11 jun. 2009




Medalla Castelao para Marcos Valcárcel

Marcos Valcárcel (Ourense, 1958), doutor en Historia Contemporánea, é catedrático de Lingua e Literatura Galegas. O seu traballo de investigación céntrase na historia política do galeguismo en relación con Ourense e a historia cultural da cidade: A prensa en Ourense e a súa provincia (1987); Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (1988); A cidade da Xeración Nós (1996); Pé das Burgas. Estudios de historia, literatura e xornalismo (1998); "Ourense, a gran cidade literaria", en A memoria de Ourense (1999); Ourense, craro río, verde sol. A cidade na voz dos seus poetas (2001); Carlos Casares, punto de encontro (2002); etc. Publicou ademais Xoaquín Lorenzo. Vida e obra (Xerais, 2004) e preparou a edición da Poesía en galego de Antón Tovar (2005). Membro correspondente da RAG, forma parte das Fundacións Carlos Casares e Curros Enríquez e dirixe a sección de Literatura do Liceo de Ourense. Colabora nos xornais A Nosa Terra, La Región e Galicia Hoxe. E autor do blog as uvas na solaina.

A Medalla Castelao foi creada no 84 con motivo do retorno a Galiza dos restos de Castelao, o 28 de xuño. Levouna ese ano Ánxel Fole. Despois recibírona Camilo José Cela, María Casares, Fernando Rey, Amancio Ortega, Nélida Piñón, Roberto Verino, Amancio Prada, Pura Vázquez, María Victoria Fernández España, Amancio Amaro, Fernando Ónega, Adolfo Domínguez e o grupo Milladoiro (A Nosa Terra 11/06/2009)

PAN E COITELO/Bieito Iglesias "El Correo Gallego":
Etnografía
O dicionario de uso do español de María Moliner define étnico como "relativo a razas ou propio dunha raza determinada", pondo un exemplo bastante exótico: "Caracteres étnicos de los papúes". Agrega máis dúas acepcións: xentilicio e pagán. Pola súa banda o dicionario da lingua galega de Isaac Alonso Estravis recolle os significados anteriores pero engade que étnico pode referirse simplemente aos moradores dunha rexión ou país. Todo isto vén a conto de que o Departamento de Estado de USA seica nos caracteriza aos galegos como grupo étnico. Raza humana galaica non hai unha vez superado o celtismo do seculo XIX, aínda que en compensación inzan razas de bichos de toda pelaxe: vacas de raza rubia galega, can de palleiro, galiña de Mos, etc. Ignoro se os papúas son razudos (coraxudos), pero nós máis ben pecamos de sarniamornias, eufemismo vernáculo que designa a covardía. Pagáns si somos, sobre todo de impostos que Feijóo prometeu baixar aínda que unha vez empoleirado na Xunta esquecese as súas promesas. Imaxino que aos vixilantes das esencias patrias (da patria española, home non!) se lles abriron as carnes con esa intromisión dos EEUU na cuestión identitaria: desde o apoio norteamericano á independencia de Cuba nunca tal se viu. Supoño que Aznar telefonaría a Bush para que rectifiquen e o ex presidente desculparíase alegando que non pode facer bo do negro okupa da Casa Branca. Quizais a cousa non sexa para tanto se pensamos que alá na Terra das Oportunidades abundan os restaurantes étnicos, así chamados todos os que ofrecen na ementa algo máis que hamburguesas. A etnicidade entendida ao modo do Tío Sam parécese moito ao parque temático, con folclore e cociña típica. Así pois, se a vostede lle gusta o caldo de nabizas requentado facilmente incorrerá no nacionalismo étnico. Se amais fala galego, vélese de Rosa Díez. Non haxa medo de que por iso nos invadan os marines. Os americanos non son tan ruíns nin tan fatos.

10 comentarios:

estaquilla dijo...

Parabens

bouzafria dijo...

Parabéns!!!.
Unha honra máxima para os ervedelianos.

arume dos piñeiros dijo...

A min me gustaría estar na ceremonia de entrega deste premio, polo menos na contorna, digamos nos baretos veciños tomándolle algo ata a hora de que saia do protocolario rendez-vous e poder darlle os parabéns como mandan a admiración e o íntimo orgullo.
Agradécense detalles do evento supoño que en Santiago.

Pablo dijo...

Noraboa, mestre. Podemos poñerlle chatas ao premio (por iso de que nun tempo as daban a esgalla) pero ningunha ao premiado. A miña noraboa máis fonda.

apicultor dijo...

Moitos parabéns, don Marcos Valcárcel López.

Xosé M. González dijo...

O Arume falou por min, que no 25 de xullo adoito estar en Compostela. Sexa dentro, sexa fóra, veremos de nos ver.

ms dijo...

Que bo vasalo se houbese bo Señor! Noraboa para o premiado e indiferencia pluscuamperfecta (se se me permite a contradictio in terminis)para os premiadores.

xOsse dorrio dijo...

Agora sí, parabéns!

Trebi dijo...

arume- Xosé M. González- e todos moitos mais amigos.
Espero dar detalles do evento (Encanto coñeza ) para disfrutalo xuntos.
Os PARABÉNS a Marcos

Ana Bande dijo...

¡bicazo de medalla!