25 nov. 2009

A verdadeira Rosa Díez
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 25.11.2009

O tempo, a realidade e as circunstancias van labrando, aos poucos, o verdadeiro perfil de Rosa Díez. Acaba de celebrar o seu persoal partido o seu primeiro Congreso e váiselle vendo cada vez máis o penacho a esta muller que proclama que non é "nin de dereitas nin de esquerdas". Eu teño dito -aínda ela a militar no PSOE e a cobrar como eurodeputada do partido- que habería que realizar un estudo sobre o perfil psicolóxico-político desta muller tan admirada pola Fundación para la Defensa de la Nación Española e tan valorada pola Falange Auténtica, organización esta última que non hai moito presentaba un libro titulado"La coreografía azul de Franco e que lle ofreceu no seu día a Rosa Díez, non sen entusiasmo, a súa integración como independente nas súas candidaturas. Xa ven vostedes. A que fora conselleira de Turismo e Comercio do Goberno vasco, con Ardanza de lendakari, propón agora, através do seu particular partido político, borrar da Constitución calquera referencia ás distintas "nacionalidades" que conforman o Estado español; e aínda vai máis alá esta Rosa de España Única, porque tamén pide eliminar a especial "protección e respecto" á pluralidade lingüística. Vexan senón o que di a Bárbara Señora e o seu partido ac hoc en bárbara expresión: "Una protección adicional de las lenguas minoritarias va en contra de los derechos de los hablantes, y es retrógrada". E velaquí unha nidia vocación etnocida, con pulsión destrutiva e salvaxe á vista, claramente regresiva e nostálxica da placidez franquista, en estado puro. Rosa Díez estase a manifestar, cada vez máis, como nacionalista española radical, aínda que ela no seu delirio político narcisista non teña a necesidade de definirse ou sentirse como tal. E podería aplicárselle perfectamente -ela tan soberba e vaidosa até a exasperación doentía, e tan exhibicionista de virtudes- aquilo que dicía Nietzsche: "O que nega a súa propia vaidade adoita posuíla en forma tan brutal, que debe pechar os ollos se non quere desprezarse a si mesmo".
Ilustración da revista Vida Gallega, anos 50.

2 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

A ilustración sobre os Peares non será unha chiscadela ao presi Feijoo?

o mesmo, pero disimulando dijo...

Se permiten que o diga, eu estou preocupado.

Nunca tiven medo das tormentas. Ó contrario, gostaba delas. Lembro algunhas magníficas na aldea e unha en particular sobre o mar de Corcubión, tomando un cubata que me preparei ad hoc -con perdón- na terraza do cubículo que collera no Motel O Hórreo. A última de certo interese foi por terras de León, entre León e Astorga. Eu viña escoitando no cassette do coche Cadros para unha exposición de Musorgski mentres o ceo, en todos os horizontes era unha esmorga de serpes eléctricas, rosas, marelas, azuis.

Un día sorprendinme con medo. Estaba na aldea, había tormenta e eu tiña medo. Mesmo tomei precaucións, algunha pode que ridícula: tapei a boca da cheminea francesa porque o tiro pareceume perigoso. ¿Por que tiña medo? Porque as miñas fillas estaban comigo. Non tiña medo por min, se non por elas. E agora que teño unha neta de once meses, nin lles conto.

Francamente, síntome preocupado. E, ademais, paréceme tan mezquiño que nos rouben o tempo e a atención con estas cousas tan estúpidas cando temos tanto por facer.

O dos Peares, en efecto, pode influír na pouco crible confusión de Núñez Feijóo. Santiago Lamas, no seu esplendente ensaio GALICIA BORROSA, explica moi ben o que pasa aló, coa confluencia dos dous ríos.

En fin, seique xa temos presidente permanente da Comisión Europea e mais señora ministra de AA.EE. Algo é algo.