9 oct. 2009

Barros, Villares, Beramendi
(Foto: Ramón Escuredo)

A "modernización" dun ideario
Miguel Barros afonda nun ensaio na tese da "revisión do nacionalismo"
por parte de Ramón Piñeiro
Galicia Hoxe, 09.10.2009, M. DOPICO.

"Adaptarse sempre á realidade, sen renunciar nunca aos seus principios". É o principio que guiou, ao ver de Miguel Barros, a acción política de Ramón Piñeiro. O politólogo, ex deputado e ex concelleiro do PSOE, na actualidade presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas S.A., presentou onte en Santiago o seu ensaio Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo, editado por Galaxia e froito da investigación que realizou para a súa tese de doutoramento.
Barros, autor tamén da obra Ramón Piñeiro. Nas olladas do galeguismo, publicada este ano por A Nosa Terra, afonda no dobre volume que onte deu a coñecer no pensamento de Piñeiro e analiza a súa traxectoria política a partir da revisión de bibliografía e fontes primarias -cartas, manuscritos, informes, entrevistas gravadas...-. Sitúase na senda das interpretacións sobre a figura de Piñeiro que resaltan a contribución deste á apertura do galeguismo a perspectivas políticas situadas alén do nacionalismo.
Así, o autor sostén que a "Xeración Galaxia" impulsou a "modernización do ideario galeguista" adecuándoo ás circunstancias históricas. Piñeiro sería, deste xeito, peza fundamental do "galeguismo revisionista", un "novo galeguismo" ideoloxicamente "plural", afastado da "quimera do Estado-Nación", do Principio das nacionalidades e da arela de "patrimonializar en exclusiva o ideal -galeguista- nunha soa organización política".
"Ramón Piñeiro estima superadas as fases mítica e romántica do nacionalismo", escribe Barros. O autor de Filosofía da saudade partiu, así, dun concepto de "pobo" como "conxunto humano que presenta unha personalidade propia" e da convicción de que non serve "reclamar un status de nación" sen antes "espertar unha forte conciencia colectiva de pobo diferenciado".
O Estado español era, ademais, para Piñeiro -comenta Barros- o responsable da ruptura da unidade cultural de Galicia, aniquilada por medio da diglosia. Así, regaleguizar a terra dende a recuperación da lingua era o alicerce do seu programa político. Ramón Piñeiro parte dunha "ontoloxía do home galego" para rematar "nun ideal político humanista", -apunta Barros-, alicerzado na integración dos ideais de igualdade, liberdade individual e xustiza económica, segundo unha síntese entre a tradición do cristianismo, o liberalismo e o socialismo.
Coa consolidación do réxime franquista tras a fin da Segunda Guerra Mundial, "Piñeiro dá por rematada a misión histórica" do Partido Galeguista, -salienta Barros-, e pon en marcha un proxecto político encarnado na editorial Galaxia que procurará a recuperación da conciencia galega a través da cultura.
Barros rexeita as acusacións de "culturalismo" e de "aniquilamento do PG" que Xosé Luis Méndez Ferrín e outros mozos situados daquela no ámbito do nacionalismo dirixiron a Galaxia. Pois, subliña, a "xeración formada por Piñeiro daba por superado o nacionalismo, que identificaba cun período concreto da historia europea do século XIX e que agromara co romanticismo, que se podía dar por superado a finais da I Guerra Mundial".
A proposta do revisionismo galeguista era, segundo Barros, o federalismo, nun contexto no que os estados precisarían vincularse a estruturas supraestatais, ao xeito da actual Unión Europea. Ademais, Piñeiro propugnaba estimular o galeguismo nas opcións políticas que se ían desenvolver nas democracias europeas: a socialdemocracia e a democracia cristiá.
Deste xeito, Barros confronta o "galeguismo revisionista" co "histórico", que identifica con Castelao e o Consello de Galicia, -os galeguistas do exterior-, que seguían a defender a volta á República e o Estatuto nun momento no que Piñeiro non o vía factible. "A tendencia histórica", escribe Barros, "encomiable polo seu labor galeguizador" (...) "non entendía, porén, que a realidade impón a adaptación racional ao seu imperio" (...).

DATOS
Outras interpretacións Os "fracasos" dun proxecto O autonomismo e a opción pola integración nas listas do PSOE
Piñeiro temía, ademais, segundo Barros, no contexto da Guerra Fría, que os comunistas se aliasen cos nacionalismos para provocar a "descomposición interna do occidente europeo". Rexeitaba o nacionalismo marxista inspirado no terceiromundismo, ademais, -engade Barros-, porque non o vía compatible co seu proxecto para Europa -que incluía a democracia-.
"Non resulta excesivo concluír que a UPG era unha escisión do galeguismo revisionista", escribe o autor. "Para contrarrestar a invasión ideolóxica do galeguismo polo marxismo", engade Barros, Piñeiro impulsa a fundación do PSG. Miguel Barros xustifica máis adiante a opción de Piñeiro polo autonomismo, -que cristalizou no grupo Realidade Galega-fronte ao rupturismo e o nacionalismo do Consello de Forzas Políticas Galegas, como unha postura pragmática ante os intentos do Estado de rebaixar os dereitos dos galegos como pobo, así como a súa decisión de presentarse ás eleccións nas listas do PSOE, que ve como un "sacrificio" necesario para que Galiza acadase a automonía política e ante a evidencia do fracaso do sostemento dunhas forzas políticas propias.
DATOS
Ferrín, como outras voces críticas con Piñeiro, considera que este entorpeceu a formación dun partido nacionalista de masas forte a partir do Consello de Forzas Políticas e do galeguismo do exterior.
As conclusións de Barros difiren, así, das dos que pensan que Piñeiro fracasou no seu intento de galeguizar os partidos estatais e ademais contribuíu a debilitar un proxecto nacionalista de esquerdas que si era viable.

50 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Entrevista con Barros en EL PAíS.

arume dos piñeiros dijo...

Artigo de Ferrín no Faro sobre Piñeiro.

Anónimo dijo...

A proba palmaria de que Ramón Piñeiro fracasou na galeguización dos partidos españois témola na propia peripecia persoal e no eido político de Manuel Barros na sucursal do PSOE gallego. Para que imos mentar, aída por riba, ao PPdG?

Non acreditan vostedes?

Anónimo dijo...

A proba palmaria de que Ramón Piñeiro fracasou no seu proxecto de galeguizar na práctica (non tan só na teoría) os partidos españois témola na propia peripecia política de Manuel Barros na sucursal do PSOE gallego. Para que imos mentar, aída por riba, ao PPdG?

Non acreditan vostedes?

Anónimo dijo...

Entrevista a Miguel Barros:

MB: "Piñeiro cría que as grandes ideoloxías podían ser fecundadas polo galeguismo, e de aí que houbese que galeguizar os partidos estatais. Os que o intentamos no PSOE fracasamos durante trinta anos, o que demostra que talvez había que enfiar esa cuestión nunha forza política propiamente galega."

(...)

"Non esquezamos que setenta e cinco anos logo de que os galegos tivesemos tres deputados no Parlamento do Estado, só mantemos dous: Olaia Fernández e Francisco Jorquera. Algo fariamos mal."

arume dos piñeiros dijo...

Eu cría que Galicia tiña máis deputados en Madrid. Dous, a verdade, son poucos. Tres daquela tampouco son demasiados. Convén cambiar a constitución.

arume dos piñeiros dijo...

"Os que o intentamos no PSOE". Eu, sinceramente, creo que algo máis tamén se puido facer. Nos nefastos ulteriores á demisión de Mariño. Nunca entendín moito a súa posición naqueles días que foron meses.

Anónimo dijo...

O galeguismo piñeirista foi un completo fracaso. o motivo é que mais que un proxecto de galeguización convertiuse nunha estratexia elitista que se especializou en parasitar a administración autonómica goberne quen goberne. Agora ese galeguismo piñeirista só tenta sobrevivir, mendigando ou prestandose as mais rocambolescas posicións ideoloxicas.

Anónimo dijo...

