16 feb. 2009

Marcos Valcárcel: "O discurso do castelán discriminado é un disparate que nace da manipulación política"
O autor do libro "Dende a palabra, dende o corazón", que GALICIA HOXE regala hoxe, asegura que o seu único patrimonio, xunto a familia, o seu arquivo e a súa biblioteca, "son os amigos" e confesa que lle gustaría escribir unha "Andoliña" que levase por título "Crer no país"
R.R . SANTIAGO 15-2-09

Marcos Valcárcel é un observador único e un analista sistemático da vida mesma durante estes últimos cinco anos en GALICIA HOXE. No seu recuncho da contraportada escribe as súas "Andoliñas", que agora son recollidas no libro "Dende a palabra, dende o corazón" que hoxe se regala con este xornal.

Historiador, articulista, profesor, home da cultura... que actividade lle satisfai máis?.
Creo que no meu caso son actividades compatibles, con diferentes metodoloxías, pero sempre relacionadas e intercomunicadas entre si. Entregueille moito tempo da miña vida ó xornalismo e quizais é a actividade á que máis lle debo no que se refire á comunicación directa coa sociedade.
Vive o idioma galego un mal momento ou todo o contrario cando alguén se manifesta porque o castelán está discriminado?
O galego non vive un bo momento e necesita todos os apoios posibles. O discurso do castelán discriminado é un absoluto disparate en Galicia e todos sabemos que nace dunha manipulación política: o máis triste é que un sector dun partido como o PPG xogue esa carta tan suxa co fin de rañar algúns votos. Pensa que hai algunha medida milagrosa para recuperar o galego?.
Non hai medidas milagrosas, pero si é necesario un conxunto moi amplo de novas estratexias, creativas, intelixentes, contundentes, que teñen que implicar por igual os gobernos e toda a sociedade. Sen o apoio explícito e comprometido dos cidadáns fracasará calquera iniciativa por ben intencionada que sexa.
É unha persoa cunha forte capacidade de autocrítica. A súa evolución ideolóxica cambiou ao longo dos anos. Reprocháronllo algunha vez?.
Podo ser autocrítico porque son consciente das miñas capacidades e das miñas limitacións. A miña evolución ideolóxica puido cambiar en matices ou nunha concreta afiliación partidaria, pero, por riba diso, mantiven sempre un territorio común, que foi o do galeguismo, o da democracia e o da liberdade. Tamén o da confianza no ser humano como chave dun progreso respectuoso co medio e co planeta que lles deixaremos ós nosos herdeiros.
Andoliñas naceu hai cinco anos. Cal foi a súa evolución?.
Primeiro foi un reto, pola periodicidade case diaria. Logo, un lugar de encontro cos amigos e cos lectores. Eu mesmo quedo sorprendido de ter entre os meus lectores personalidades da cultura ás que admirei sempre, o que supón un plus de responsabilidade ante a pantalla en branco.
Os seus artigos serven para crear opinión, para reflexionar. É ese o seu obxetivo?.
Non sei se crean opinión, en todo caso queren favorecer un debate en liberdade e tolerancia, que moitas veces se produce logo no meu blog As Uvas na Solaina. Moitos articulistas movémonos nun "humus" común de ideas e opinións e é da confrontación pacífica entre todos e da riqueza de matices de onde xorden as mellores realidades: ese é o segredo do mellor xornalismo de opinión.
No prólogo Monxardín fai unha fermosa presentación do libro. Sente que ten moi bos amigos, xente que agradece os seus escritos e que o seguen habitualmente.
Moi fermosa presentación sen dúbida. Reitero que, coa familia e o meu arquivo e biblioteca, o mellor e o meu único patrimonio son os amigos e as amigas, sempre xenerosos no seu apoio. Esa é unha das meirandes riquezas, aínda que non sirva para cotizar en bolsa, pero tampouco está en perigo cando chegan as crises económicas.

Que Andoliña lle gustaría escribir que aínda non pode. Que levaría por título?.
Como son breves terían que ser tres. Unha titularíase "Crer no país" e narraría en forma breve o proceso de descubrimento, por parte dos galegos, da súa cultura e identidade. Daría conta dunha forte inxección de autoestima das nosas xentes. Outra podería chamarse "Mocidade de noso" e falaría duns mozos e mozas que falando en galego, e dominando tamén outras linguas, constrúen unha Galicia máis moderna e solidaria, con maiores cotas de benestar para todos. E na terceira, titulada "A Terra fala", sería a propia Natureza a que nos contaría como se chegou a un pacto cos cidadáns para que o desenvolvemento da riqueza necesaria no país non hipoteque nin estrague os tesouros medioambientais dunha Galicia única nas súas fragas e mas súas costas, desde Os Ancares ata as terras fisterrás.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Fantástica triloxía de andoliñas, ogallá nun futuro sexan unha realidade. Graciñas!