11 mar 2009

A estatua do Alpinche
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 11-3-09

Se un entra no Google Earth e mira as imaxes de Ourense subidas con ese invento español de tantísima rendibilidade que e o ‘Panoramio’ -unha aplicacion que permite visitar unha cidade a través das fotos enviadas ao ciberespazo por outros turistas- encóntrase con que o que máis chama a atención de nós é a estatua do coche que está onde a Subdelegación de Goberno, no Parque. O visitante ve, olla, para, sorrí, pon cara estrañada e tira de cámara de fotos. Nunca, seguro, viu nada parecido no mundo mundial. Os nenos, como está baixa e xa non hai ‘gris’ na porta da Subdelegacion, suben ao teito sen medo; os adolescentes agáchanse para saír na foto sen tapar ese coche; moitos botan confianzudos o brazo polo ombreiro de Lalao Reverter ou do Antonio Colemán. Pero, perdóenme eles, a estrela, o que fai ao grupo inédito é ese coche que Lalao quixo bautizar ‘Realpor’ -acrónimo de Reverter, Alpine, Porche- pero que o inxenuo popular ourensán, picando a republicano, simplificou en ‘Alpinche’, mestura de Alpine e Porche. Porque iso é o que era.Os nenos daquela e os que xa non o eran tanto, lembramos como se construíu no verán de 1971 cando Lalao Reverter fixo o trasplante do motor dun Porche 911 que destrozara Pavón, á carrocería dun Alpine que el comprara. A matrícula era OR-31516, que a tíña eu ben posta nun coche ‘tuneado’ -daquela non existía a palabra- do meu scalextrix. Axiña o ‘monstruo’, demasiado motor para tan pouca carrocería, colleu as cores laranxa butano e banda branquiazul, tal que a bandeira arxentina. Durou cinco anos ata que Beny Fernández o espetou xusto ao comezar o Rally do Sherry, en Jerez de la Frontera.
O coche máis mítico que saiu de Ourense na súa historia. Pois si señor. Está ben que teña unha estatua. E por suposto que con Lalao Reverter. Que para algo participou 12 veces no Rally de Montecarlo e gañou varias ducias, por Galicia e España adiante. E sobre todo por ser o introdutor decidido da paixón polo automobilismo que daquela houbo na cidade ao redor do Rally e da Escudería. Si señor. ¿E o Antonio Colemán? Pois tamén. ¿Por que non? Non todas van ser de homes de letras. Foi un digno organizador e sucesor de Lalao á fronte da Escudería.Con todo, o conxunto garda un par de misterios. Haberá que lle preguntar un ao escultor Ramón Conde, e outro deixalo no aire. Si, lembramos que o Antonio era mellor mozo que o Lalao... ¿pero non se lle iría a man un pouco na diferencia? E o segundo, ¿que diría o Lalao de verse de ‘copiloto’ dun Colemán que nunca conduciu? Cando se esfiañe o fío da memoria vai parecer o que nunca foi.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Paréceme incrible o seu comentario: ¿está relacionado o seu tamaño e a súa situación cós méritos obtidos por esas persoas?Entón, e se fose o caso, ¿qué tamaño tería que ter a de un probable premio Nobel ourensán?Resulta moi indicativo do nivel dunha sociedade as persoas admiradas pola mesma.

Anónimo dijo...

Con todo o respeto que merece por o feito de non estar xa entre nós, pero ao Colemán podía levalo vostede para a sua casa.

Anónimo dijo...

É que non caben no coche. Nunca sabrei que lles dá este pésimo escultor ós políticos para que enchan as cidades coas súas horribles esculturas, moi na liña, da castañeira ou da leiteria. (que as leiterras eran máis guapas, leñe)

Anónimo dijo...

E a castañeira parece travesti

Anónimo dijo...

... e postos a dicir, por que as autoridades locais non pensan en retirar ese vehículo da beirarrúa e 'aparcalo' na zona final da parada dos taxis en San Lázaro, fronte á sede da asociación de railistas ou, o que é o mesmo, fronte á desaparecida cafetería Alaska, verdadeiro centro de reunión deses amantes de queimar gasolina?

Anónimo dijo...

Pareceme unha indecencia e unha falta de respeto a tantisima xente merecedora dun maior recoñecemento. Demostra unha vez mais a insana relación existente entre os políticos e os artistas da cidade contratados a perpetuidade, simbiose que crea mostros "artísticos" como a presente escultura

Anónimo dijo...

O coche ríxido "Alpinche" non pode aparcarse onde vostede dí porque amolaría ós taxistas.

Según eles manifestan é unha boa parada. Porque está en costa e aproveintan a caída para deixar deslizar os taxis sen ter que encendelos. Cada vez que contratan a un é invariablemente o último da costa abaixo, vaise, e os outros deíxanse caer sen arrancar. O Apinche do carafio posto ehí ía escuaxiringarlles o invento.

Anónimo dijo...

Podo coincidir con vostede, señor Lobo Neghro que se o 'Alpinche' quedara no medio da rúa Parque de San Lázaro amolaría aos taxistas, por iso propoño aparcalo na cima desa rúa, próximo ao semáforo.
Será unha boa parada para os taxistas polo que vostede indica, pero como persoa que utiliza ese servizo non tanto.Explicareime. Vostede ten que coller o taxi máis próximo ao Paseo, polo que ten que circular, co taximetro funcionando, pola rúa Parque de San Lázaro, parar no semáforo (se esta en vermello para autos)e continuar viaxe.
Se o taxi que tivera que coller fora o da cima, aforraríamos cartos montándonos nel cando o semáforo está en verde, comezando entón a correr o taxímetro. Ademais, os taxis non terían que moverse marcha atrás xa que irían quedando tal como chegan.
Señor Lobo Neghro, no que coido si estamos de acordo é en que se a grúa 'colle' o 'Alpinche' e o pon noutro lugar, mellor.

Anónimo dijo...

O.k.

Oll korrecto.