O galeguismo piñeirista foi un completo fracaso. o motivo é que mais que un proxecto de galeguización convertiuse nunha estratexia elitista que se especializou en parasitar a administración autonómica goberne quen goberne. Agora ese galeguismo piñeirista só tenta sobrevivir, mendigando ou prestandose as mais rocambolescas posicións ideoloxicas.

Anónimo dijo...

Se ti o dis...

Ahasvero dijo...

O proxecto de Piñeiro era moi ambicioso, toda unha megaideoloxía insuflando de contido a outras ideoloxias. Ou non sería megaideoloxía senón experiencia secularizada do ser no aberto que dotaría de sentido aos constructos ideoloxicos universalistas?

Anónimo dijo...

Pois vai ti ver...

Anónimo dijo...

Ahasavero a min sempre me chamou moito a atención o individualismo heideggeriano de Piñeiro porque sempre vin unha incompatibilidade entre Heidegger e o liberalismo. Tería Piñeiro unha concepción propia do individuo como reducto último da liberdade e ao tempo capaz de de abrirse ao ser?. O individuo precisa unha fundamentación e non branda precisamente que se conectaría metafísicamente a gran "cadea do ser". Mais Heidegger rompe isa gran cadea para que o ser deveña?. Quizais haxa alguén que o aclare por aquí.

Anónimo dijo...

Ahasavero a min sempre me chamou moito a atención o individualismo heideggeriano de Piñeiro porque sempre vin unha incompatibilidade entre Heidegger e o liberalismo. Tería Piñeiro unha concepción propia do individuo como reducto último da liberdade e ao tempo capaz de de abrirse ao ser?. O individuo precisa unha fundamentación e non branda precisamente que se conectaría metafísicamente a gran "cadea do ser". Mais Heidegger rompe isa gran cadea para que o ser deveña?. Quizais haxa alguén que o aclare por aquí.

arume dos piñeiros dijo...

Axustadas as contas preceptivas, que fertilidade intelectual depara este debate?

Domingo Carvallo dijo...

Non entendo o da "cadea do ser" nin o da "experiencia secularizada do ser no aberto". E tampouco teño claro que estean "axustadas as contas preceptivas". Pero si estou certo de que Piñeiro non era nin individualista liberal nin heideggeriano.

Anónimo dijo...

Encerellado debate nos albores dos prolegómenos previos ao limiar introdutorio que nos deparará a "gran cadea do ser" (Cadena Ser acaso?) e da "experiencia secularizada no aberto", como fundamento último da metafísica liberal piñeirista (eu, confésoo, son máis da patafísica).

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Pois eu creo que o axuste de contas xa está requetefeito. E clariño.
É certo que aínda non están pasadas a Excel. Pero é cuestión de pasalas á limpo.

o mesmo, pero disimulando dijo...

Pois eu penso, desde a humildade e a honradez -a honestidade, dada a miña idade e educación, deixareina para asuntos relacionados co ímpeto renal-, que don R. Piñeiro ten unha obra ateigada de truísmos. O problema dos esencialismos, sexan ou non de caste sueva ou celta, ven sendo que todas as escorrentías van parar á miña poza. Por exemplo, dicir que as dúas construcións fundamentais dos galegos son a paisaxe e mais a lingua de Galicia, eu, humilde e honradamente, considéroo un truísmo. Logo, alí onde hai homes en loita co medio para establecer comunidades do tipo que sexa, ¿il non se dán eses mesmos logros?
¡Ata os tuaregs, carallo, aínda que vaian dun lado para outro!
En canto á instrumentación socio/política de todo iso, sabido é que don Ramón Piñeiro, desde a súa mitificada mesa camilla -confesonario e púlpito para a captatio benevolentiae, ata o punto de que quen non pasamos por aí semellamos orfos ou desviados- intentou crear todas as institucións propias dun estado soberano, incluso intentou erixir a xermolo dunha dinastía futura no fillo do tendeiro de Compostela -dito como nota identificadora, quede claro-, pero saíulles mal. Mesmo o propio delfín pagouno ben caro. Eu creo que a xerazón galaxia estaba imbuída de alento masónico. E que, polo tanto, viña sendo como a deusa Jano. Unha faciana cara a dentro e outra cara a fóra. Penso que moito lles debemos, a personaxes como García Sabell, Sixto Seco, Xaime Illa... o propio Casasres, algo máis tarde... Non sei se don Fco. Fernández del Riego ía polo memso vieiro, talvez fose dunha fasquía máis aberta, á fin e ó cabo era de raigame xesuítica. Pode, tamén, que non lles debamos nada.

