5 jun 2009

Discurso IV premio PEN Galicia.
Voz da Libertade.
Compostela 22.05.2009.
(Traio unhas líneas escritas por primeira vez, non no ordenador, senón ditadas como o vello Lamas, ditaba a Sánchez, neste caso pola miña dona e compañeira María, quen tivo que facer manuais estas palabras, que máis que nada expresan o meu estado de ánimo e a miña gratitude.)
Excelentísimas autoridades. Benqueridos amigos. Teño que empezar estas palabras cun sincero e intenso agradecemento, o Pen Club galego. Sei canto debo este xesto á amizade e á xenerosidade dos amigos e impulsores do mesmo.
Nos últimos anos tiven a oportunidade de coñecer á inmensa mayoría dos escritores galegos e tamén a moitos autores hispanos e sudamericanos, en encontros do Pen ou do Liceo de Ourense. Á marxe da valía literaria de cada un deles, sempre estimei nos escritores, como simples seres humanos que tamén son, a súa capacidade para a lealdade e a xenerosidade; algún dos mellores escritores do mundo souberon conxugar todas estas cualidades a brillantez e a autenticidade da súa escrita. Creo que ese é tamén o espíritu que preside as actuacións do Pen Clube Galego, institución cultural que teño a honra de pertencer dende hai varios anos.
Á altura de 1973 eu era un mozo de quince anos que me matriculaba nun curso de Língua e Literatura galegas e tiña o privilexio de escoitar en directo a palabra viva de don Ramón Otero Pedrayo, Jesús Ferro Couselo, Xoaquín Lourenzo, ou Eduardo Blanco Amor. Sucedeu isto no vello local na rúa Curros Enríquez da Agrupación Cultural Auriense. O mesmo acontecía nos locais de o Galo, o Facho, o Eixo, Cultural de Vigo, Amigos de Pontevedra e máis de medio cento de asociación culturais de base espalladas polo país. Foi aquel un gran fenómeno de integracións social, organizado polos superviventes do P.G. e os novos nacionalistas dos anos sesenta.
Aquel esforzó garantiu en boa medida a supervivencia real do galleguismo que fixo fracasar os plans xenocidas, cando menos a nivel cultural, dos xenerais franquistas. Nese ambiente político e cultural formámonos a chamada en palabras de Pepe Miranda, Xeración ERGA., espacios nos que convivimos en irmandade fraterna fillos da pequena burguesía cidadá, do campesiñado e da emigración ou dalgúns grupos proletarios. Esas foron as raíces nas que chantou o Movemento Estudiantil Galego e unha parte da contestación político-social do franquismo final.
Dende aquelas datas, inicios dos setenta, ata hoxe mesmo, eu só fun un “xornaleiro da cultura”, en expresión prestada por Modesto Hermida, “xornaleiro” de xornal escaso, pero convencido da necesidade de sachar en man común as terras da cultura galega, eidos que nunca estiveron a ermo gracias ó esforzó dos nosos precursores e dos que viñemos despois.
Nesta viaxe vital tiven moitos Mestres e libros que marcaban o roteiro máis axeitado. Entre todos eles nunca esquecerei o texto “Sementeira” (1958) de don Florentino Cuevillas, oración laica cunha mensaxe ben nídia:. “virán tempos difíciles en que veredes perigar o nos idioma e esmorecer a nosa personalidade”. Pero non desalentedes os que traballades en pro de Galicia, porque calquer esforzó, grande ou pequeño, polo noso país sempre será sementeira.
Nos últimos trinta anos procurei seguir o mandato de Cuevillas en todos os espazos que fun acollido: nas asociación culturais, no xornalismo e nos libros de ensaio e investigación. Descubrín unha literatura vizosa nas súas claves temáticas e variantes estilísticas. Unha literatura forzada no lirismo, o amor á terra e no sentimento de humor, como ben demostraron os clásicos de Nós e da Xeración Galaxia. Velaí as paisaxes das fermosas pastorelas medievais, o berro angurioso do mar a chamada pola morte dunha muller soia nos versos rosalianos, as esgrevias e poderosas paisaxes de Pondal e Novoneira ou a fondura do ser identificado co mar no canto vangardista de Manuel Antonio. O humor, a ironía, a sátira, a retranca están tamén en todos os chanzos das nosas letras: dende o escarnio medieval ó enxebrismo de Lamas e a tenrura e empatía de Castelao, pasando por Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro ou Ánxel Fole.
Tamén estivo sempre presente no noso corpus literario o berro en pro da dignidade humana e a chamada á loita en pro dos dereitos dos cidadáns nese río caudaloso parido por Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín e unha longa ringleira de afluentes. Dende outra perspectiva segue a conmovernes o retrato da dor, a enfermidade e o sufrimento dunha voz auténtica como Luis Pimentel, revelador esencial da fraxilidade da condición humana. O poeta lugués de seguro asinaría como seus aqueles versos contundentes que definían a vida como “un relámpago entre dos oscuridades” en expresión certeira de Vicente Alexandre.
Estes e moitos outros escritores foron os meus compañeiros durante anos. Ningún pintor logrou crear a gama de verdes que Otero Pedrayo deu para describir as nosas bocaribeiras. Quen meditou sobra a responsabilidade dos intelectuais no fanatismo e na intolerancia como Carlos Casares en moitas das súas novelas?.
Velaí, nestas grandes obras das nosas letras, todas as preguntas que paga a pena formular. O lector intelixente sabe que non hai respostas absolutas. E sabe que renegar do concepto de Identidades hoxe só nos levaría a unha imitación ridícula dos modelos culturais españolizados ou americanizados. Segue viva a apelación de D. Vicente Risco en pro da “Soberanía Estética de Galicia”: e sequera a Autonomía Galega debería servir para achegarnos a ese ideal.

7 comentarios:

David Paz Nóvoa dijo...

Moi fermoso e emocionante discurso. Magnífica a cita de Cuevillas nestes tempos que vivimos. Unha forte aperta desde o Salnés.

Xeiteiro dijo...

Fabuloso, brillante, como todo o que ti fas, querido amigo. Apertas fondas.

Roque Soto dijo...

Fermosas e sentidas palabras, Marcos. Nestes tempos convulsos de aceleración tecnolóxica é bo voltar aos libros deses autores que citas.

Unha aperta desde Vigo

Jorge dijo...

Bonito

Helena dijo...

Emocióname este discurso que di tanto en non moitas palabras. Non se podería facer mellor síntese do que somos e de como debemos resistir. Cando empeza a fraquear a esperanza -agora mesmo é un momento de grandes incertezas no que vai pasar coa lingua, por exemplo-, amigo Marcos, recordar as túas palabras hame valer de moito.
Apertas.

ms dijo...

Magnífico discurso, Marcos, aínda que eu non creo que esta autonomía nos vaia traer a soberanía estética.

Anónimo dijo...

parabéns, parabéns, parabéns.