4 feb 2009


Bieito Iglesias afonda nas características do conto literario
Co suxestivo título 'Conto contado, burro aparellado', o escritor ourensán ofreceu o segundo dos relatorios dos XIX Encontros Literarios, nunha edición que escolleu como lema 'O conto da literatura. A literatura do conto'.
Recensión de A NOSA TERRA. Fotos de Pepe Trebolle. 04.02.2009

Durante o seu relatorio cargado de humor e teatralidade, Bieito Iglesias Araúxo percorreu as características do conto literario e as súas diferenzas e similitudes co conto popular, de par de Marcos Valcárcel, coordinador das xornadas, que foi o encargado de presentalo. "Quen nos acompaña pertence a unha xeración das letras galegas moi prometedora", afirmou Valcárcel, que tamén salientou o seu "extraordinario dominio do idioma, adaptándose a todo tipo de rexistros".

Bieito Iglesias presentou unha intervención que quería "breve como o xénero que hoxe nos trae aquí". "Cada historia require a súa extensión", afirmou, así e todo. "Non hai que darlle moito crédito ás tallas porque todo depende do que queiras contar". Unha das súas características fundamentais é "a expresión do eu, a maioría dos contos bos están narrados en primeira persoa". Clasificou Iglesias aos contistas en dous tipos: os que confían "na espectacularidade da anécdota", coma Edgar Allan Poe, e "os narradores breves que aparentemente non contan nada, pero con historias cheas de significado que agochan un problema moral", caso de Hemingway e os seus discípulos.
En canto ás diferenzas entre conto literario e popular, sinalou que o último caracterízase por ser un relato didáctico e universal, coma O parrulo feo, recollido por Andersen, ou Hansel e Gretel, recollido polos Irmáns Grimm. E, no momento de pasar á práctica, Iglesias deleitou aos asistentes con varias historias, que remataba coa fórmula, "conto contado, burro aparellado, agora que conte outro quen teño ao lado".

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Moito me gustaba aparellar a burra. Aparellar, para os que non sexan de aldea coma son eu, é poñerlle a albarda.
Ás veces púñaselle primeiro unha pequena tela, para que non lle mancase a albarda. A parte de atrás da albarda tiña unha correa que se ceñía ós cuartos traseiros. Había que coller o rabo do animal, e sacarllo por fora de esa correa, pra que pudera movelo e espantar as moscas con él. A albarda axustábase ó corpo da burra cunha cincha que había que apretar ben, con forza, e logo abrochar. A burra era moi lista. Enchía de aire os seus pulmós en canto lle apretabas a cincha, pra que despóis lle quedara máis floxa ,e non lle apretara tanto. Pero así, quedaba a albarda floxa, e podías caer despóis. Tiñas que facer que se "sumira", verbo que non sei se está nos diccionarios e que significa votar o aire fora dos pulmós pra que o peito ocupe menos. Case nunca se lle puñan estribos, pero ás veces sí. Si se aparellaba pra buscar unha carga, engadíanselle unhas "trelas" porriba da albarda , que permitían repartir a carga, o máis equilibrada posible, entre ambos lados do animalciño.
Eu montaba na albarda de un salto, pero a xente maior tiña que "arrimar" a caballería a unha pedra alta pra, desde alí, botar a perna e montar . Había que ter ben conta da corda, pra que non empezara a andar en canto estabas coa perna no aire, senón pegabas un carallazo contra o chau.
Había varios nós que se lle podian facer á corda pra amarrar a cabeza do animal por o fuciño e podelo controlar unha vez montado. Para os traballos cotiás bastaba unha sola "renda" cun nó simple e duas ordes fundamentáis: "arre!" e "xo!". O "arre!" iba acompañado dun chasquido da lingua que ao parecer forma parte da lingua dos bosquimanos, a tribu máis antiga do planeta, e posiblemente, por tanto, formara parte das linguas primixenias. O meu abó decía que era "unha palabra que entenden os burros e que tí, con todo o listo que és, non eres que de escribir".

A querida voz do meu abó resoa na miña memoria, como si a oíra adastora mesmo: "Rapá, que bó eres. Xa me aparellaches a burra. Mexóume un santo na boca".

Nota: "Mexarche un santo na boca", quería decir que un traballo có que contabas xa non o tiñas que facer,porque o problema se solucionara de algún outro xeito.

Burro aparellado.

Anónimo dijo...

Magnífico dkv. Axúdame a recuperar a aldea. Anque sexa só pondo ideas.
O capitalismo éche ruín cousa. E os nosos foron grandes, daquil xeito.

Balonga dijo...

Fermoso relato dun feito tan común naquelos tempos. Parabens!
Pra repartir a carga,cando ía ao Chavasqueiro ou a Barreira buscar feno poñianselle as angarellas(os).
"A burra era moi lista".
Toda a familia deixamos a aldea no ano 57, eramos caseiros e nada tiñamos. Nada? Algo sí: a lingua.
Con 9 anos regresei dous veráns despois ao lugar de Muruás que eran coma da familia e a burra estaba debaixo do horro. Agarreina pola crines con acenos leveina onde as escaleiras e subin enriba dela, a pelo.
Liscou a galopar a máis non dar e uns 30 metros máis adiante, de súpeto, chantouse das patas dianteiras e eu saín polo ar, sen entender ren, até aterrar, cunha costelada que aínda hoxe me doe. Non dixen nada a ninguén. Tiña xenio e autoestima.

Anónimo dijo...

Trelas e angarelas é a mesma cousa. Anque, non sei por qué, na miña aldea chamábanlle "trelas" ás de madeira, e "angarelas" ás de metal.