16 jun 2009


Empobrecemento da linguaxe.
Galicia Hoxe, 16.06.2009
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO




Denuncia o escritor Mempo Giardinelli que no seu país, a Arxentina, a linguaxe sufriu nos últimos trinta anos un empobrecemento dramático e que duns 84 mil vocábulos dispoñíbeis só se empregan na actualidade arredor de mil. E, segundo datos da Real Academia Española, só entre os anos 1992 e 2001 foron suprimidos máis de 6.000 artigos do Diccionario oficial, palabras que simplemente desapareceron do uso falado e escrito e caeron no pozo do desuso. O empobrecemento xeneralizado da linguaxe é unha realidade que resulta hoxe máis que evidente na sociedade e detéctase particularmente nos adolescentes e nos profesionais en xeral, que, aínda tendo realizado estudos superiores, adoitan caer na inmediata vulgaridade e na conseguinte pobreza expresiva. ¿Acaso non sae da Universidade un alto número de licenciados que exhiben unha pésima desenvoltura ou manexo da lingua oral e escrita? Segundo diversos estudos realizados, se hai dez anos un universitario empregaba unha media de 1.200 palabras no seu vocabulario activo, hoxe só utiliza arredor de 600. Velaí a realidade. E resulta preocupante. O empobrecemento da linguaxe avanza como as areas do deserto sobre os fianchos verdes da herba. Xa dicía George Steiner hai corenta anos, baseado en estatísticas sobre o tema, que a capacidade de lectura de máis da metade da poboación adulta dos Estados Unidos se atopaba "ao nivel dun neno de doce anos". E como di, non sen ironía, o escritor e crítico literario Manuel Arranz, "xa sabemos que Estados Unidos é o futuro de Europa". Por ese camiño imos. E algo albiscou ou abesullou ao respecto o visionario George Orwell cando, na década dos corenta do pasado século, nos advertiu sobre a decadencia da civilización occidental e o inevitábel e triste destino compartido pola súa linguaxe, debido este sobretodo a causas económicas e políticas favorecedoras do empobrecemento da mesma. Como ben dixo o poeta italiano Giorgio Barberi Squarotti: "A pobreza da linguaxe debilítanos e pode facernos escravos das ideas doutros".

7 comentarios:

Iacobus Von der Stein dijo...

A mín que morra xentiña cruzando o estreito, preocúpame, sinto tristura se algún dos meus amigos está enfermo, pero non me desacouga o que sinala Fernán Vello.
Fai dous mil anos o latín eran escasamente mil termos, meus devanceiros viviron -mal- con escasamente cincocentos e os meus fillos arrean -ben- con catrocentos.
Que pide Fernán Vello, que un millón de nós nos refuxiemos nos mosteiros a escreber e gardar como reliquia algo que non está na rúa?.
Eu vou de segundo se él vai de primeiro.

Anónimo dijo...

Ten razón o que escribeu o artigo. Hai que ler máis.Sobre todo máis poesía.As autoridades educativas teñen a obriga de fomenta-la lectura dos nosos premiadísimos poetas.

Balonga dijo...

Leopoldo Perdomo no seu "Manual para padres noveles" de 1998, escribe: O home emprega 1.000 ou 2.000 palabras nos intercambios verbais ordinarios. Entende 8.000 ou 10.000 palabras de media. No caso de ser moi formado pode coñecer 30.000 ou 40.000 palabras.
Ven ao caso encetar unha andaina polo emprego acotío de palabra PARVA,parvear,parva raída.Qué e iso de hora do bocadillo?, hora do descanso?...

xdc dijo...

A que está empobrecendo é a linguaxe política, que xa consiste case exclusiamente en tópicos e consignas de un ou outro signo, có conseguinte empobrecemento das novas ideas.

Vai anos, o vocabulario sofisticado usábase coma sinal de estatus. Hoxe, valórase moito na vida social o coñecemento das expresiós carcelarias de moda.

arume dos piñeiros dijo...

Os primeiros capítulos do Satiricón de Petronio, escrito máis ou menos polo século I after christ, din tamén máis ou menos o mesmo.
Cada certo tempo hai que lembrar que seguimos a estar en plena decadencia de occidente.

"Et ideo ego adulescentulos existimo in scholis stultissimos fieri": "Estou convencido de que os adolescentes nas escolas son cada vez máis e máis parvos", di no parágrafo I,3 Encolpio.

xdc dijo...

E non sólo eso. O servicio está tamén cada vez peor.

Criselda dijo...

O malo é cando un que aprendeu na escola un galego empobrecido polo estándar -o castelán da escola tamén é empobrecido-, se pon a ler un texto de quen ten o idioma patrimonial cheo de riqueza léxica -tamén me vale calquera das dúas linguas como exemplo- e cavila o coitado que están inventando o idioma. E o bo é que un se pode rir do listo que cavila esa parvada.