Elena.
Rosa Aneiros.Galicia Hoxe. 13-05-2009.
Foto: Elena Poniatowska.Fonte, blog editorial Galaxia"Soy chaparrita, como un perro sentado", afirma Elena Poniatowska e a súa voz medra e faise poderosa para falar dos pendejos da fronteira mexicana, das maquiladoras vítimas do feminicidio de Juárez, dos ecos do terremoto, dos estudantes mortos na praza de Tres Culturas. Poniatowska é máis grande cós seus ollos azuis cristal que o debullan todo, máis grande ca todos os vivos e mortos que proxectan luces e sombras nas súas obras. Porque a escritora mexicana, a Alicia no país das testemuñas en palabras de Carlos Fuentes, é tan grande como a voz de todas as testemuñas que recolle nunha literatura que mestura xornalismo e ficción para construír a realidade. Ese mosaico de voces -o pouso da ollada fértil e a man sincera da que falou Manuel Rivas- devólvenos o mundo que non renuncia a espreitar pola fiestra para ver a fame e a miseria que transitan polas rúas ateigadas da Humanidade. Polas súas palabras, un brinde da man de Chavela Vargas, acabados de cumprir os noventa anos: "Nada me han enseñado los años, siempre caigo en los mismos errores, otra vez a brindar con extraños y a llorar por los mismos dolores. Tómate esta botella conmigo, en el último trago me dejas, esperamos que no haya testigos?". Grazas a elas -corpos miúdos, voces xigantes- sempre haberá testemuñas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario