12 feb 2009

Manual de amor.
Andoliña venres 13-2-09

Por un blog dunha autora galega, Lula Fortune, souben que na Biblioteca Capitular de Verona encontrouse o primeiro manual para escribir cartas, do século XII, asinado por un tal Guido, quizais un crego, e que inclúe un capítulo dedicado ás cartas de amor. Seica saíu no xornal La Repubblica, segundo a propia blogueira.

Alí, nese capítulo sobre as perfectas cartas de amor, aconsella gabar sempre a beleza e calidades da amada, con exemplos de parellas mitolóxicas (Paris e Helena, Píramo e Tisbe), usando imaxes de pedras preciosas ou enviando "tantos saúdos como peixes hai no mar" ou "flores leva o verán". Convén referirse ó sentimento de amor como algo imposible de describir: "ámote tan fondamente que non sería capaz de explicalo aínda que todos os membros do meu corpo puidesen falar". Tamén fala ese manual de bicos, apertas e "cousas doces, cousas para facer xuntos" e recomenda dirixirse ó destinatario con expresións deste xeito: "a túa beleza sabe que...", "a túa dozura coñece...".

Outras expresións refírense ó tópico do mal de amor: "a mente non responde", "o ánimo enlouquece de tanta alegría". Que sorte tiveron as mulleres amadas naquela xeira, cando menos na literatura.

No hay comentarios: