13 ago 2009

Cando?

CRAIG PATTERSON

Galicia Hoxe, 13.08.2009

Cando se van decatar os cidadáns galegos de que un ensino impartido maioritariamente en galego non representaría unha ameaza para a capacidade dos seus fillos de dominar o castelán, nin ningunha manobra para impoñer un estado monolingüe na Galiza? Erran os estudos sociolinguísticos imparciais ao afirmar que un sistema educativo en galego achegaría máis vantaxes ca desvantaxes a nivel pedagóxico, en especial ao fomentar a capacidade do alumno para aprender mellor? E se fose unha ferramenta útil para a promoción e protección da lingua galega, tan terrible sería? O galego é tanto a lingua ameazada coma a chave dun ensino galego superior. Ningún goberno nin ningún atentado contra o idioma vai mudar esa realidade. Os mandatos son longos, pero non tanto como os procesos históricos.

Cando se vai deixar de falar desas e daqueloutras normas lingüísticas, cando hai asuntos ben máis importantes por tratar? Por que non declaramos unha moratoria de 20 anos sobre estes debates, baseados máis ca nada en personalidades intelectuais e políticas, e dedicamos esa enerxía a eidos máis urxentes?

Cando vai poder contar Galicia cunha televisión que promova a variedade do galego oral, que se afaste dun galego importado dende Madrid e que coloque en cargos de autoridade persoas de distintas ideoloxías políticas? Cando van poder os xornalistas galegofalantes agardar que os artigos que entregan en galego non sexan censurados nin se transformen alquimicamente en castelán?

Cando se vai dar de conta a sociedade galega de que ao seu presidente lle interesa máis chegar a ser ministro de Fomento en Madrid có benestar a longo prazo dos intereses galegos? No mellor dos casos, as afirmacións recentes do señor Feijóo sobre a españolidade de Castelao representan unha lamentable ignorancia. No peor, unha falta escandalosa de respecto pola intelixencia da sociedade galega. E que foi o que empurrou a Castelao ao separatismo en contra da súa vontade federalista e ibérica? A imposición lingüística, cultural e política en Galiza doutros intereses sobre os intereses orgánicos e chaves da nación galega.

Cando vai haber un presidente norteamericano de raza negra, capaz de superar o herdo terrible dos anos Bush e de unir unha nación dividida?

Cando?

5 comentarios:

Falcatruán dijo...

Espléndido Sr. Patterson.Pero a sociedade galega esta mitade anestesida, metade alleada:a alquimia que sofren os periodistas galegos ao veren verquidos os seus artigos escritos en galego pra o castelán non vai cesar.
E tanto: Feijoo mira Galicia de esguello; o que lle importa é Madrid.
E , cando nos reñe na presentación dalgunha medalla sobre como debemos ser os galegos de amables, algun persoeiro vaise levantar ostensible e ostentosamente da cadeira e deixalo coa palavra na boca? Por exemplo o Presidente da Real Academia Galega; por exemplo o presdiente do Consello da Cultura Galega; por exemplo, algún dos galardoados coa medalliña de turno. Iso vai pasar?
Cando?
Sentinme moi honrado co seu artigo, sr Patterson

Anónimo dijo...

o presidente do Consello da Cultura Galega no se vai levantar porque o seu soldo ( que polo visto debe de gustarlle moito) depende de Feijoo, e o presidente da Real Academia Galega non se levanta porque quere que o seu soldo sexa igual que o do Consello da Cultura Galega.
E así vai a cousa

Canido dijo...

A coisa vai ben para Feijoo que ten moitísimos incondicionais pero debe resultar preocupante para o presidente do Consello da Cultura Galega e da Real Academía, que non teñen tantos e ultimamente está poñéndoos a caldo.

reis dijo...

gostei moito do artigo. Que feijoo olhe cara Madrid pode ser bom, para que a xente se decate do que há. Mentres tanto vamos a ter que ouvir que o galego nom é de naide e polo tanto que se pode tirar ao lixo, que naide e o depositario de Galiza, o do Medulio, etc. moitas ensinanzas, e uma interpretaçao de Castelao que até de agora nom se fixera, vai ser todo moi bonito, como o foi o da Medalla aos catro presidentes:
moi interesante e chea de miseria. Primeiro recordou a Rosón, e o Quiroga, mas non dixo Quiroga dixo Queiruga, vamos que Quiroga nom é da época de Wamba para olvida-lo e nom saber o seu nome, depois falou en nome de todos os medalhistas o senhor Fraga, um discurso deploravel, ( como sempre está o da idade..... que se di para perdoar-lhe tudo) sin papeis dende logo, e isso que representava os outros todos e nesse intre a hestoria da Autonomia. A apresentadora recordou os seus títulos, recordando o ser número um etc. mais ele nom quedou conforme e quando falou recordou que tambem fora xerente de "Cervezas el Aguila" um tempo; moi adecuado o recordo o momento institucional. Depois falou de ele mesmo, e de que havía que apoiar a feijoo, metade do discurso en Castelán e metade en galego, porque a sua avoa so falava en galego, nom savia castelán, para que se enterem os que pensam que som os defensores do galego.... e assim foi, faltou um discurso de certa altura, de país, de união, de recordo da lingua etc. e mentres feijoo volveu a recordar que Galiza nom é de naide, assim que está para o primeiro que a pilhe.

Anónimo dijo...

Penso que a sociedade galega deuse conta axiña da que se lle viña enriba, si o Nazinalismo acadaba moito poder. Foi por eso polo que, en canto pudo, botounos fóra. No pouco tempo que estivo o BNG no Goberno de Galicia, amosou dabondo o que se podía agardar del. Mágoa ter que pagar tan alto precio.