10 ene. 2010

A única Administración responsable de protexer o galego
Alba Nogueira López
Vieiros, 07/01/2010

Con irresponsabilidade renuncia a Administración Feijoo a protexer de xeito reforzado o galego sendo como é a única Administración no mundo que ten encomendada a defensa da nosa lingua. Non van facelo as Administracións murciana, andaluza, central, arxentina e tampouco a británica. Algunhas delas adicarán o seus esforzos a protexer o castelán, como ben sabemos, outras ao inglés sen preocuparlle moito que os seus cativos sexan plurilingües.

O debate non é, mal que queiran botar tinta como a lura para encerellar, se a cidadanía galega debe falar mellor inglés. Falso debate. Os galegos e galegas falan máis linguas que o resto dos españois –cando menos dúas-; falan mellor as estranxeiras e as oficiais –o informe PISA así o confirma-; e para falar moitas das linguas estranxeiras sons específicos da nosa lingua colócannos en mellor posición que ao resto dos unilingües do Estado (o “x”, as sete vogais, o “n” nasal velar sonoro de palabras como “unha”).

O debate é se podemos darlle igual tratamento no sistema educativo obrigatorio, a linguas oficiais e a linguas estranxeiras coa única finalidade de non protexer aquela única á que a Constitución e o Estatuto nos confían a súa protección en exclusiva.

O Decreto que se anuncia do plurilingüismo contravén con claridade o conxunto do ordenamento aplicable ao eido educativo. Fronte aos mandatos de protección da lingua propia da Constitución e o Estatuto suprímese a adquisición da lingua en educación infantil, se os pais o queren, e rebaixase a competencia en educación primaria e secundaria (un falso 33% no que nin tan sequera terán que falar ou examinarse en galego salvo na materia de galego). Fronte ao mandato de progresividade no coñecemento da Lei de Normalización Lingüística, por primeira vez a normativa de uso do galego nas aulas vai a ceacú. Fronte á marxe maior que ofrece a Lei Orgánica de Educación ás comunidades con lingua propia (o 45% do horario escolar, fronte ao 35% das que non teñen máis lingua que unha) o goberno galego decide homologarse a La Rioja e utilizar unha parte dese horario para aumentar o inglés e o castelán.

Lonxe de afondar no exemplo dos países con mellores resultados no informe PISA, no que Finlandia é un exemplo, innóvase ao revés. Finlandia basea o seu sistema educativo na firmeza na adquisición das linguas propias –finés e sueco- durante os dous primeiros anos de educación obrigatoria centrando nese esforzo a maior parte do tempo escolar xunto ás matemáticas. A introdución do inglés faise como unha materia diferenciada impartida por especialistas a partir de terceiro curso que ten como obxectivo principal a práctica oral. Para iso os grupos son máis pequenos que os que manexan os nosos mestres e profesores (25 nenos en infantil e primaria, 30 en secundaria). Non hai materias “en” inglés.

O profundo complexo que revela este proxecto de norma, propio de quen pensa que os galegos mais que falar con corrección a lingua que usamos para vivir e construírmos o noso pensamento debemos ser emigrantes; a absoluta irresponsabilidade de quen renuncia a exercer unhas competencias de protección da cultura e identidade propias que non vai mais ninguén mais por nos; o claro desleixo e descoñecemento da realidade do sistema educativo; a ausencia de vontade de investir na educación reducindo o número de nenos nas aulas, aumentado o profesorado, financiando materiais, informatizando as aulas, abrindo aulas de linguas, son o que agocha este proxecto de norma para o unilingüismo nas aulas.

6 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Que nos manden a todos todas un par de meses a UK (eu xa me pido Londres, a ser posible Chelsea) ou a EE.UU (eu xa me pido NY, a ser posible upper east side en Manhattan) a aprender o inglés. E que saquen daí mesmo a materia de inglés e poñan outra.
Total, para o idioma que aprenden os cativos/as.

Nota: De paso tamén poden quitar educación física, alternativa e educación para a cidadanía.

arume dos piñeiros dijo...

Se hai que ir a Australia ou Sudáfrica tamén se vai. Por aprender o idioma que non quede.

Xosé M. González dijo...

Eu pido este centro de aprendizaxe. Con <a href="http://www.penfolds.com/wines/luxury/default.aspeste tema de conversa</a>, a seguir ao traballo de campo.

Temo con todo, Arume, que non nos van mandar. O caso é que non poñan como obriga dos departamentos de Inglés apoiar todo o proceso; e os de Galego onde non sexa <i>lingua A</i>.

Xosé M. González dijo...

Eu pido este centro de aprendizaxe. Con este tema de conversa, a seguir ao traballo de campo.

Temo con todo, Arume, que non nos van mandar. O caso é que non poñan como obriga dos departamentos de Inglés apoiar todo o proceso; e os de Galego onde non sexa 'lingua A'.

Anónimo dijo...

O conselleiro de educación ten claro que o PP non vai consensuar o decreto cos radicais dun e doutro extremo.
Teño curiosidade de saber como o consigue clic
Quizais lle gusten os retos imposibles (como a aplicación do propio decreto)

Anónimo dijo...

Eu daríame por satisfeito se todos os rapaces que rematasen o ensino obrigatorio tivesen un nivel fluído, por oral e escrito, do galego, o español e mais o inglés. Mágoa que a cousa non vaia ser así...

Pero contándolle un feixe de mentiras ao pobo, logo reproducidas na prensa adicta ao PP, pois xa está. Diante dos pais o decreto queda moi bonito. E eles, os do PP, a seguiren collidos ao poder.