5 mar 2009

Os 300.000
BIEITO IGLESIAS ESCRITOR E PROFESOR, ECG. 5-3-09

Albert Boadella, canso de que no Principado trunfe sempre o catalanismo, pasou a morar alén dos Pireneus (sospeito que reside máis en Madrid que no Midi) e escribiu unha nota de despedida titulada "Adiós a Cataluña". Algúns amigos meus, que me chamaron consternados o domingo á noite, tamén andan a escribir o seu "Abur a Galiza", aínda que por motivos de índole profisional ou familiar non pasen a vivir de momento no norte de Portugal. Quedaron mancados non tanto polo resultado electoral como por unha campaña mediática que chegou a cultivar pérolas nacaradas: "Este país non pode ser refén de 300.000 nacionalistas". Querse dicir que o Bloque, na súa versión máis descafeinada (tanto que causou a decepción das súas bases), mobilizou os anticorpos dunha sociedade que non tolera veleidades galeguistas. Os apestados, que xa somos menos desde o reconto de papeletas, quizais debamos coller o andante. Apenas se notaría, despois de todo aquí os votantes desaparecen en masa nun cuadrienio sen que ninguén repare na falta. En 2005 había censadas 2.616.081 persoas e antonte tiñan direito a voto 2.311.584. Faltan trescentos mil, que non pereceron coa peste negra nin protagonizaron un éxodo repentino a outras partes de España; imaxino que foron expurgados do censo de residentes ausentes porque xa estaban mortos, como mortas están as máis das estrelas que divisamos no firmamento. Este dato explica o suposto incremento da participación, que non foi tal, de facto houbo incluso menos votos desta volta, aínda que aumentase a porcentaxe porque borraron os electores fantasmas.

A redución do censo é un recordatorio do declinio demográfico. Hai certa lóxica poética no feito de que os galegos se extingan canda as palabras da tribo e como as cotrolas que cantaban (co-to-lí, co-to-lí) sobrevoando as restrebas nas tardiñas veraneiras de antes.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu xa fixen o "abur" Galicia hai moitos anos. Daquela había enchufismo, con Fraga, logo continuou co bipartido, e supoño que agora as cousas seguirán máis ou menos igual.

A min xa non me pillan máis o voto para unhas eleccións.

Si, si... xa sei que o pobo é soberano...

Balonga dijo...

Escriben que falamos con 3.000 palabras, que entendemos 10.000 e os máis cultos até 20.000. Bieto Iglesias co seu dominio da lingua debe chegar até o duplo. A min sempre me bota ao dicionario se quero progresar adecuadamente.
De Deus (que probabelmente non existe) para abaixo, pódese falar de todo e se os individuos equivocanse, os pobos tamén poden facelo. Ou non foi un erro que os alemans levaran por votación a Hitler ao poder, ou lle deran a maioria abosoluta ao Sr. Aznar, ou escolleran tamén a G.W Busch ... Iso sí, teremos de esperar algunha tempada pra sabelo. Namentres, arriba os corazons e a seguir.