Pan e coitelo
Réptiles
BIEITO IGLESIAS
El Correo Gallego, 15.10.2009
Réptiles
BIEITO IGLESIAS
El Correo Gallego, 15.10.2009
Por parte de xornais decentes (os outros calan como vulgares petos trepadores), tamén estou a ler estes días un hilarante romance de Carlo Emilio Gadda: Quer pasticciaccio brutto de via Merulana ou ben Aquela meada de vía Merulana. Destarte é inevitable que se me apegue o estilo daquel enxeñeiro metido a novelista e desa narración dos crimes perpetrados no 219 dunha rúa romana de nome evocador dos merlos. Que escribiría Gadda sobre o embrullo de corrupción do PP, tan expansivo que xa rolda os corenta ladróns? Probablemente apostrofaría aos capos populares cunha lindeza como esta: Oh doces próceres, embutidos cun bo forrollo, tesouro dos anos, inopinado esterco dos equinocios! No entanto Carlo Emilio finou en 1973 e a novela de avangarda está nas últimas, xa non lle dá nin ao pé nin á perna. Por contra, seguen na grella teleadicta os "culebrones" e nas librerías os esoterismos vaticanos e as historias policíacas ben pensantes, xéneros literarios compatibles coa onda neoconservadora que entroniza líderes putañeiros ou venais. A realidade supera á ficción pero rebaixándoa, arrastrándoa polo zudre das miserias humanas. Eu publiquei un relato protagonizado por un conselleiro da Xunta corrupto, resolvido a angazar follatos de papel moeda para vivir o resto da súa idade coa barriga ao sol de Ipanema. Nunca se me ocorrería fantasear con políticos que van a serrucho con tramas delitivas a troco dun popó de luxo, duns traxes ou dun albornoz rendado con fíos de ouro, porque semellantes raspas non dan a talla de herois novelescos. Hai, así e todo, razóns para a esperanza achegadas polo cientista James Lovelock, quen vaticina que a final de século quedarán mil millóns de persoas no mundo fronte aos seis mil millóns actuais, por efecto do quentamento global. Consolémonos pensando que, se non os electores, será o cambio climático quen acabe con incontables simoníacos destinados ao pozo de réptiles do inferno dantesco.
1 comentario:
¿Moito "Gurtel"?
¿Pouco "Faisán"?
Publicar un comentario