AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN
camiño do vao
Modelos de inmersión
Galicia Hoxe:2-3-2010
Hai quen pensa que o da inmersión lingüística é meter nenos no fondo dunha bañeira chea de auga con grelos triscados, retrincos de Sempre en Galicia, folletos da Mesa e de Prolingua, mentres se lles suxeita o pescozo cunha forquita ou galleta desas que noutrora se usaban para termar dos toxos encanto non lles chegaba o tallo definitivo do podón. Mentres as testas dos pobriños cativos estivesen apreixadas contra o fondo habían soar fortes os chiídos da Real Banda de Gaitas de Ourense que pararían cada pouco para sacarlles as cabezas da auga coa intención de que non abafasen de todo e para comprobar, despois de deixalos arfar o que lles cumprise, canto de lingua galega en forma de anaquiños de papel ou triscos greleiros lles ía entrando polas gorxas abaixo. Algúns queren facer crer que a inmersión se faría, máis ou menos, así. Afogados por inmersión. E haber, hailles xente para todo. ¿E logo non lembran aqueles 39 tipiños que se suicidaron en California, en 1997 para ir nun ovni agochado na cola do cometa Hale Bopp a outra dimensión celestial? Como nos ensina a historia, nada deixa de ter os seus crentes radicais por inverosímil que sexa a idea ou polo moito que vaia contra o sentido común. E así, inda que sexa un disparate pensar que os que estamos a favor da inmersión queremos que de- sapareza o castelán ou fastidiar os nenos castelán parlantes, sempre haberá algunha alma cándida que o crea e nos apoña unhas intencións que ignoramos.
Por iso eu quero outra imaxe da inmersión. Estamos no verán. Tardiña de calor. Sete ou oito monitoras e monitores, con tipos atléticos que cobiza causa miralos, mergúllanse na auga fresca da piscina. Van chamando aos rapaciños e rapaciñas que se achegan de man das nais para que lles ensinen a nadar. O primeiro é que perdan o medo. Teñen que meter a cabeza debaixo da auga, con calma, para colleren confianza. O obxectivo é que se movan con soltura fóra e dentro. Que aprendan a nadar pois así gozarán máis do verán e non estarán incómodos na praia nin na piscina. O que non quere dicir, claro, que se convertan en parentes das sardiñas ou xurelos. O mesmo pasa con andar en bicicleta. De pouco vale a teoría (un equilibrio de forzas centrífugas e centrípetas gobernado por un suxeito que reparte a súa masa de forma proporcional e alternativa aos vectores de forzas contrapostos...). Pois se para saber nadar hai que nadar, e para andar en bicicleta hai andar en bicicleta, para garantir o dominio efectivo semellante da lingua galega e castelá ao final do ensino haberá que potenciar e falar máis a máis desfavorecida, digo eu. Moita ciencia non parece ter a cousa.
13 comentarios:
Eu creo que vou empezar a dar coa cabeza contra as paredes.
¡Que me internen nun psiquiátrico, para ser Jack Nicholson en Alguien voló sobre el nido del cuco!
Cú-cú; cú-cú.
Certamente as cousas son así, pero certamente fixéronse tamén moitas cousas mal.
Os mestres que agora tanto se laian da estupidez de Feijoo tiveron nas súas mans a capacidade de crear un mundo amígabel de adaptación ao galego, e non o fixeron. Escolleron, por exemplo, textos educativos mal redactados en castelán e pior traducidos ao galego. Textos horribles. Supoño que os escollerían polo moito que lles deron os vendedores desas editoriais, non o sei, pero sei que moitas nais (pais tamén houbo, pero menos) queixáronse do malos que eran os libros de texto en galego. Eran malos en castelán e eran peores en galego, xa que foran traducidos sen coidado e sen ter en conta aos rapaces... nen ás súas nais, que se atoparían por primeira vez con palabras descoñecidas.
Co sinxelo procedemento de engadir un pequeno dicionario trilingüe ao final do tema, cando se fai o resume, moitas nais poderían ter aprendido o que é o "chumbo".
¿Unha parvada? Non, amigos, trátase dunha petición xusta: os mestres esqueceron que os pais tamán axudan aos nenos, e que os pais foran escolarizados en castelán. Moitos non saben o que é unha "faia", porque tampouco están moi certos de saber o que é unha "haya" en castelán. Un pequeno dicionario ao final de cada tema explicando os termos clave en galego, e incluindo a tradución en castelán e en inglés tería sido moi benvido... pero iso tropezaría coa estupidez de moitos mestres, que teñen ciumes de que os seus nenos aprendan "da súa asignatura", "noutra asignatura" (sei de problemas con mestres de inglés por iso).
Malos mestres e malos textos, meturados con malos políticos e co autoodio da poboación... e aínda así non saíu tan mal a cousa.
Loureiro ten a súa cota de razón, claro. Feito como que uns libros de matemática utilicen LONGO-LARGO e outros LONGO-ANCHO (de amplus, non castelanismo, evidentemente) mareou a perdiz. Ou como un de historia que confunde hipocorísticos con nomes propios etc. Se cadra a supresión da previa aceptación oficial non foi boa idea, porque esa supervisión da SXPL podía peneirar algo as cousas. Co glosario, de acordo totalmente. Pero a responsabilidade dos profes de galego foi hipertrofiada pola historia. Construímos o que cada un entendeu posible no medio dun combate múltiple, de frontes esvaídas, de auténtico revoltallo, líos ortográficos, políticos, pedagóxicos, de utilización da lingua como arma, etc. Claro que se fixeron máis moitas cousas ¿Faríamos algunha ben?. O caso é saber se estamos aínda a tempo.
E... os que andan a facer o regulamento da Lingua (os políticos),leran o que se reflexiona sobor do tema....?
O que quería dicir, está dito por Loureiro..e terminaría coa esperanza de que aínda hai cousas que se poden facer ben, pero o cambio foi radical, notablemente sentido pola xeración dos que estudamos en castelán. Un biquiño
Felicidades ao amigo Marcos, no día do seu cumpreanos. Tanti auguri da Vigo.
Albricias !!
Velaí onde estaban os males e penurias varias que afogan a nosa lingua:
NA ESTUPIDEZ DOS MESTRES
Sobran os comentarios.
Evidentemente os mestres non son os culpables. Se algo avanzou o tema da lingua foi grazas á TVG e aos mestres, pero isto non debe obviar a necesidade de autocrítica revolucionaria e da expiación pública dos males. A TVG podía ser mellor e os mestres tamén.
E o clima. E o viño. E os políticos.
Pois eu fixen varios cursos de galego e tiven sorte porque os mestres eran estupendos...quizáis a "culpa" e de certo público que ten certos prexuízos contra o galego, inda por riba que seguro que é o idioma dos seus pais o dos seus avós. Os tan manidos..."para qué vale?" "se inventan las palabras" "lo cambian todos los años" "con tal de que sea diferente al castellano". Cómo trocar isto?? para empezar con moitísimo tacto...o ten certos políticos coma Bieito Lobeira?? parece que lles pertence o idioma só a algúns...cando é doado demostrar que a nosa lingua só pertence ó que a queira usar, no rural emprégase maioritariamente e votan en masa ó pp, leiceaga-soe- ou cuiña jr. -pp- poderían ratificar istas razoadas verbas, non así chaves ou negreira -deus os "castigou" con eses apelidos- do pp ou paco vázquez do soe. Viva o Galego, idioma UNIVERSAL para quen o quera ler, estudar, escoitar ou falar. Ata logo rapaces!
lll
O Apalpador, en troques de repartir castañas aos rapaces para que coman, reparte labazaas.
Si: os mestres teñen parte de culpa. Dixen iso, e manteño iso. Se o señor apalpador quere dicir outra cousa, que argumente.
¿Ou defende vostede os libros de texto criminais que os mestres escolleron? ¿Se cadra saca vostede tallada tamén das editoriais? ¿Cantos libros de Coñecemento do Medio foron escritos e pensados en galego e dende Galicia? ¿Tería costado moito darlle os temas a media ducia de mestres de aquí para que escribisen os textos? ¿Ou non hai mestres que escriben como para facelo? ¿Ouviu o señor apalpador algunha vez o nome de -por exemplo- Fernández Paz, Docampo, Casalderrey...? ¿Non están cualificados, ou as editoriais prefiren poñerlle o tradutor automático a un texto -malo- en castelán para producir un texto horrible en galego?
¿E non foron os mestres culpables por neglixencia ao aceptaren tales textos?
Madure, señor Apalpador, madure. E, se é vostede mestre, considere a crítica antes de lanzarse a rachar camisas.
A alegoría da piscina podería ser socialmente ben pedagóxica; máis confusión igual produce o de centrífugo e centrípeto, ou anda aí a torpeza escolar miña coa Física. Escriben despois outros con xusteza, sempre axuda a retrospección; pero teño a impresión de que a cousa e situación, agora, deu un cambio cualitativo necesario: un goberno acaba de (case) propoñer que se rebaixe uso do galego nos centros educativos; do outro lado, puntualízase abertamente a conveniencia da inmersión.
Ao final, as campañas contra-galego do ano pasado clarifican o panorama, descubrindo que somos máis e temos más que alegar do que ao mellor o conxunto dos galegos xa pensaba. De novo unha sensación de que hai camiño polo que andar. Parabéns, Marcos, no teu día.
Os parabéns de Arume e Saavedra foron transmitidos hoxe mesmo ao amigo Marcos. El devólvellos multiplicados por cen.
Publicar un comentario