3 feb 2009

Cousas que quedan da guerra
AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN, Galicia Hoxe 3-2-09

Despois da hixiene democrática das últimas décadas, poucas cousas quedan activas da época da guerra civil española. Eu sei de dúas que coa súa visibilidade constante están paradoxalmente ocultas á nosa percepción. E conste que non digo isto con máis intención que a pura curiosidade histórica porque o seu propio nome é parte desa historia e a min, certamente, tanto me ten como se chamen se cumpren ben o seu servizo, como creo fan ben entrambas.
A primeira delas é Radio Nacional de España. Como é sabido, fúndase en Salamanca, en 1937 cunhas emisoras móbiles montadas en camións proporcionados polo Reichpost alemán para constrarrestar a influencia informativa de Radio España, emisora oficial do estado desde a súa fundación en época monárquica, en 1924. Así, fronte a Radio España, voz oficial naquela altura da legalidade republicana, ergueuse unha Radio "Nacional" -co que isto significaba daquela- de España, ou sexa como voz suprema da sublevación. ¡Ai se a alguén se lle ocorrese intentar volverlle o nome da emisora oficial de España ao que foi primeiro e sacarlle o de "nacional" pola lembranza guerreira! O que ían baduar algúns sobre os "inimigos da nación española". A outra, tamén coa previsible redundancia de repetir o "nacional" guerreiro e o topónimo do Estado é a Organización Nacional de Cegos de España. A ONCE naceu tamén en tempo bélico, fins de 1938, para a protección dos invidentes que daquela, por mor da guerra, abundaban de xeito especial.
O éxito actual de ambas as empresas -RNE e ONCE- afunde as rúas raiceiras lonxe no tempo. Por unha banda o apoio orixinario e absoluto do Estado. Lembren as conexións obrigatorias de todas as radios cos noticiaros horarios de RNE que trouxo ata os nosos días a denominación belicista de O parte para os bloques informativos públicos. Lembren a afiliación obrigatoria de todos os cegos na ONCE e a licenza dunha lotería particular como é o cupón que, beneficiosamente, situou os invidentes españois entre os de máis posibilidades de desenvolvemento e integración do mundo.
E, por outra parte, a profesionalidade dos directivos e traballadores que conduciron o cambio de xestión da ditadura á democracia en RNE e ONCE ao éxito absoluto. Ambas as empresas gozan hoxe así, do respecto, cariño e estima popular, independentemente daquela vella orixe da que ningúen se lembra. Nin falla que fai.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

RNE é hoxe a mellor cadea de radio. E Radio 5 Todo noticias, a máis completa e imparcial.

Anónimo dijo...

Concordo, Arume.
E faltou na lista a Red Nacional de Ferrocarriles Españoles

Anónimo dijo...

Para os que se queren informar en español, especificamente sobre o Reino de España e desde un punto de vista español, evidentemente RNE (especialmente Radio 5) é a mellor.

En Cataluña, non. Alí a xente escoita, maioritariamente, Catalunya Ràdio, "a radio nacional de Catalunya". Son líderes de audiencia desde 1994. Para estar informado as 24 horas, Catalunya Informació.

E en Galicia...?

Como dicía o outro, país...

Anónimo dijo...

Se tes que escoitar Radio Vigo, calquera outra emisora é a BBC.