Vai de guay
Rosa Enríquez
La Región, 14-01-2010
Rosa Enríquez
La Región, 14-01-2010
Cantas veces temos observado en alguén condutas absurdas, propias, exclusivamente, da mala educación, que son silenciadas pola covardía doutro/a que unicamente observa, escoita e cala? Centos de veces. Estou certa. Son estas persoas, individuos cuxa delicadeza social obedece a criterios arbitrarios tan pobres como o socorrido ‘feeling’, ou, tamén, a inestimábel condición de ‘guay’ do destinatario desta amabilidade, en ocasións reprimida voluntariamente para reforzar posicións ante alguén pouco coñecido que, ouh fortuna caprichosa!, non ten a pinta acaída para nos gustar. Visto dende fóra, a escena ten o aspecto da representación teatral da imbecilidade levada á rúa, a xeito de performance. O título podería ser algo así: Pódese ser máis estúpido/a? Imaxinemos a situación. Dúas persoas crúzanse, por exemplo, nun paso de peóns, fartas de coñecerse e re-coñecerse. Unha intenta saudar e queda coa boca aberta, co ‘ola’ na gorxa, sen entender nada. Porque pasa isto? Sinxelo, pensa o/a ‘negador/a’ (gústame chamarlle así aos/as prexuixosos/as) eu, ver, o que se dí ver, véxote de sobra mais fago o/a despistado/a porque eu son así, guay de todo. Daquela, chegados a este punto da cuestión, caio na conta de que o problema é máis fondo do que parece. Un riso prepotente, cheo de suficiencia non servirá de nada. Só para enganármonos a nós mesmos, como os negadores/as cuxos complexos os obrígan a ofender, a obviar e, en moitos casos, a maltratar a aqueles ou aquelas que lles estorban.Argumentos de peso para o rexeite? Absolutamente ningún que pague a pena analizar. ‘Cáeme ma’l ou ‘non temos empatía’ resultan demasiado infantís e os adultos hai tempo que deixamos a escola. O problema é que a aparente imbecilidade que subxace neste tipo de actitudes, acocha polo baixo un terríbel fascismo emocional que remata por estenderse entre os distintos componentes do grupo negador, curiosamente convencido de ser ultramoderno, isto é, guay do paraguay. Para que nos entendamos, que, paradoxalmente, practican o que denuncian. A saber, o totalitarismo grupal, a xenofobia e o racismo da apariencia. Por iso, interesa ter unha visión ampla, certa profundidade de campo, algo de autocrítica e moita educación. Sobre todo o último. De pouco ha servir que formemos os menores en valores como a igualdade e o respecto se nós propios, somos insolidarios/as, prepotentes e soberbios até o punto de crer nunha certa superioridade baseada nun suposto don da simpatía que consiste, a meirande parte das veces, en ridiculizar ao outro/a. Non tes gracia suficiente? Non te divirtes coma nós? Mala sorte. O que che queda é o ostracismo...? Simplemente non pode ser.
5 comentarios:
Hai xente que non ve e non o recoñece. Non pon lentes. Pasamos perto deles e non saúdan porque non ven.
Outros teñen tal nivel de abstracción que pola rúa van co piloto automático. Un servidor. Tenlle acontecido de ser parado por un coñecido e precisar de unhes minutos para decatarse onde está, ou para rememorizar a onde vai.Reprogramarse para continuar.
Penso, que non sempre é a negación, o outro pode que non se entere.Simplemente.
E os artistas sonlle moi sentidiños.
Que lle quere?.
A casuística é grande. Certo que hai xente que é moi curta de vista ou vai moi ensimesmada, como di Lobo Neghro. Mais tamén é certo o que di Rosa: aqueles que se deixan levar por prexuízos ridículos e que xulgan as persoas en base a dicotomías infantís: guai/non guai, cáeme ben/cáeme mal, mola/non mola, etc.
En fin, que ten que haber de todo como en botica.
Por certo, o artigo está moi ben escrito. Parabéns á autora.
q
A educación dende logo non é un valor en alza. O outro día escoitei con tristura a un creador galego de fama internacional contar á súa parella como lle fora nunha entrevista cun conselleiro da Xunta. Na citada entrevista, realizada en Madrid, o conselleiro díxolle: ¿No te importe que te escuche viendo la tele, es que salen los míos?. Non é preciso dicir que o citado personaxe non se enterou de nada do que o creador lle dixo. E, este tivo que marchar humillado, desolado e abraiado. Polo que parece como tantos outros creadores galegos... Isto ainda é peor que non saudar nun paso peoníl. Bastante triste.
Creador? Vaia palabra! Que é un creador?
Publicar un comentario