6 oct 2009

In Memoriam
Anselmo L. Morais, cronista auriense
AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN
Galicia Hoxe, 06.10.2009

O domingo pasado, no cemiterio de San Francisco de Ourense, case ao pé da irónica lápida de Ben-Cho-Shey (aquela que prohibe hipotéticas homenaxes postmorten "porque as cousas se fan a tempo ou non se fan") enterramos a Anselmo López Morais.
Sen medo a enganarme e a pesar do manido da expresión, creo que foi un personaxe histórico. É dicir, deses que durante décadas -el sobre todo na transición política e vinte anos máis posteriomente- influíron coas súas opinións e actuacións o devir da cidade. Anselmo foi o Anselmo do PSP de Tierno, o Anselmo da Xunta Democrática, o Anselmo da Fundación Santamarina, o Anselmo do Grupo Francisco de Moure, o Anselmo delegado de Cultura, o Anselmo colaborador de prensa, pero sobre todo o Anselmo do Ateneo e mais o Anselmo pai. Porque o Anselmo fillo é o reputado medievalista que ten como irmáns a Xesús, concelleiro de Cultura de Vigo, e mais a Leo e a Mari Carme, que, seguramente para a súa sorte, non andan tanto polo medio.
Eu agardaba que dada a xerarquía do seu posto honorífico, Cronista Oficial da Cidade, houbese alí maceiros e algunha intervención oficial -do alcalde, por exemplo- que fixese unha protocolaria laudatio. Non houbo nada, agás a dobre interpretación do Himno de Riego. Non sei se as cousas transcorreron así simplemente por esa famosa desidia ourensá, que mesmo nos fai deixar caer o claustro se San Francisco sen mover unha pestana que enterrar o cronista oficial sen nada que levar á crónica do acto ou se foi polo que sería respectabilísimo desexo da familia, que tampouco interveu.
Ou se cadra é simplemente que aínda non está ben maduro o protocolo da morte laica.
O do matrimonio civil está moi consolidado. A xente vai ao concello ou ao xulgado, e o xuíz ou o alcalde din palabras formais e bonitas, len textos legais e outros máis ou menos poéticos e logo faise o banquete para consumar o matrimonio e dar lugar a outros coñecementos de solteiros e solteiras. Pero no protocolo da morte civil as cousas van máis lentas. Son momentos menos planificables, nos que sempre anda a xente triste, agobiada e, aínda por riba, apurada resolvendo papeis que non sabía que existían e buscando outros que non sabe onde van. Ademais, aquí non hai crego profesional que leve a iniciativa; pero tampouco hai alcade ou xuíz que lea un texto para dicir que o morto queda declarado morto e poña o punto e final.
En fin, os budistas falan das tres mortes. A primeira a física, a segunda a que se produce cando morre a derradeira persoa que te coñeceu e a terceira cando morre a derradeira lembranza do teu paso polo mundo. O sábado pasado Anselmo iniciou o camiño ao morrer na primeira, pero ha vivir aínda moito nas outras dúas. Deixa unha moi boa lembranza.

3 comentarios:

Roque Soto dijo...

Van os meus mellores recordos para Anselmo López Morais que sempre se caracterizou por ser unha persoa aberta e xenerosa cando acudín a el para solicitar información. Un liberal no máis amplo sentido da palabra. O meu sentido pésame aos seus familiares.
Descanse en paz

Ashavero dijo...

Gratos son tamén os meus recordos para el, teño impresa a imaxe en Tanco, agudo, tirándolle da lingua a Tovar. Meu pésame para a familia por esta perda de 85 longos e experienzados anos.

apicultor dijo...

Vaia tamén o meu pésame para a familia e achegados.