Eu seguirei matinando. Sempre matinando. Ese era o título dun libro de don Luís Moure Mariño. Así que xa se ve quen regaban as flores do noso xardín.

Pax vobis.

Anónimo dijo...

Podería, "O mesmo pero disimulando", ilustrarnos sobre as actividades masónicas dalgún dos integrantes de Galaxia? Qué obxecto tiña a súa pertenza a algunha desas organizacións?

o mesmo, pero disimulando dijo...

Anónimo das 11,34:

En preguntar lo que sabes,
el tiempo no has de perder.
Y preguntas sin respuesta,
¿quién las puede responder?

Acóllome á 5ª ou á 1ª Emenda, non lembro ven. Pois ás dúas.

Saúdos.

Ahasvero dijo...

Domingo, se hai unha influencia persistente dun filosofo en Piñeiro, este é Heidegger. En canto ao seu liberalismo político hai probas dabondo sobre todo dispois da súa estancia en U.S.A. E para min que Piñeiro confiaba no individuo como garantía negativa da liberdade e último resorte da acción política.
O resultado destas influencias en Piñeiro, é o dun eclecticismo filosófico no ámbito óntico e político, pero é que o panorama intelectual da Galicia non daba para moito mais, se exceptuamos a conversión marxista.

Xosé M. González dijo...

Nunca me pareceu que o intentase pouco.

arume dos piñeiros dijo...

A historia aquela xa foi tratada aquí varias veces: non vamos poñernos de acordo sobre o particular. Algo deberon facer mal todos para desapareceren (algúns con peor fortuna, pero seguro que nin neso nos poñeremos dacordo) vertixinosamente do mapa.
Digamos para non entrar en miudenzas nin en xuízos de valor sobre actitudes políticas (porque entre outras cousas de nada vale agora, agás se cadra para molestar inutilmente a alguén) que o relato do amigo Rolland non é nin moito menos o único.

Non sei se as eleccións ulteriores deixaron algo en claro.

Domingo Carvallo dijo...

Disculpe o sr. Arume, pero non entendín nada do que dí. Noutra orde de cousas: nin Piñeiro cita nunca a Heidegger nin unha lectura mesmo distraída da súa obra pode dar pé a semellante influenza. Todo o contrario: a antropoloxía do de Láncara é humanista no pior sentido da palabra. E, por moito que invocase ao individuo, Piñeiro non era individualista liberal senón comunitarista liberal, se tal cousa é posible. A súa noción de individuo estaba modulada por un Nós comunitario: o home galego, para Piñeiro, era saudade, lirismo, paisaxe e humor.

Domingo Carvallo dijo...

Disculpe o sr. Arume. Acabo de ler o relato de Rlland e agora entendo o que escrbiu.

Xosé M. González dijo...

A min, os comicios ulteriores valéronme para elucidar algunhas miudezas; aínda que estas (en particular as de referencia mediática) melloraron a miña non moi lucida bagaxe para a hermenéutica, non me atrevería a asumir sen máis a expresión 'deixar claro'. Quede en todo caso patente que a ningún resultado electoral lle encontro moita relación coa valoración de Miguel Barros sobre a potencialidade e límites do PSOE canto a galeguismo. Que diso é que fala el; e a iso, co ramo e colofón da súa baixa partidaria, me refiro eu.

Canto ao relato de Rolland, haberaos diferentes. Pero, canto a fenomenoloxía, non alcanzo que diferenza cualitativa poderán achegar. Admito que ao mellor media descoñecemento meu. Aclaro, agora si, que non me refiro á obvia pluralidade de interpretacións sobre modos alcaldís e estratexias partidarias. E conclúo opinando con humildade (talvez así mesmo con abuso: descúlpome preventivamente) que os ditames do electorado son decisorios canto a quitar e pór, pero non necesariamente xustos nin obxectivamente convenientes; exemplo histórico ben sabemos que sobra.

