11 jun. 2009





García Alén, Tarsy Carballas e Marcos Valcárcel, Medalla Castelao 2009
O recoñecemento nesta edición tamén inclúe a Fernando Diz-Lois Martínez; e a Fernando Pérez-Barreiro Noia.
O Consello da Xunta aprobou, na súa xuntanza desta quinta feira, o decreto polo que se conceden as Medallas Castelao 2009, unha distinción que se lle outorga a aqueles galegos e galegas autores "dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo no eido artístico, literario ou de calquera outra faceta da actividade humana".

Deste xeito, o Goberno acordou distinguir este ano a investigadora Tarsy Carballas Fernández; o doutor e internista Fernando Diz-Lois Martínez; o médico e etnógrafo Luciano García Alén; o tradutor Fernando Pérez-Barreiro Noia; e o investigador e divulgador da cultura galega Marcos Valcárcel López.

Os premiados, un a un
Tarsy Carballas é doutora en Farmacia pola USC, e profesora de Investigación no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. Ten máis de 230 publicacións, e na actualidade traballa no eido da predición dos incendios forestais e a rexeneración do solo queimado.

Fernando Diz-Lois Martínez é un internista que, segundo contan dende a Xunta, "a pesar da súa fama", decidiu ficar no país. Dende 1973 é xefe de Departamento de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, labor que compaxina coa docencia universitaria.

Polo seu lado, Luciano García Alén é médico e etnógrafo, alén de fundador e primeiro presidente do Club Nacionalista Alén Nós e patrono fundador do Museo do Pobo Galego. Con Filgueira Valverde e o seu irmán Alfredo García Alén participou nos anos 50 a 70 na organización e desenvolvemento do Museo de Pontevedra. Dentro da súa actividade a prol da cultura galega resaltan os seus traballos e investigacións sobre a olaría popular.

Fernando Pérez-Barreiro Noia é tradutor do inglés e chinés. Foi membro dos equipos dos servizos exteriores da BBC en Londres, profesor en varias universidades británicas e xefe dos Servizos de Tradución da Organización Internacional do Café. Tamén é autor da primeira tradución dunha obra teatral de Shakespeare para o galego e das primeiras traducións directas do chinés para o galego.

Marcos Valcárcel López é doutor en Xeografía e Historia e catedrático de Lingua e Literatura galegas no ensino secundario. Conta cunha longa traxectoria como investigador, erudito e divulgador da cultura galega. Autor de numerosas publicacións e cun constante labor xornalístico, dende a Xunta destacan a creación dun seu blog, As uvas na solaina, que sinalan coma "un dos lugares da internet máis activos de Galiza".

5 comentarios:

Pinstassilgo dijo...

Non coñezo aos doutores, mas si lin as esplendidas traduccions ao galego de Pérez-Barreiro Nolla(sic, con "ll")do Macbeth, de Shakespeare, e o seu maravilloso "Flores e leña" do chinés.Emigrou a Londres, a BBc, por volta de de 1963 ou 1964, coa sua dona, a tamén escritora Teresa Barro.Hai poucos anos deronlle o Pedrón de Honra...Aledámonos moito por él , polo noso tan querido Marcos, e polos outros 3 premiados. Oxalá os Premios Castelao manteña o nível, como parece que foi...., porque aquelo de Fraga... con medalas Castelao a Moure-Mariño...mi madriña!

Helena Villar Janeiro dijo...

Parabéns aos premiados e moi especialmente aos dous que trato, Marcos Valcárcel e o Dr. García Alén.
Teño por certo que Castelao se sentirá contento de velos unidos ao seu nome.

Anónimo dijo...

Parabéns a Marcos. Por esta vez, a medalla Castealo vai a ficar moi dignamente pendurada perto do corazón dun home bo e xeneroso.

lobo neghro dijo...

DE P.(parabéns) MADRE!.

Luis Lamela dijo...

As miñas felicitacións a Marcos Valcárcel por este recoñecemento tan merecido. Non dubido que Castelao se sentiría orgulloso de contar con un "irmán" como Marcos.
Unha forte aperta.

Luis Lamela