16 jul 2009



M. DE BRAN

( Galicia Hoxe:16-07-09)

A farsa do bilingüismo en Galicia

Señoras e señores españolistas de Galicia que predicades ós catro ventos o bilingüismo en castelán e en galego, ¿como vos imos crer se sempre falades da imposición do galego, que nunca existiu, e estades impoñendo o castelán desde hai anos e anos, o que é unha triste realidade?

Os profesores do ensino obrigatorio sabemos que o bilingüismo que predicades é unha falacia ou gran mentira, pois non o queredes na escola, especialmente no ensino infantil e primario, que é cando os nenos interiorizan a lingua que despois van usar toda a vida. O que vemos é que na escola só se potencia o castelán, para impedir que o galego vaia por riba.

No ensino obrigatorio, os profesores impoñemos as matemáticas, a historia, o inglés e as demais materias do currículo escolar (excepto a relixión, por ser cousa de fe), pois todo ensino obrigatorio é unha imposición. Xa di Erich Fromm que a ensinanza dunha materia equivale á imposición dunha nova orde moral. Pero os españolistas, para enganar, andades dicindo desde un lado e outro, especialmente desde os ámbitos da política lingüística e do da cultura, que o galego vai sobre rodas, cando o seu futuro se coce na escola, onde non ten voz nin vós queredes que a teña. Entón, ¿haberá maior farsa có que vós dicides?

Por razóns políticas totalitarias, incompatibles coas democráticas dos galeguistas, non tratades o galego como ten dereito a ser tratado, por ser a lingua propia de Galicia, senón que o tratades coma a relixión. E disfrazades a vosa política lingüicida do noso idioma coa invención dun suposto e cacarexado dereito individual dos pais para elixir a lingua dos fillos. Segundo tal dereito, carente de fundamento, os españolitos que nacen e viven en Galicia non están obrigados a estudar en galego, nin sequera as materias chamadas marías, que eran as que co Decreto de Fraga de 1995 (decreto desgaleguizador) se impartían nesta lingua.

Vós defendedes que os novos cachorros do españolismo deben estudar en castelán, e incluso en inglés antes ca en galego. E por riba de que tratades a nosa lingua na escola peor cás estranxeiras, cometedes o escarnio de a usar só para falar mal dela ou para, ó seu través, introducir mellor o castelán, como propoñía facer Alfredo Brañas co seu descafeinado bilingüismo harmónico, copiado por Fraga, e fixeron os colonizadores europeos que, a través das linguas dos aborixes, lles meteron as deles. Porque, para vós, Galicia é coma unha colonia que debe seguir sendo españolizada.

A aversión que manifestades polo galego provén de que é o elemento identificador esencial de Galicia como pobo, a argamasa da cohesión da sociedade galega, que vós queredes desarticular, e a súa máxima creación cultural, patrimonio non só da nosa terra senón da humanidade, que calquera persoa medianamente culta debía saber apreciar. Polo tanto, o galego non se pode tratar no ensino coma a relixión, nin utilizalo politicamente como vós o facedes para dividir Galicia, e incluso España, co odio que nos inspirades.

¿E por que o galego non se pode impoñer? A Constitución non impide que as comunidades con lingua propia a impoñan no seu territorio. Por iso están impoñendo os cataláns a súa, sen que ninguén llelo impida.

En cambio, en Galicia, vós non queredes que o galego se impoña, nin sequera que se potencie, ó que obriga o Estatuto (artigo 5º-3), que tamén é materia constitucional, e tédelo prisioneiro nas vosas mans coma un paxariño ó que lle impedides voar. E peor indignidade cá vosa cométena moitos que se disfrazan de galeguistas para seguir recibindo prebendas do poder antigalego, sen importarlles ser falsos e enganadores do pobo. Eles son a peor vergoña deste país.

Ós profesores, que só somos o brazo executor da política educativa que dita o poder, resúltanos moi triste oírlles dicir ós responsables dela que a nosa lingua non se pode impoñer para recuperala. E a razón que nos dá a actual Xunta para repetir o mesmo é que os cidadáns lle deron a maioría absoluta para potenciar o castelán. Pero se lla deron foi porque lles fixeron ver con mentiras ós votantes que o castelán estaba en perigo de extinción por culpa da suposta imposición do galego, durante uns meses, co famoso Decreto de 2007 do Goberno bipartito, que en moitos centros nin se aplicou.

E tamén nos entristece que, para manterse no poder, os españolistas prescindan de toda clase de escrúpulos morais, lingüísticos e culturais, recorran ós instintos máis baixos do pobo (ós complexos, á galegofobia, á falta de cultura e a outros axentes negativos), e non teñan en conta a Constitución nin o Estatuto, salvo para o que lles convén.

7 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Españolistas hai a mazo: descubrilos non é nada difícil. Abrir ata o infinito a marca de españolista tampouco é novo. O problema é que con esto, todo sigue igual. Calma a ira, pero nada máis.

Anónimo dijo...

Españolitos, españoleiros. Uolé. Sigop a preferir a Torrente Ballester antes que a Manuel María (cinguindonos ó espacio literario). Teño que pedir perdón, señor don Armando Palacio Valdés si en pro del sainete la pluma tomando prefierolo al género bufo francés? Deshonro con ello la escena española señor don Armando Palacio Valdés? Pois eu prefiro a Julián Ríos antes que a Suso de Toro e prefiro a Valle Inclán antes que a Caneiro. Só pido que non me fusiledes por eso.

alfonso dijo...

...tan doado atopalos coma preguntarlles qué libro recomendaríasme en Galego...nunca leron ningún!! Iñorantes, féridos e duros, imbéciles e escuros...Para mostra un tal cesar casal da voz de malicia que na campaña electoral galega, terrible o que fixo a voz contra o Galego, preguntoulle a un do soe, "si pero las matemáticas en gallego??" pódese discutir sobre o decreto pero este tipo de preguntas denotan o clasismo e os prexuizos que inda ten moita xente en Galicia contra o Galego, en definitiva é auténtica INDECENCIA. Sorte que tamén abríronnos os ollos a algúns que inda críamos que o da colonización cultural era unha exaxeración do nacionalismo máis recalcitrante...triste realidade a galega, canta iñorancia e desprezo polo noso!

Unknown dijo...

Don Alfonso:
Colóqueme ben os pronomes átonos que non é tan dífícil, ho! E de paso escriba ben os cultismos...

Concordo con vostede no que dí, pero doe ler tal forma nunha intervención en defensa da lingua. O galego tamén ten sintaxe de seu, vamos, sobre todo, ten sintaxe de seu.

poesía duradoira dijo...

Señor Anónimo que prefere a Torrente Ballester antes que a Manuel María, a Julián Ríos antes que a Suso de Toro e a Valle antes que a Caneiro, aquí o encarregado do pelotón de fusilamento son eu e de momento non dei a orde de pasar polas armas literarias a ninguén. Lin con atención o seu escrito e non vin nel materia constitutiva de delito literario, polo cual vou seguir sen estrear o pelotón de tiradores de élite que obra baixo o meu mando e que está formado íntegramente por homes preclaros da Solaina que onde poñen o ollo leitor poñen a lucidez crítica. Agora ben, se vostede non quere exporse a unha descarga libresca, recoméndolle que faga o que eu fago e que tan bons resultados me ten dado: colla nunha mao un de Cunqueiro en galego e na outra un de Torrente e poña un ollo no de Cunqueiro e o outro ollo no de Torrente, ou os dous ollos nunha páxina de Cunqueiro e logo os dous nunha páxina de Torrente, e así sucesivamente. Claro que tamén pode coller un de Cunqueiro en galego e outro de Cunqueiro en castelán. Ou o mesmo libro de Cunqueiro no orixinal e na tradución e repita o proceso. Leitor bilingüe a duas maos. Xa verá como se lle van esas cousas.

ö dijo...

Pois si, eche jodido as movidas nas que andamos metidos pero...se a maioria votaronos sera o que desexan.
Asi que a pelexar o que poidamos e pouco mais.

Apertas a todos

Criselda dijo...

Para o que prefire a lectura en castelán, recoméndolle que colla "En las orillas del Sar" e "Follas nova". Son da mesma autora e pode calibrar ben o que é mellor. Porque comparar non só linguas senón autores élle moi arriscado. O mellor é ir á fonte limpa.