Anónimo dijo...

O que dis Domingo provocame unha imaxe, a xeración Galaxia nun día tan claro e brillante como hoxe mirando pasar polo ceo globos aerostáticos, pero non todo é pasividade e algúns traducen a sombra dun deses globos pola terra galega, tentando abordar certos problemas específicamente galegos dende esta sombra Heideggeriana. Na “Filosofía e o home” alúdese nidiamente por primeira vez ao Ser cun forte resabio ao Sein und Zeit. Sen dúbida que daquelas o pensar debatíase entre sobras sobrepostas, solapadas, superpostas, excesivamente mediadas, con Piñeiro estamos ante unha metafísica humanista do Ser concreto, da indivudualidade óntica, cunha mala comprensión de Heidegger.
Di Piñeiro, “A filosofía como resposta, como espricación teórica, convertíuse, fundamentalmente, nun esforzo cara ó coñecemento do Ser. Mais a mente humá sendo como é limitada, non pode abranguer dereitamente o Ser como a totalidade ten que se achegar ó Ser total a través dos seres limitado, ou seña, a través do propio ser do home ou a través do ser da realidade”. Cando, falando con rigor, o Ser para Heidegger non soio non “é” el mesmo un ente, senón que el é a fonte a a presencia dos entes. A aserveración de Piñeiro bota por terra a diferencia ontolóxica e procede a división do ente en dúas grandes rexións ónticas : o home e a natureza. Outra influencia notabel, ainda que non comparabel coa de Heidegger en Piñeiro é a de Max Scheller, ainda que tampouco o cite, tamén ao Personalismo e ao existencialismo lle adicou atención e coido que compartía simpatías con Otero respecto de Bergsón.
No ámbito político, non teño dúbidas sobre a vocación politicamente liberal de Piñeiro, acompañada claro está da súa “metafisica antropolóxica”, que pode que lle dera un aporte de corte comunitarista, interpretandoo hoxe claro está, xa que daquelas o debate comunitarismo/liberalismo, libertarismo non existía. De ser así, cousa que habería que investigar pacientemente, Piñeiro sería un adiantado da fusión do mellor do libertarismo e do comunitarismo, teses que tanto abondaron nos últimos tempos nos ámbitos académicos.
Pero deixemos as sombras pasar, tamén a de Piñeiro e os galacticos e identifiquemos as nosas de hoxe, que proceden de avións a reacción, en vós de baixo coste ou en elitistas jets privados, interpretemos a Taylor, Habermas, a súa sombra pasar por estas terras nosas menos húmidas e cun ceo moito menos gris.

Ahas dijo...

vero

Ahas dijo...

vero

arume dos piñeiros dijo...

Barros estivo no concello ata que soubo que Abel Caballero era proposto como candidato. Nese momento marchou e presentou a súa demisión como concelleiro, tres anos case despois de que dimitira do cargo da xestora local do partido. Digamos que mantivo a súa esperanza, pero non sei con que vimbios, porque todo (absolutamente todo) apuntaba cara outro lado.
O do PXOM é outro cantar, que require longo apartado. No que, repito, o galeguismo pouco ten que ver.

Nota: non sei porque creo que o galeguismo aparece aquí como un factor positivo para un político. E non digo que para moitos non o sexa, pero cando se trata de política haberá outros factores tamén interesantes (ou máis) como elementos de xuízo. Digo eu.

Anónimo dijo...

Un falando de rexións ónticas e outro do PXOM. ¿Alguén me pode dicir a relación? Grazas.

Anónimo dijo...

Cada un fala da feira segundo lle vai nela.

Anónimo dijo...

A relación son o resultado das ricas e variadas conexións entre filosofía e política, é dicir a filosofía política. Longos discursos que se poderán desenvolver na medida en que apliquemos estes coñecementos ao noso ambito politico.

Anónimo dijo...

A relación son o resultado das ricas e variadas conexións entre filosofía e política, é dicir a filosofía política. Longos discursos que se poderán desenvolver na medida en que apliquemos estes coñecementos ao noso ambito politico.

Anónimo dijo...

A relación son o resultado das ricas e variadas conexións entre filosofía e política, é dicir a filosofía política. Longos discursos que se poderán desenvolver na medida en que apliquemos estes coñecementos ao noso ambito politico.

Anónimo dijo...

A relación son o resultado das ricas e variadas conexións entre filosofía e política, é dicir a filosofía política. Longos discursos que se poderán desenvolver na medida en que apliquemos estes coñecementos ao noso ambito politico.

Anónimo dijo...

Xa te entendimos á primeira, non fai falta que o repitas catro veces!

Ahasvero, o errante xudeo dijo...

Pido desculpas pola repetición, que é erro por impericia.

arume dos piñeiros dijo...

Por alusións:
O post arranca coa presentación do libro de Miguel Barros sobre Piñeiro. Del xorden dúas liñas de debate: un sobre Piñeirismos varios (da que me descartín) e outro sobre Barros e o seu paso pola política municipal viguesa (con algunha coda sobre galeguismos no campo socialista que tamén pode remontar ao piñeirismo responsable de todo), na que si participo co gran Saavedra como interlocutor.
Cabe a posibilidade de confusión, malia seren clariñas as principais vías de discusión. Eu propoño a relación entre rañaceos e galeguismo ou entre Heidegger e os párkings subterráneos como esencia ontolóxica dos PXOMs.

Anónimo dijo...

Matización.
Di Domingo Carballo:
"Noutra orde de cousas: nin Piñeiro cita nunca a Heidegger "

No seu emblemático discurso de ingreso na RAG, titulado "A linguaxe e as linguas", Piñerio cita a Heidegger, na edición última de Galaxia nas páxinas: 59,6o e 62.

Anónimo dijo...

Excelente aposta Arume, ao fin o coñecemento é relación, relación novedosa.
Entre os globos aerostáticos e os aparcadoiros baixo terra pasando polos sumidoiros hai moito material que clasificar, que descubrir e moita verdade que mostrar.

Anónimo dijo...

É dicir a relación entre o pastoreo do ser e a expulsión dos parlamentarios nacionalistas.

Doutorando na procura... dijo...

Grazas, don Arume.

Xa me deu tema e título para a tese de doutoramento: "Heidegger e os párkings subterráneos como esencia ontolóxica dos PXOMs".

Agora só me falta que Ahasvero acepte ser o director.

Pan comido!

Ahasvero dijo...

O de esencia ontoloxica dos PXOMs sobre, mais eu non lle teño nada que ver co mundo académico, consulte co Arume por exemplo, o meu é errar, viaxar tocando o que podo nos longos traxectos.
tocar

Ahasvero dijo...

Para toda a Solaina esta adicatoria dunha figura musical que anima a proxectarlle toda unha novela, pola incompletude da súa xuventude aberta que quedou polo camiño.

Nick Drake

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Pensei hoxe, amigo Saavedra, que sería interesante que vostede fixera unha crítica musical para esta solaina do novo disco de Fuxan os ventos. E, se os viu no seu Lugo lugués, que nos conte.
Agradecido quedaría eu e os que nesta danza están.

Xosé M. González dijo...

Leo nunha pasada breve por aquí, chegado de Compostela hai un pouco e con indicios de trancazo. Co relativo laconismo que é do presente caso pingante, se me desculpan a franqueza, direi que o tema do fío vai bastante relacionado co galeguismo. Concordarei en que Barros ficou doído -tiña motivo, seguramente- coa súa postergación, expoñendo así e todo dúbida severa de que abandonase por talo PSOE (p.e., xa chovera ben antes e nunca tal fixera). Que diferenzas no PXOM non dan patente para golpes de man alcaldil.

E que, en efecto, fun ao concerto, merquei alí o disco e ben se podería facer, se non unha crítica (aínda me honra ben, Arume, supoñéndome capaz de tal cousa), si unha pequena recensión. A ver se mañá un pinga menos. Non me resisto a unha miudeza: había un monte de xente; cuestión adlátere é que foi o segundo concerto das festas canto a número de asistentes, e tocante ao primeiro (Amaral, que ben me gustan e non ouiden ir), non sei se a prensa non se tiraría algo da moto cunha estimación de trinta mil aló na praza nova de onda o Seminario e espazos adxacentes. Se tal, ¿cantos poderiamos ser, ao final, hoxe na da lingua?

Xosé M. González dijo...

Vexo que está a caer o fío. O Arume pediu este comentario. Se, malia a súa escaseza, se considera de interese, inclúase noutro. Non facía nin falta dicilo.



A VOLTA DE FUXAN

Pode haber máis de vinte anos, alguén dixo onda min que malo é ser obxecto de homenaxe: ben pode ser indicio de morte inminente. Non sei se fora con motivo de poñérenlle a un aínda ben runfante Ánxel Fole rúa no casco amurallado lucense. Aínda que antonte morría un vello coñecido, dez anos máis novo ca min, na xeración de nados nos 50 aínda ben deles andamos runfando. Ora ben, lagarto se cadra: aniversario das Voces Ceibes o ano pasado; recompilatorio de Fuxan os Ventos este mes. Vémonos, dispensando, no centro da homenaxe.

Non haxa medo, nin sequera disuasorio: os Fuxan aínda pitan. Como nesta casa ficou no seu día patente división de opinións tocante ás virtudes ou desvirtudes esenciais do grupo, avaliarei desde o sentido do 'remake'; e unha consideración inicial é de rigor: a armazón musical e plástica trae considerable empaque: Xosé Lois Romero, o octeto dde corda, Nova Galega de Danza... a achega instrumental e voces dos amigos confírenlle ao vello grupo notable suxestión, complexidade e constitúen a homenaxe propiamente dita. Dos que andaron en paralelo a eles e dos chegados máis tarde.

Pero atención: en efecto, dixen vello grupo; e concretemos no senso de case venerable. Había vinte anos que os Fuxan se retiraran, non desmentindo algunha escasísima e estritamente puntual reaparición tal circunstancia. Eles mesmos o din: houbo moito que desenferruxar, e obviamente a maquinaria non é a que era. Debo dicilo: en particular no referente a algunha das voces femininas, e non sei se resulta casual a abundancia destas na colaboración. Amósanse eles incólumes? Tampouco non é iso; pero o meu oído percibiu que en particular a gorxa de Moncho Díaz mantén notablemente.

Pode parecer inclemente este breve comentario, en particular por parte de alguén que viu nacer o grupo, compartiu amizade, viviu as varias escisións e mesmo unha vez formou continxente como parte deles no escenario. Ao revés: o panexírico nos aniversarios pode constituír piadosa ou diplomática despedida, e eu estou valorando un produto serio, artístico. Fuxan os Ventos pita, pitou en Lugo; as voces fonden, con maior ou menor brillantez metálica. E a evocación funciona.

A emigración a Suíza, alén do mar ou ao Sur da Francia é un feito xa histórico; pouco se seitura; determinadas metáforas agrarias xa dificilmente serían comprendidas polos meus alumnos do instituto. Igual cá palabra 'estraperlo' ou referencia ao afiador: non por nada se inclúe un DVD e nas actuacións se proxectan imaxes vellas, ben emotivas, de carros en ringleira e outras imaxes do país vello pero non tanto. Ora ben: na actuación sanfroilaneira, entre os non sei cantos miles de asistentes habíaos ben máis novos ca min coreando, algún que sabía as letras de pe a pa. A iso, chámolle eu transcendencia.

Seguirán os Fuxan? Teño entendido que nin eles o teñen decidido. Por aí andan activos tanto A Quenlla coma Mini e Mero, árbore da mesma caste. E o mesmo a letra d' "A Carolina" có refrán da "Sementeira" parecen traer para moitísimos un aquel de familiar que non é precisamente remoto e pasado. No remate, a Guadi Galego -a forza de algunha insistencia- subiu para o escenario unha grande pancarta que levaran uns de Galiza Nova e que exhibiu o grupo. Case nada: "Os meniños rebuldeiros falamos a lingua galega". Iso si que é pervivir.

