2 jul 2009





Castelao entre nós
CAMILO NOGUEIRA
O texto "O retorno dos restos de Castelao" corresponde á intervención do autor no Parlamento de Galiza defendendo a proposición non de Lei apresentada en nome de Esquerda Galega. Da mesma autoría, o artigo "Castelao entre nós" foi publicado en 1984, no momento do retorno.

O retorno dos restos de Castelao (1983)
Señor presidente, señorías, a iniciativa desta proposición non de lei ten a súa orixe no xeito máis estrito da palabra, no intento por parte deste deputado -que supoño compartido por todos os deputados aquí presentes- en que retornen os restos de Castelao, que retornen na harmonía de todos os galegos, e que retornen co significado político non discriminatorio que ten a figura de Castelao.
Das facultades que nos concede o feito de integrar este Parlamento eliximos a vía de facer unha proposición non de lei a esta Cámara, porque nos pareceu o lugar máis apropiado para determinar que o conxunto do pobo galego acorde, na medida que lle corresponde, a volta dos restos de Castelao ou, o que é o mesmo, manifeste a vontade desta volta. En ningún sitio hoxe en día pode estar mellor representado o pobo galego que neste propio Parlamento.
Non pola miña presenza aquí, senón polo xeito mesmo da proposición non de lei, e tendo en conta o carácter de solemnidade que ten esta Sesión que aquí estamos a protagonizar, limitareime a ler literalmente, con algunhas modificacións que teñen que ver coa situación que hoxe vivimos e que poden contribuír ao bo fin desta proposición non de lei, o texto que figura publicado no Boletín do Parlamento de Galicia.
Dicía que no seu desterro da República Arxentina, despois de entregar os seus mellores esforzos á causa democrática e á procura da liberdade da Nación Galega, Castelao manifestaba o desexo -cito literalmente- de "retornar a Galiza, mais non para morrer, senón para vivir". Na loita daqueles anos contra a ditadura e fronte á incomprensión dos demócratas centralistas, Castelao sempre defendeu os dereitos de Galicia "como unha Nación perfectamente diferenciada", admitindo a vía da autonomía política -que hoxe en día estamos aquí a protagonizar- como un paso cara ao autogoberno nacional, mais non unha autonomía subordinada, con "atribucións precarias e restrinxidas", segundo as súas propias palabras.
Castelao deixounos en Sempre en Galiza o recordo do seu pensamento e da súa inesquecible obra política.
A volta de Castelao significa o retorno dun dos pais da Galicia moderna, dun dos construtores de Galicia como nación. O noso pobo necesita da volta de Castelao. A presenza en Galicia dos seus restos simboliza o dereito da nosa Nación á súa liberdade.
Castelao sempre pensou en volver en vida. Mais presentiu a súa morte no desterro. Dicía: "Se a vida se acaba no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, aínda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento".
Para que retorne a Galicia o alento da obra de Castelao é preciso lograr xa o retorno dos seus restos. E é precisamente o Parlamento de Galicia, como dixen antes, o lugar apropiado para que se tome este acordo, esta decisión ou esta vontade.
Este acordo debe tomarse coa conciencia clara do significado da obra de Castelao, inequivocamente unida á súa crenza no carácter nacional de Galicia e da necesidade de lograr o pleno autogoberno nacional, na libre solidariedade cos pobos do Estado Español e de Portugal.
Tendo isto en conta, este deputado propuxo nunha proposición de lei que, considerando tanto as circunstancias neste momento -que dalgunha forma sempre sofren modificacións-, mesmo considerando as informacións que este deputado ten das diversas iniciativas que xorden querendo a volta dos restos de Castelao, e tendo en conta tamén o espírito dalgunhas emendas presentadas, se puidese chegar a unha emenda transaccional, de tal xeito que a nosa institución teña o protagonismo debido, que vaia precisamente no sentido de procurar que ninguén se sinta separado ou discriminado do feito histórico da volta de Castelao.
Creo que debemos conxugar o protagonismo do Parlamento coa necesidade de que, xustamente, todo tipo de institucións, todo tipo de forzas políticas, sociais e económicas poidan sentirse representadas na volta de Castelao. Para iso considero que a forma apropiada é xustamente que o feito material e concreto da volta sexa protagonizado en sentido estrito polos que custodian os seus restos en América, polos galegos da emigración e pola familia aquí presente en Galicia. Todas as institucións, cada quen co seu protagonismo -e o Parlamento co seu deber de facer as xestións oportunas- debe adherirse a este feito de tal forma que poidamos estar todos.
Mais nada. Moitas grazas.

Castelao entre nós (1984)
Se o pensamento político e a actitude moral de Castelao son pre­cisas na procura dos obxectivos políticos e culturais que el e os seus compañeiros defenderon, o seu lugar de repouso debe ser a propria Galiza.
Estou convencido disto, sen necesidade de entrar en polémicas sobre os contidos da autonomía política actual e da prefigurada no Estatuto da República, nin sobre a realidade das condicións que Castelao necesitaría para volver nos anos coarenta, acabada a guerra mundial, se a sorte que nos tocou vivir non fose fascista e si democrática.
A súa presenza entre nós pode servir como unha axuda singular na loita dos que aspiramos a liberdade de Galiza como nación.
Dificilmente calquera intento de manipulación da volta de Castelao, e hainos de diferente signo, pode negar esta realidade. Os que acreditan en que o pensamento de Castelao pode ser deturpado ou recuperado polas forzas políticas centralistas que hoxe dominan a Xunta e o Parlamento de Galiza consideran pouco as ideas de Castelao, a súa clareza inequívoca a prol da República e da nación galega, o seu valor en momentos históricos tráxicos e o seu arraigo popular. A constatación de Galiza non contar aínda cun Goberno nacionalista lonxe de ser un impedimento para a vinda dos restos de Castelao debe ser un estímulo para facelo. Somos nós os que debemos facer o necesario para tornar esta situación, pois hoxe como nunca antes depende do povo galego que as nacentes e precarias institucións de autogoverno conten coa presenza maioritaria dos que partillan as ideas do militante político que pensou o Sempre en Galiza.
Galiza non pode prescindir da presenza de Castelao. Cómpre achegar a memoria de Castelao e facela patrimonio vivo e ac­tuante do pobo. Castelao morreu no desterro polo seu compromiso político e moral antifascista. Acabado o franquismo debe estar entre nós, para axudarnos na trasformacións das condicións históricas e políticas que explican que a nación galega non sexa como tal aínda libre. Para lograrnos a Galiza pola que aquela xeración de galeguistas entregou a súa vida.
Castelao é un dos pais da Galiza moderna, un dos construtores da nación. A súa presenza en San Domingos de Bonaval en Compostela debe simbolizar o direito da nosa nación á liberdade. El sempre pensou en voltar en vida. Máis presentiu a morte no desterro: "E se a vida se acaba no desterro, sen poder devolverlle o meu corpo á terra que mo emprestou, aínda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento".

Extraído de www.vieiros.com

2 comentarios:

Xosé M. González dijo...

Camilo sabía o que facía; tamén Tareixa Navaza e mailos manifestantes que se ven e oen na gravación. Cos restos de Castelao en Bonaval, as palabras do Camilo seguen a ter pleno sentido; e danlle pleno sentido á súa estratexia dos oitenta desde o nacionalismo, sen deslexitimar a outra estratexia: non sería mala cousa -superadas co e polo tempo aquelas xa vellas contradicións- que o BNG maioritario o recoñecese dalgunha maneira, aínda que fose mediante sinais indirectos ou coa boca pequena.

Un aplauso ao xestor, ben me entenderán. Algún seica pensa que gañar unha elección dá dereito de pisoteo.

Anónimo dijo...

Canta razón tiña Camilo visto en perspectiva. O que xa é o colmo é que, 25 anos despois, háxaos que sigan estando orgullosos daquela movida.