19 may. 2009


O galego impoñente.


A.V.M. Galicia Hoxe.19.05.2009.


Meus señores, creo que nós, os profesionais da lingua e da cultura, máis ca impoñer, o único que intentamos é recompoñer a relación entre os galegos e galegas e a fala aquí nacida hai mil anos.
E para iso queremos traspoñer as fronteiras da historia e que Mendiño, o Rei Sabio, Rosalía, Manuel Antonio e os nosos bisavós sexan presentes en nós a través da súa lingua. Queremos que os nosos fillos e fillas poidan dispoñer por sempre deste ben nacido aquí, nas benditas terras célticas do noroeste da Hispania romana. Estamos orgullosos de querer contrapoñer unha Galicia nosa, mundial, cosmopolita, galegófona e multilingüe, unha auténtica Galicia suxeito, verbo e verba predicada no futuro, a unha galicia con minúscula, apoucada, bilingüe e simple complemento circunstancial.
Querémonos sobrepoñer a uns tempos pasados agora que contamos con institucións colectivas, e gozar felices da historia para solaz da humanidade.
Cremos que querer antepoñer a nosa lingua a outras non é máis que o desexo de pura conservación inherente a calquera ser vivo. Empezando pola nosa lingua galega e con outras que poidamos, máis alá sempre na comunicación global. Pero a conservación do mundo, sabémolo ben, empeza pola casa. Queremos pois compoñer unha situación que unha historia rabuda e avolta deu en descompoñer desde hai séculos pero que hoxe, con vontade, ten arranxo. Trátase de repoñer a lingua no lugar que ocupou nos corazóns e nas bocas dos nosos devanceiros e espallala nas redes do futuro. Esa lingua que de xeito natural soubo arrepoñerse ás dificultades pasadas noutro tempo en que o mundo era máis simple, precisa hoxe da nosa axuda e aquí estamos.
Non cremos que sexa boa cousa tratar de opoñer as vontades dos falantes ás linguas, pois dereitos e deberes son os xuncos con que se tecen as liberdades nas sociedades modernas. E aquí xa que os tempos nos situaron ante a realidade de ter dúas linguas, unha orixinada nestas terras verdes e outra que nola veu a apoñer a historia, podemos ler na situación unha oportunidade e debemos terlles lei, con dereitos e deberes, a ambas. E debemos propoñer que así sexa. Quero supoñer que entenden o espírito desta mensaxe, pois a cousa non ten moita ciencia; non podemos pospoñer unha cuestión tan fundamental pois o tempo, estatísticas cantan, non traballa en favor nosa.
Así pois, debemos entre todos, poñer o galego no seu sitio: no corazón, na boca, nas clases, na casa, nos amigos, nas leis... Trátase, en definitiva, de ir máis alá co que sempre foi, como nos demostra a historia de lingua vencedora de séculos escuros e dificultades e a súa extraordinaria literatura: unha lingua impoñente.

2 comentarios:

Xosé Manuel Carreira dijo...

O malo é que os da Galiza "bilingüe e harmónica" dos oitenta disimulaban, facían certo exercicio de hipocrisía e ata non vían mal un harmónico fifty-fifty en diglosia e defendían un "aprenda galego pero o que vale é o castelán".

Agora nin iso, hoxe algúns mesmo piden o "dereito a exercer a ignorancia do galego" no ensino >>>obrigatorio<<<. O próximo será decidise a ser obxector de conciencia da matemática moderna, da tectónica de placas, do big bang, do darwinismo ou da historia peninsular medieval. Tempo ao tempo.

Criselda dijo...

Eses foron os grandes progresos que trouxo non facer as cousas a tempo. En calquera caso son dúas eutanasias -iso que están contra a eutanasia- a primeira pasiva e a segunda activa. A ver o que dura o enfermo así e todo, que é resistente. Case estou por dicir aquilo de que ten unha mala saúde de ferro.