Xosé M. González dijo...

Vexo que está a caer o fío. O Arume pediu este comentario. Se, malia a súa escaseza, se considera de interese, inclúase noutro. Non facía nin falta dicilo. E MELLOR ASÍ:



A VOLTA DE FUXAN

Pode haber máis de vinte anos, alguén dixo onda min que malo é ser obxecto de homenaxe: pode ser indicio de morte inminente. Non sei se fora con motivo de poñérenlle a un aínda ben runfante Ánxel Fole rúa no casco amurallado lucense. Aínda que antonte morría un coñecido dez anos máis novo ca min, na xeración de nados nos 50 seguimos ben deles runfando. Ora ben, lagarto se cadra: aniversario das Voces Ceibes o ano pasado; recompilatorio de Fuxan os Ventos este mes. Vémonos, dispensando, no centro da homenaxe.

Non haxa medo, nin sequera disuasorio: os Fuxan aínda pitan. Como nesta casa ficou no seu día patente división de opinións tocante ás virtudes ou desvirtudes esenciais do grupo, avaliarei desde o sentido do 'remake'; e unha consideración inicial é de rigor: a armazón musical e plástica trae considerable empaque: Xosé Lois Romero, o octeto de corda, Nova Galega de Danza... a achega instrumental e voces dos amigos confírenlle ao vello grupo notable suxestión, complexidade e constitúen a homenaxe propiamente dita. Dos que andaron en paralelo a eles e dos chegados máis tarde.

Pero atención: en efecto, dixen vello grupo; e concretemos no senso de case venerable. Había vinte anos que os Fuxan se retiraran, non desmentindo algunha escasísima e estritamente puntual reaparición tal circunstancia. Eles mesmos o manifestaban: houbo moito que desenferruxar, e obviamente a maquinaria non é a que era. Debo dicilo: en particular no referente a algunha das voces femininas, e non sei se resulta casual a abundancia destas na colaboración. Amósanse eles incólumes? Tampouco non é iso; pero o meu oído percibiu que en particular a gorxa de Moncho Díaz mantén notablemente.

Pode parecer inclemente este breve comentario, en particular por parte de alguén que viu nacer o grupo, compartiu amizade, viviu as varias escisións e mesmo unha vez formou continxente como parte del no escenario. Ao revés: o panexírico nos aniversarios pode constituír piadosa ou diplomática despedida, e eu estou valorando un produto serio, artístico. Fuxan os Ventos pita, pitou en Lugo; saben tocar, con maior ou menor brillantez metálica as voces fonden, o Alfonso e maila Maruxa botaron un pé ben competente. E a evocación funciona.

A emigración a Suíza, alén do mar ou ao Sur da Francia é un feito xa histórico; pouco se seitura; determinadas metáforas agrarias xa dificilmente serían comprendidas polos meus alumnos do instituto. Igual cá palabra 'estraperlo' ou referencia ao afiador: non por nada se inclúe un DVD e nas actuacións se proxectan emotivas imaxes de carros en rinngleira e outras escenas do païs vello pero non tanto: Ora ben, na ocasión sanfroilaneira, entre os non sei cantos miles de asistentes habíaos ben máis novos ca min coreando, algún que sabía as letras de pe a pa. A iso, chámolle eu transcendencia.

Seguirán os Fuxan? Teño entendido que nin eles o teñen decidido. Por aí andan activos tanto A Quenlla coma Mini e Mero, árbore da mesma caste. E o mesmo a letra d' "A Carolina" có refrán da "Sementeira" parecen traer para moitísimos un aquel de familiar que non é precisamente remoto e pasado. No remate, a Guadi Galego -a forza dalgunha insistencia- subiu para o escenario a grande pancarta que levaran uns de Galiza Nova e que exhibiu o grupo. Case nada: "Os meniños rebuldeiros falamos a lingua galega". Iso si que é pervivir.