12 ene. 2010

Profesora na Facultade de Dereito da USC
María Begoña López Portas:
"A comunidade pode quedar descolgada do autogoberno se non reforma o Estatuto"
A autora do libro Galicia y Escocia. Dos modelos federales, publicado pola Universidade de Santiago de Compostela, afonda en que, a diferenza do que pasa no Reino Unido, en España os temas importantes para cada rexión na UE non os debate a propia autonomía
Galicia Hoxe, 12.01.2010 R. CANDAL
A doutora en Dereito María Begoña López Portas publicou o ano pasado, a través da Universidade de Santiago de Compostela, o libro Galicia y Escocia. Dos modelos federales, no que analiza moi polo miúdo as semellanzas e diferenzas entre a nosa comunidade e o país británico en canto a nivel de competencias, desenvolvemento normativo e sistemas.

Como xurdiu este libro?
O punto de partida foi a miña tese doutoral. O proceso de Devolution inglesa comezou en 1998 e no 2002 comezaba a consolidarse. Por outra parte, no 2001 empezan a formularse as reformas dos Estatutos de Autonomía en España, o catalán, o valencián... como un paso máis para acadar a autonomía rexional. Aproveitando que tanto no Reino Unido como en España estaban cobrando pulo as reformas para que as rexións acadasen maior autonomía, decidín facer un estudo comparado desde dúas dimensións e tradicións xurídicas tan distintas.
En que se parecen Galicia e Escocia?
En España partíase dun Estado unitario herdeiro dos 40 anos da ditadura franquista, e foise cara a un sistema máis federal descentralizado, e o mesmo acontece en Reino Unido, que partiu do tradicional estado unitario británico e entendeu que había determinadas rexións que querían acadar autonomía, que se mantiveron ó longo da historia e nestas últimas décadas intentouse darlle unha canle xurídica e política.
No eido de competencias e de autogoberno, quen está máis avanzado?
Aínda que as tradicións histórico-culturais, xurídicas e políticas sexan moi distintas, podemos atopar paralelismos e isto é importante porque o sistema de distribución de competencias é distinto. En España, o sistema de listas de distribución competencial é pechado. Temos que consultar a Constitución, o Estatuto, sentenzas do TC que van perfilando as competencias do Estado e da Comunidade Autónoma. O sistema que se usa pretende evolucionar cara á uniformidade. Se ti colles os últimos novos estatutos reformados, verás que presentan igualdades. Imos cara a unha maior autonomía, pero con carácter de uniformidade. No sistema británico, a autonomía que ten Escocia é moi distinta que a que ten Gales. Escocia pode lexislar e executar lexislación sobre as súas competencias, Gales só pode executar. Logo, por un lado parece que Escocia ten máis competencias que Galicia porque o sistema de listas abertas parece que lle concede máis. Onde está a trampa? O sistema de atribución de competencias en Escocia é unha lei do Parlamento británico, de forma que este podería ditar outra lei en contra revogando todas esas competencias e polo tanto parecería que as garantías desas compentencias escocesas son menores que as garantías que teñen desde o punto de vista constitucional as competencias de Galicia. Non se pode dicir quen ten máis competencias, depende. Que pasa? Que dada a tradición anglosaxoa de ser reacios ós cambios, é moi dificil que os británicos ditasen agora unha lei que lle quitase competencias ós escoceses. Ademais, este sistema de Devolution estase estendendo, intentando aplicalo ós entes rexionais e xa locais tamén de Inglaterra.
Moitos nacionalistas toman a Escocia como o modelo a seguir por Galicia...
É un modelo a ter en consideración, pero é un modelo distinto. O modelo de Devolution escocesa xurdiu en consideración de que Escocia se anexionou voluntariamente ó Reino Unido tras o Tratado da Unión en 1707. Durante todos estes anos, Escocia tivo a súa propia moeda, igrexa, sistema penal, universidade... Tivo unha autonomía que Galicia non tivo. A solución que se busca no Reino Unido nace nun país concreto para un problema concreto. Triunfa porque ten en consideración eses elementos históricos, políticos e xurídicos dese país. É igual que o Estado autonómico, triunfa aquí porque ten en consideración o principio de unidade, de autonomía e de solidariedade que establece a Constitución.
Que nivel de desencentralización dirías que hai hoxe no Estado español?
O estado autonómico xa vai máis alá, para min xa se superou o concepto de descentralización e por iso falo de novos modelos federais simétricos (España) e asimétricos (Reino Unido). O Estado das autonomías é un modelo de novo federalismo simétrico.
Pero nese novo modelo a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia segue pendente...
Ese é o problema. Dentro da evolución que se produciu no estado autonómico, hai unha maior cota de autogoberno na primeira fase por parte das autonomías históricas, ás que se une Andalucía, pero tras os acordos autonómicos e os pactos do 92, todas as demais comunidades, pola vía das reformas das leis orgánicas de transferencias acadan as mesmas cotas de autogoberno que o resto. Na actualidade, o desenvolvemento do estado autonómico volve concederlle novas cotas de autogoberno ás comunidades, pero pola vía das reformas estatutarias das propias autonomías. En total van seis reformas de estatutos aprobadas, incrementando o autogoberno. Quedan pendentes outras comunidades. No caso do Estatuto de Galicia, o problema fundamental é que o acordo autonómico non se conseguiu, e tras unha primeira fase de sondaxe das entidades importantes da sociedade galega, o proceso decidiu paralizarse porque dicían que non se conseguía un acordo de mínimos. O problema é en que situación se pode atopar a comunidade autónoma galega se non se reforma o Estatuto de Autonomía. Porque se a cota de autogoberno se incrementa pola vía da reforma estatutaria, que ocorre coas comunidades que non reforman os seus estatutos de autonomía?
Logo, urxe reformar o Estatuto galego...
Si, sobre todo pola conxuntura. Agora estamos pendentes da sentenza do TC sobre o Estatut catalán. Na sentenza do Estatuto valenciano, do 2007, o TC enumera en 50 folios todos os elementos que considera importantes do estado autonómico e comprende que esta asunción das competencias que se ven producindo polas novas reformas dos estatutos de autonomía terían amparo dentro do marco constitucional. Veremos agora o que ocorre co estatuto catalán. O problema sería se Galicia se pode quedar ou non descolgada se non reforma o seu estatuto de autonomía.
O presidente da Xunta di que é mellor esperar antes de poñerse a traballar de novo en Galicia...
O problema é que tamén se está falando da reforma da Constitución. Algúns autores formúlanse se é que estamos empezando a casa polo tellado, xa que algúns elementos que se queren reformar da Constitución abarcarían o estado das autonomías.
E a nivel de Europa, Galicia ten a voz suficiente?
É certo que se incrementaron as vías de participación autonómica na UE, pero, a diferenza de Escocia, os temas importantes non os debate a propia comunidade autónoma en nome de todo o estado español, senón que simplemente forma parte da comisión delegada. Deste xeito, as decisións non son adoptadas por aquelas comunidades que se poden ver máis afectadas polo tema. No caso do Reino Unido, se na Comisión houbera que negociar unha cuestión de pesca, só iría a delegación escocesa, porque se entende que é a rexión que máis se vería afectada polo tema de pesca. No caso de Galicia non é así.
O PERFIL
María Begoña López Portas (1978) é diplomada en Estudos da Defensa Nacional (Ceseden), doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado desta universidade.
As súas principais liñas de investigación actuais cos novos modelos federais e a participación rexional, o estudo do ámbito competencial autonómico e a análise comparativa do autogoberno rexional.
É autora e coautora de diversas investigacións e traballos en revistas especializadas e obras colectivas como El sistema competencial de Galicia: Autonomía y federalismo; Un breve análisis de las propuestas regionales en el contexto multilevel europeo: el caso vasco; ou La figura dos Estado en los procesos de integración y descentralización política. Unha relfexión sobre su naturaleza jurídico-política, etc, entre outros moitos traballos.

9 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Moi interesante a entrevista e moi sensatas e moi elaboradas as respostas. Noraboa.

apicultor dijo...

Sen dúbida que é interesante a entrevista. E a teor das respostas, o libro ten que selo aínda máis. Haberá que facerse con el e lelo. Parabéns tamén á autora.

arume dos piñeiros dijo...

Engado eu que persoas de talento coma esta muller hai a moreas: mágoa que as que deciden ou opinan sexan outras.
A casta, en fin.

apicultor dijo...

Pois si, Arume. Parece que, no ámbito da política e do xornalismo de opinión, por tónica xeral o que máis tende a prevalecer é a "selección dos máis (in)aptos". E así nos vai.

Anónimo dijo...

As inepcias abondan no ámbito da política, do xornalismo de opinión e da universidade. E cando dúas ou tres desas actividades coinciden nunha mesma persoa, a cousa non se pode aguantar.

apicultor dijo...

Exacto e preciso, anónimo.

Anónimo dijo...

Mecachis, pero que guapos somos e qué feos son os demais...

apicultor dijo...

Pois tampouco.

alfonso dijo...

A ver se consigo o libro, eu adoro Galicia e interésame moitísimo Escocia. Ata logo!