DISCURSO NA RECEPCIÓN DO PREMIO OTERO PEDRAYO
Teatro Principal.Ourense, 20 de xuño de 2009 .
Marcos Valcárcel López.
(O discurso consta de dez folios dunha cara, que pertencen aos tres cuartos de hora -aproximados - de lectura e improvisación)
INTRODUCIÓN: NON SUM DIGNUS.
Cando aló polo ano 1934 ou 1935, Xosé Filgueira Valverde quixo preparar unha antoloxía de poetas galegos, dirixiuse, entre outros, a Otero Pedrayo, o cal naquel momento só publicara en formato libro obras de narrativa, e este respostoulle “non sum dignus”, non son poeta. Hoxe sabemos que isto non é verdade porque de feito Otero Pedrayo publicaría logo poesia, o libro Bocarribeira, e deixou centos de poemas e poesías que están a ser recollidos en xornais e en revistas da época.
Conto todo isto porque, canto hai uns días, me chamou por telefóno o presidente da deputación ourensá, José Luís Baltar, o primeiro que meu veu á cabeza foi a anécdota de Otero Pedrayo, e as gañas de lle dicir “non sum dignus” de recibir tal galardón. Pero, evidentemente, houbo detrás un xurado formando por persoas de institucións de moito prestixio que así o consideraron e, polo tanto, eu non podía desbotar esa posibilidade.
Así pois, o primeiro que vou facer é amosar o meu agradecemento a ese xurado que decidiu outorgarme unha tan alta distinción. Porque o que é certo é que recibir un premio que leva o nome de Otero Pedrayo -como se fose o nome de Castelao ou o nome de Alexandre Bóveda- é moito máis que un compromiso, é realmente case unha profesión de fe nos nomes que foron sagrados da nosa conciencia cívica e que nunca esqueceremos.
Síntome moi satisfeito, moi orgulloso e moi ledo de recibir un premio que leva o nome dun dos maís grandes escritores das letras europeas do seu tempo.
PARTE PRIMEIRA: O meu Otero Pedrayo. (Non existe en soporte papel, rescatarémola de gravacións multimedia).
PARTE SEGUNDA: Otero Pedrayo, obxecto de estudo.
Anos despois lin con moito detalle a maioría das obras de Otero Pedrayo, non só as súas novelas e tamén os seus contos, senón os seus ensaios, moitos dos seus estudos de investigación e moitísimos centos de artigos dos que publicaba todos os dias nos xornais. É difícil de imaxinar, de non sabermos que estamos ante unha xeración como a Xeracion Nós, a capacidade heroica de traballo de xentes como Otero, como Risco ou Cuevillas, que publicaban practicamente a diario artigos na prensa, ás veces varios no mesmo día, que escribiron nos anos vinte e trinta a maioria das súas obras literarias, ensaios e estudos. E que noutros casos como Otero Pedrayo, era tamén o director do único instituto da cidade, “o culto director do instituto”, como dicía a prensa, e que aínda lle quedaba tempo para formar conciencia galeguista a través do Partido Galeguista e do seu labor en Cortes en Madrid, algo que, por certo, aburriu soberanamente moitas veces a Castelao tal e como se queixa nalgunha carta ao seu amigo Otero Pedrayo.
Mais a verdade é que aquela xeración, con aquela capacidade epopeica de traballo e de esforzo, foi a que tivo a ilusión e o gran compromiso de inventar unha idea de Galicia. Unha idea de Galicia que existía antes, por suposto nos Precursores, e de forma moi potente na obra de Murguía e na obra periodística de Lamas Carvajal, ou na obra poética de autores como Rosalía Curros e Pondal; pero que a partir deste momento terá unha forza teórica, unha forza de perfección verdadeiramente inigualable. Esa Galicia como nación cultural que reivindica os seus dereitos, que quere ser dona de si mesma, que quere salvar a súa lingua e a súa cultura, é sen dúbida un legado induscutible da Xeración Nós e moi en particular de Otero Pedrayo.
Eu tiven a sorte de abordar en distintas etapas da miña vida diversos traballos sobre don Ramón. O primeiro -que, por certo, foi un encargo de Bieito Ledo para a editorial Ir Indo en 1988- foi o libro titulado Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento. Obra que serve de referencia aínda hoxe a moitos estudosos deste tema e, en concreto, das ideas e do pensamento de Don Ramón. Libro que compartillei, así o quixen explicitamente, co historiador Xose Ramón Quintana, coautor do mesmo. De feito, entre as virtudes do libro está a forte bagaxe teórica e o rigor analítico de Xosé Ramón Quintana ao estudar o pensamento de don Ramón, así como algúns datos, bastantes datos inéditos, da vida do Otero Pedrayo político dos anos 30 extraídos da miña tese de doutoramento sobre a república ourensá. Polo tanto, o libro é unha biografía, unha biografía politica tamén, un estudo da súa obra literaria e un estudo moi a fondo e moi rigoroso do pensamento de don Ramón.
Pouco despois, anos despois, tiven a posiblidade, tamén convidado, esta vez por Carlos Casares, de preparar a edición e a longa introdución d’ O libro dos amigos, un fermosísimo texto de Otero publicado en América nos anos cincuenta, onde dá o xesto valeroso do recordo dos seus amigos desde os anos durisimos da posguerra, fixándose particularmente nun grupo de arredor de trinta persoas, entre os cales estaba o exiliado, recén morto, Castelao, e tamén figuras vítimas da guerra civil e do franquismo, como Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres ou Alexandre Bóveda, así como moitos outros. Libro do que a policía tivo constancia e só a alta personalidade e o prestixio de Don Ramón impediron que caera sobre el o peso da represión.
Foi para min un pracer preparar esta obra, presentada en Trasalba, como o foi despois enfocar diversos estudos sobre o xornalismo de don Ramón, o último deles títulado Teoría de Galicia, que é un volume que recolle todas as colaboracións de Otero Pedrayo na revista Vida gallega, publicado hai poucos anos pola editorial Alvarellos e no que fixen unha longa introdución sobre o xornalismo de don Ramón. Se houbese folgos, non será o caso, quedan por facer numerosisimas cousas, porque don Ramon é un longo continente aínda por descubrir. Entre outras, moitos de vostedes xa o saben, unha das miñas teimas é o seu xornalismo.
É urxente recuperar en formato libro ou como sexa, tamén utilizando os novos medios dixitais, toda a obra xornalistica de Otero Pedrayo: os centos de artigos que publicou en La Región desde os anos corenta, na revista Misión, na súa sección “Parladoiro” no xornal La Noche, a primeira sección en galego na prensa de postguerra, e os moitisimos artigos publicados en revistas da emigración de America e de Europa. E como digo, sobre todo os publicados en La Región ata a fin dos seus días. Sería unha importantisima achega para os investigadores poñer todo ese material na rede, por exemplo nunha web titulada “Xornalismo de Don Ramón”, o que nos faría descubrir grandisimas marabillas que esconde este xornalismo en boa parte inédito aínda.
PARTE TERCEIRA: Hai que poñer de moda a Otero Pedrayo.
Ramón Otero Pedrayo, como dixemos, é un dos nosos grandes clásicos das letras galegas e, á vez, un dos grandes autores da Europa do seu tempo, con preocupacións e inquedanzas moi semellantes a outros grandes escritores conservadores daquela época.
É chegado o momento de poñer, de verdade, de moda a Otero Pedrayo.
Poñelo de moda quere dicir non só recuperar o seu nome, recuperar por suposto toda a súa obra, como está a facer desde hai anos a editorial Galaxia, senón tamén difundila entre a maioría da poboación, tanto escolar como adulta. É verdade que Pedrayo ten certa sona de autor difícil nos textos escolares, precisamente pola riqueza do seu léxico e pola enxebreza da súa sintaxe, á parte das súas peculiares construcións narrativas, mais, aínda así, creo que isto é máis que nada un problema de estratexia didáctica. Hai textos de Otero para todas as idades. Aos nenos pequenos, por exemplo, encantaríalles escoitar a Historia dun neno, ese texto biográfico onde fala da súa máis tenra infancia, cando Vicente Risco botaba discursos sobre a guerra de Cuba ou de Marrocos aos gatos dos tellados, ou cando ian xunto dúas institutrices francesas moi delgadas e moi tetudas aprender as primeiras letras.
Despois hai textos escollidos de Otero Pedrayo, que hai que buscar, que poden valer para moitas e moitas tarefas escolares. A continuación están os seus contos. Eu recomendo, para adentrarse no mundo de Otero Pedrayo, antes os seus libros de contos -Contos do camiño e da rúa e outros títulos publicados por Galaxia- do que as súas novelas, as súas obras mestras como Arredor de si ou Os camiños da vida. E isto porque algúns deses contos son, en síntese, grandes novelas e tamén auténticas obras mestras. Pensemos en "O fidalgo", pensemos en "A serea", pensemos en tantos e tantos relatos oterianos. É máis, Otero é moito máis rico en rexistros do que se soe pensar. Nun destes contos, por exemplo, hai un Otero provocador e mesmo un tanto irreverente que relata como o bispo medieval ourensán chega a roubar a auga das Burgas e facer unha canalización para levala ata a sé do seu bispado nas Torres e Curral do Bispo, simplemente para ter contenta á súa concubina que quería bañarse en auga quente. Tamén hai este tipo de textos, se se quere un pouco irreverentes ou grotescos, da autoría de Otero.
Hai que recuperar a Otero Pedrayo, hai que recitar os seus poemas, hai que poñer as súas obras de teatro nos escenarios, como se fixera coa excepcional A Lagarada en Trasalba hai uns anos. Hai que recuperar o seu nome e o seu debate, se fai falta coas técnicas de márquetin máis modernas. E, por suposto, as súas grandes novelas. Ese Otero Pedrayo d´Arredor de si, d’Os camiños da vida, d’O Mesón dos ermos, de Fra Vernero, d’A Romería de Xelmírez, de tantas e tantas obras de gran interese. Nunha das súas últimas intervencións, na que Maribel Outeriño o entrevistaba, don Ramón dicía que se sentía xa como unha pantasma do século XIX andando por Ourense, alá contra mediados dos anos setenta do século XX.
Otero foi, de certo, o noso grande paisaxista, pero foi moito máis ca iso. Foi o cronista dun mundo que xa non existe: a Galicia campesiña do século XIX, a Galicia campesiña incluso do seu tempo, ata os anos vinte, ata os anos trinta. Despois dos corenta e dos sesenta, as cousas empezarían a cambiar, e moito. Otero non era unha pantasma do século XIX. Era unha testemuña dunha Galicia que existiu e que era, nas súas palabras, “a que afinca na tradición máis profunda”.
Nun texto moi fermoso, Otero dicía que “hoxe -na súa época- cando un campesiño galego debuxa o xugo dunha parella de bois, sen querer, a súa man, a súa mente, van trazando formas, debuxos, espirais, formas redondas, suaves, que xa fixeron os nosos antergos desde as épocas prehistoricas dos petroglifos que se conservan nas nosas rochas”. Algo hai dese espírito galego, desa alma galega que permanece a través do tempo.
E, desde logo, o máis identificable dese ser galego, sen ningunha dúbida, está no exemplo da lingua. Esa fala que nos constitúe e nos fai propios, que nos fai auténticos e nos diferencia. Como dicía don Vicente Risco, íntimo amigo de Otero, aínda que os quixeron enfrontar nalgún momento das súas vidas sen éxito, “Ser diferente é ser existentes”.
E eu atrevome a dicir hoxe aquí que Otero Pedrayo está esperando aínda pola dereita galega. Ou, dito doutro xeito, que a dereita galega ten moito que aprender, ten moito que coñecer a través da obra de Otero Pedrayo. Para empezar esa apelación pola fala, esa necesidade de construción do País sobre o seu idioma, sobre a súa cultura propia, esa harmonía social que o propio Otero recomendaba como modelo de vida.
Otero debería ser lido por todos, e creo que a dereita galega, que hoxe goberna na Xunta, encontraría grandes sorpresas na obra de Otero Pedrayo, no seu pensamento economico, no seu pensamento politico, en moitos aspectos rigurosamente moderna e rigurosamente singular. Un home que non é un pasadista, que non está sempre pensando no pasado, senón que quere unha Galicia de futuro, esa republica natural campesiña que el soñaba, e quere abrirse aos procesos de mercantilización, pero sempre desde as raices máis fondamente galegas. Creo que algún autor xa iniciou estudos neste campo desde a perspectiva da dereita, e alegrareime que sexan exitosos, porque Otero Pedrayo, insisto, merece ser recoñecido desde ese mundo e merece ese tipo de solucións.
A vida, di nun verso fermosísimo o poeta español Vicente Aleixandre, “es solo un relampago entre dos oscuridades”. Se o queremos en galego, “a vida é un lostrego entre dúas escuridades”. Mais o certo é que hai lóstregos que teñen unha forza de seu que deixan para as xeracións vindeiras un legado importante que recoller, que acrecentar, que coñecer e que estimular nun futuro.
É certo que Otero Pedrayo non nos deixou vías asfaltadas, nin grandes fábricas, nin grandes empresas, nin nomes de compañías nin nada semellante. Ese non era o seu mundo. Pero deixounos o poder da palabra, e tamén o poder indestrutible da ideas. O único que temos que facer é volver a ese poder da palabra, a ler a Otero Pedrayo, a levar a Otero a todos os lugares, aos centros escolares, ás festas de veciños, a todo tipo de actividades e volver a reivindicar o que foi un dos grandes clásicos do mundo europeo do século vinte.
Pola miña banda, recibir hoxe un premio que leva o seu nome non pode deixar de emocionarme e de encherme de gratitude. Cara ao xurado, cara á Deputación de Ourense e a don José Luis Baltar, como promotor desta iniciativa, e tamén cara a todos vostedes, amables amigos.
Grazas.
11 comentarios:
Acabo de imprimir o discurso para podelo ler outra vez con máis calma. Marabilloso, como Marcos nos ten xa acostumados.
Memorable e imperecedeiro discurso do Marcos Valcárcel. Abrazalo a el é xa abrazar a Galicia enteira.
Marcos Valcarcel si é dignus do premio. Eu tamén imprimín o discurso, para lelo devagar.
Escoitaban o DISCURSO unha ampla representación de Políticos no poder......Ogallá! serva para que esquezan a guerriña do Idioma.
Emocionoume ler o discurso, convertiu a recepción do premio nunha homenaxe a do Ramón. Marcos sinalanos un deber para asumilo libre e animósamente, hai que visivilizar mais a Otero, temos que percurar que se siga descubrindo. Otero é un punto común, unha epifanía Ourensá que alumea a universalidade da Galiza dende a perspectiva dun clásico.
Unha aperta Marcos, Viva don Ramón!
Felicidades pola merecida honra e a seguir traballando!
Ourense é Ourense.
Por algo naceu aquí a xeración Nós.
Por algo aquí, xuntos estaban politicos dos tres, e dos vinte que houbese.
Viva Marcos. Que impere o sentido da razón,o sentido común.
Os políticos da mesa tomaban notas.
A primeira persoa que se ergue a aplaudir cando finalizou o discurso foi un amigo deputado do PP en Madrid que escribe no libro Homenaxe dos amigos. De nación ourensá, claro.
Despois ríame eu co homenaxeado preguntando se non sería o camiño máis fácil para galeguizar a dereita, en vez de discursos, facernos nós de dereitas... Xa estaba o traballo feito. A cuadratura do círculo. O ovo de Colón. E riamos a cachón...
Precioso e oportuno discurso. Grazas.
Sen dúbida que calou no ánimo de todos os presenntes, Marcos Valcarcel apelando a inmensa figura de Don Ramón Otero Pedrayo. Marcos sen dúbida quere que o seu espiritu nos influa, que o seu amor a Galicia nos transparente un futuro do que podemos participar, que o seu universo baixo as estrelas de Xelmirez nos sirba de horizonte a nosa espiritualidade para axexar o inmorredoiro.
Galicia grazas a Otero Pedrayo, grazas a Marcos Valcarcel latexa orgánica nas entrañas de moitos galegos, con vida propia, insuflando espíritu. A percepción estética de Galicia, moitos, incluso os que somos de dereitas, debemoslla a Otero, a Risco, e a Marcos. Con eles constituese nunha realidade que orienta as nosas decisións políticas.
Vivimos tempos axitados, no seo do PP, non lle é negado a ningúen, vivimos tamén tensións con Galicia ao fondo, co compromiso coa terra.
Que premio máis merecido, que gran discurso, felicidades.
Tanto Otero Pedrayo como Marcos Valcárcel teñen demostrado en numerosas ocasións o seu amor por Galiza, e nos mostran o camiño que debemos seguir. Grazas Marcos polas túas palabras cheas de emoción.
Publicar un comentario