16 mar. 2010



Maldita TDT
Afonso Vázquez-Monxardín

La Región:16-03-2010
Afonso Vázquez-Monxardín
Aquela velliña tiña os ollos poboados de historias familiares pero agora botaba horas na compaña de mociñas berronas e descaradas como a Belén Esteban. Non entendía ben os seus líos pero íaselle o tempo con aquelas bonecas da televisión. E nestas chegou a TDT.
A filla regaloulle un televisor de 32 pulgadas, plano, para que non andase con dous mandos. A ela abaneóuselle o mundo. O aparello vello, de case vinte anos, non se vía ben nas esquinas e tiña a pantalla algo verdosa. Non lle importaba. Era dela, como a cociña. O seu home, afeccionado a esas cousas, colocara os canais: a 1ª no botón un, a 2ª no dous, a 3 no tres... A filla e o neto fixéronlle ver que podía ver case cincuenta canais e un botón coa información das programacións... O neno, unha xoia, deulle vinte instrucións en cinco minutos. O neto miraba para o mando e a tele alternativamente. Ela sorría e miraba para o neto. Que listo era. Ao acabar, déronlle un agarimoso bico e marcharon felices. A mamá xa tiña tele nova.
Así que os despediu, ollou de pé coas mans entrelazadas a inmensa pantalla e suspirou antes de ir preparar a comida. Pero así que tiña peladas as patacas deuse conta que coa visita pasáralle a hora da telenovela venezolana. Correu á salita, colleu o mando -resultoulle estraño- e mirou o televisor. Ah claro! O novo! E como funcionaba? Deulle ao botón de arriba da dereita e nada. Deulle a outros. Nada. Contrariada, volveu á cociña. “Menos mal que o Pepe está a chegar e xa mo explica”. Sempre lle gustaran os aparellos. Puxo a mesa e sentouse a esperar. As xudías cos ovos cocidos xa pelados agardaban sen escorrer para que estiven quentes cando chegase.
Esperou. As dúas. As dúas e media. As tres. As catro. Nerviosa colleu o teléfono e marcou o número que lle tiñan apuntado. Coa voz rota, díxolles que estaba moi preocupada, que seu home non daba chegado e nunca tal fixera. En tres minutos soou o interfono e abriulles. Viu unha axente loira de coleta por trás da gorra e tatexou que non chegara o home e que sempre vían a telenovela xuntos. E rompeu a chorar. Non entendía que pasaba. A moza policía colleulle a man e, lembrando á súa avoa, sorriulle. Preguntoulle se tiña fillos. ¡Claro que tiña! Deulle solícita o teléfono da filla. Ola, bos días, é fulanita de tal? Si, son eu, quen é?, que pasa? Son a axente tal da policía. Estamos na casa da súa mamá que nos acaba de chamar. Está moi impaciente porque o seu marido non chegou aínda a casa, sabe? Ai mamá. Vou de inmediato que vivo ao lado. Non se apure, pero sabe algo de seu pai? Tiña algún motivo para ausentarse?
A filla musitou entre dentes: leva cinco anos morto. Logo houbo moitas máis lágrimas. A velliña, desesperada, non daba entendido como lle ocultaran a morte do seu Pepe eses cinco anos e como ela non se dera conta. Maldita TDT, escapóuselle á filla. Maldita, repetiu a axente mentres marchaba a outro servizo.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

ZzzzzzZzzzzzzZzzzzz...

Lizgairo dijo...

Mentras Anónimo bota unha soneca despreciativa, Baltar&Son seguen aí. Felices soños.

Anónimo dijo...

ZzzzzzzzzZzzzz,vostede pra non bostezar debe ver a Tv de Belen

Anonimoso dijo...

¿Despreciativa? Eu pensei que o ZzzzzzZzzzzzZzzzz era a súa mellor achega posible á cultura.

Anónimo dijo...

Cre o verdadeiramente Grande Papón
que todos son da súa condición