2 ago 2009

Ortega contra Cardenal

LUÍS GONZÁLEZ TOSAR


El Correo Gallego, 02.08.2009

Coñecín a Ernesto Cardenal en setembro de 2002, en Tromso, Noruega, preto do Ártico. O autor da Oración por Marilyn Monroe era un dos convidados especiais a un congreso no que o vento, a friaxe, o lazo e mailo carambelo protagonizaron tanto coma poetas, novelistas, dramaturgos e demais literatos alí reunidos. Viña de vello a miña curiosidade por un home rebordante de paixón, fiel ao Evanxeos e a Karl Marx, como tantas veces el ten dito. Quizais por iso, cando o vin baixar dun autobús, aterecido, tremelicando de frío, vestido a penas cunha camisiña -a típica cotona nica-, calzado con sandalias, a cabeleira branca saíndolle da pucha metida até os ollos, semelloume un espírito despistado recén chegado do alén. Alí, en Tromso, merquei o seu irónico libro de memorias Vida perdida, que fun debullando mentres seguía ao crego revolucionario por recitais e intervencións públicas. Souben así que nacera rico pola casa, que vivira a bohemia de mozo e que participara na revolución do 54 contra Somoza. Tras aquel fracaso ingresou en Gethsemani (Kentucky, EE.UU) nunha comunidade de trapenses contemplativos. Ordenado cura con 40 anos, estableceuse na illas Solentiname onde fundou un grupo cristián vencellado ao FSLN. Co triunfo sandinista chega a súa etapa de ministro de Cultura, até que en 1987 forzárono a pechar o ministerio por falla de orzamento. Cardenal foi quen de aturar, de xeonllos e ante os ollos do mundo, a mala hostia do pontífice da cristiandade que, rubio de xenreira, arremetía contra a Teoría da Liberación. Agora, con 83 anos, suspendido ad divinis, o escritor está sendo perseguido por Daniel Ortega e a súa muller, Rosario Murillo, sátrapas do poder no país dos lindos lagos, o que chora de dor. Non só van contra Cardenal, a ofensiva exténdese a outros significados escritores sandinistas como Sergio Ramírez e Carlos Fernández Chamorro. Incrible, pero certo.

3 comentarios:

apicultor dijo...

A deriva de Daniel Ortega é un caso, fatalmente paradigmático, de como un impulso de revolución democrática pode derrapar até os máis insospeitados lameiros de corrupción, nepotismo e autoritarismo.

reis dijo...

e o Karol Wotyla , com dedo sinalando nele e ameazante estava a dizer-lhe: "tienes que regularizar tu sitaución con la Iglesia....", isso antes ainda de sauda-lo. Que bom si lhe ouvera dado um abraço e lhe dixera aparte todo isso, a doutrina, a disciplina, e a intransixencia foram superiores o caraçao.

Anónimo dijo...

Pero mirade:
http://www.adn.es/cultura/20090723/NWS-1551-Cardenal-Ernesto-Neruda-Pablo-recibira.html