16 feb 2009

As ‘andoliñas’ de Marcos Valcárcel
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO, Galicia Hoxe 16-2-09

As andolas, ben o saben vostedes, son unha caste de bolboretas miúdas que gustan de revoar arredor dunha luz, e andoliñas –a súa forma en diminutivo– foi o título que Marcos Valcárcel quixo que figurase á fronte da súa colaboración xornalística e literaria en Galicia Hoxe. E acertou o escritor con esta fórmula, con esta poética comunicacional. Porque os artigos de Marcos Valcárcel, que agora ven a luz no libro Dende a palabra, dende o corazón. Primeiras Andoliñas –unha escolma das aparecidas entre outubro do 2003 e outubro do 2004–, son un paradigma de precisión prosística, sometidos os textos a unha esixencia, natural no autor, de sonoridade e ritmo e, ao mesmo tempo, tinxidos dun culturalismo de vea asequíbel e intelixente, sen se esquecer en ningún momento da visión directa da realidade e da pura reflexión de carácter cultural e aínda social e político. Así son as andoliñas de Marcos Valcárcel. Lixeiras na súa arquitectura e densas no seu poder comunicante. Formas literarias de intervención directa e ánimo de crónica a fixar nomes, lugares e feitos. Os dicionarios galegos do futuro terán que incluír, sen dúbida, a voz andoliña, á par do seu significado xa coñecido de bolboreta, como "columna xornalística de definido alento literario, breve na extensión e intensa no seu voo de ideas, concrecións e matices". Ou algo así. E ten toda a razón Afonso Vázquez-Monxardín, prologuista deste primeiro libro das andoliñas de Marcos Valcárcel, cando di que que estas folerpiñas –así as denomina tamén Monxardín– "establecen connosco unha comunicación tranquila e fluída, pousan sobre nós suavemente e imos quedando engaiolados coas reflexións de Marcos sobre o mundo cotián ou extraordinario, coas súas lecturas, películas e músicas preferidas, coas evocacións de historias e reflexións diversas". A andoliña xa é, pois, unha marca, un estilo, un selo da casa. Marcos Valcárcel soubo crear e manter un xénero que xa forma parte da historia máis brillante do xornalismo literario galego do noso tempo.

No hay comentarios: