Xosé M. González
Xornal de Galicia, 14/06/2009
('A mesa negra' de Matisse .Museo Thyssen.)
Adoito considerar o tema desta columna mediando a semana precedente; e venres último, vista a requisitoria xudicial contra os ‘ridiculistas’ que actuaran onda a manifestación de “Galicia Bilingüe” en febreiro, tiña decidido soster unha vez máis o dereito a opoñerse. Pero o sábado arrombei sen reparo nin dúbida aquel motivo, pola urxencia de manifestar gratitude: moi obrigado, PP.
Este partido, cando goberna, renova o espírito. Á luz da experiencia, as maiorías absolutas de Fraga ou Aznar suscitaban un desacougo pola gobernación inminente que mesmo podía dar en aquel depresivo. Pero se o primeiro tiña amaño difícil, no estilo de goberno acababa xurdindo remedio para o segundo: sen ladrar nas esquinas, un volvíase can alporizado contra o petulante; e algunha insolencia de vello nada entrañable multiplicaba a gana de dicir Nunca Máis. O dito: auténtico efecto renovador.
Neste comezo de lexislatura, a Xunta promove un inquérito sobre uso lingüístico na actividade didáctica. Xa de inicio se viu parcial canto aos destinatarios, provocou escepticismo sobre a fiabilidade, pareceu destinado a xustificar unha diminución das horas en galego; e veu o influxo triste e pesimista da desafección idiomática. Pero na fin de semana a consellaría de Educación descargou toda a responsabilidade do proceso nos equipos directivos; engadiu o custo de varias páxinas propagandísticas ao seica xa non escaso orzamento; e prohibiu criticar a enquisa no ámbito escolar.
Momento no que eu, ata daquela un tanto paradiño, me puxen a fotocopiar e repartir dípticos a prol de manter a situación vixente. O efecto remocicante do PP: señor Feijóo, queda incluído na lista.
4 comentarios:
Non podia ser doutro xeito Sr. González.Parabens! Na Galiza, as cousas son sinxelas: Unha Nación que perde poboación, tricénio tras tricénio, é unha Nación que non vai ben. Quen gobernou sempre, agás un trienio? Quen chama aos pactos pra esfarelalos cando non lle conveñen?.
Pois os de DANFeijóo o Reconquistador do Noroeste. Mais ...
Si señor, González. Esta nova disputa contra o infortunio anóvanos. E como somos máis vellos é deber noso ser máis listos o que non quere dicir máis conservadores, por suposto. E como dicia Einstein, se queres resultados distintos, fai cousas distintas. O galego non ten culpa de nada. Non lles podemos permitir a estes que nos esfarelen os avances porque outros non o fixeran todo o ben que debian. Por iso, non podemos voltar tampouco ás vella consignas simplonas. O galego será o que os galegos queiran que sexa. E nós debemos querer e saber facer que os galegos queiran que a situación cambie e camiñe á hexemonia linguistica do galego. ¿Seducíón ou chegou o momento de poñer os cornos? That's the question.
Si señor XMG.
Señor Monxardín, encóntroo anovado e con entusiasmo polo idioma, animo e a seguir. Seducir e poñer os cornos ao tempo ou en contiguidade, o que non soporta o galego é o interruptus.
Con todos tres en plena sintonía. Eu penso que esta campaña (permítaseme chamarllo) estase a facer ben, cada un no seu papel e o lugar escollido. É tempo de sedución contraofensiva. Cornos penso que non; porén, logo de ter gastado cantidades inxentes de amabilidade, que non esgotamos e seguiremos prodigando, convén abrir o sorriso e amosar un pouco os dentes.
Así e todo: gustaría de que o señor ABF, e algún outro que le e ten escrito algunha vez aquí, emulasen o señor Rafael Cuíña e -de teren fillos en idade escolar- votasen a prol do galego; sen retórica diletante, iso si. E non teñan medo, que se tal e nesta guerra eu, cando menos, non os hei expulsar do meu lado.
Publicar un comentario