5 mar 2009


Miradas Alleas (e VI)
MARCOS VALCÁRCEL
andoliña 4-3-09

Comentei na pasada semana os diferentes volumes da serie Miradas Alleas, publicada pola Xunta de Galicia. Faltaba dar conta do libro Borges dende o labirinto galego, encargado ó profesor Claudio Rodríguez Fer, autor de diversos traballos sobre o escritor arxentino, que foi sempre unha referencia viva tamén na literatura do lugués.Co mesmo título do libro publícase unha conferencia de Rodríguez Fer do ano 1999 cun seguimento detallado das conexións galegas de Borges: a súa ascendencia portuguesa, a súa presenza en Alfar e a da súa irmá Norah Borges nas revistas de vangarda galegas, a súa admiración por Rosalía, as súas relacións con Eugenio Montes, Blanco Amor, Seoane, Dieste, Francisco Luís Bernárdez, Valente, etc. Inclúense palabras de gabanza para Primitivo Rodríguez Sanjurjo, que segue totalmente esquecido, e detalles da súa visita a Compostela en 1964, acompañado de María Esther Vázquez, onde tivo como anfitrión a Ramón Piñeiro.

Un segundo ensaio do mesmo autor, Borges: escepticismo e fantasía, afonda nas claves da súa literatura. Algunhas delas, como o escepticismo esencial e o cultivo do xénero fantástico, achegan o mundo borgeano a riscos ben definidos da nosa personalidade cultural.

No hay comentarios: