao idioma galego, o fracaso escolar élles cousa de parvos.

4 comentarios:

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Cuidao, don Bieito, que é estudiar en galego o que fai dano, non ser galegofalante. Coma vostede estudiou en mononlingüe castelán, así quitou as notazas que quitou. Estalles, pois, dando a razón.

Os sofistas nunca descansan.

Muller Fosforescente dijo...

Os que menos merecen ser desprezados e estigmatizados son aqueles que "teñen ou demostran pouca intelixencia" ou "demostran atraso intelectual", os ben coñecidos parvos.

O autor podía non ter establecido uns parámetros para a asignación da estupidez, mais semella que ve clara sintomatoloxía cando alguén "fracasa" na escola.

Entendo o recurso literario. A necesidade dun termo popular e supostamente ben definido: o parvo, para o remate da composición.

Así e todo, entendería máis acertada unha coda que lle adxudicase á preguiza a causa do fracaso, aínda que se perda fervorosa adecuación estética.

Alén disto, quería amosarlle ao autor (fixen unha pequena enquisa con algúns dos meus ex-compañeiros do instituto) que lonxe das aulas que el imparte existe unha outra realidade verbo do ensino da lingua galega: aquela na que o sistema non aprende aos rapaces a recoñecer o significado dos devanditos vocábulos "pedro", "chofre", etc.

Nin tan sequera a aqueles que, coma min, tamén conseguimos "certa excelencia" no expediente académico.
(E dillo unha que apenas rematou o bac.).

ms dijo...

Os únicos que, no día a día, non son nin necesitan ser bilingües son os de "Galicia Bilingüe". Válelle como sofisma?
Todos os demais temos que selo á forza, simplemente por nacer no Reino de España.

Anónimo dijo...

Para cando unha campaña coordinada e en positivo da sociedade civil e institucións culturais( non dos políticos) en defensa do galego ?

Quen fala dos profesores das Universidades galegas, dos institutos e das escolas do país que utilizaron e utilizan esta lingua como vehículo en multiples materias con optimos resultados?

Quen fala dos profesionais galegos con exito en todo o mundo que recibiron unha parte moi sustancial da súa formación no noso idioma?

Quen fala dos profesionais chegados de fóra que asumiron como propia a lingua galega e hoxe son queridos, respetados e admirados por todos nós?

Quen fala dos artístas galegos, de todos os eidos da cultura, con éxito internacional que nunca renunciaron á súa condición de galegos nin a súa lingua ?

etc, etc....